LIBROS

Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural (2010)

Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural é unha caixa de ferramentas que contén vinte e tres achegas textuais contra a superestrutura ideolóxica do modo de produción dominante, a cultura do espectáculo e a propiedade intelectual privatizada. Neste artefacto de urxencia (…) non funciona a lóxica totalizadora do mercado e si a procura de liñas de fuga, de tentativas de sedición. Prescríbese, amais, unha cartografía dos movementos rebeldes e a identificación de lugares de conflito. En Non conciliados, cada documento de cultura é tratado ao tempo como documento de barbarie.

Ao longo dos vindeiro meses, publicaremos neste blog as colaboracións que xenerosamente escribiron Alberte Pagán, Alberto Lema, Aurelio Castro Varela, Belén Gopegui, CSO Casa das Atochas, Cristina García Parga,Cristina Martínez, David Rodríguez Rodríguez, Gonzalo Pallares, Iria Sobrino Freire, Isaac Lourido, Isaac Marrero Guillamón, José Manuel Sande, Lara Rozados Lorenzo, Daniel Salgado, María do Cebreiro, Mario Regueira, Marcos Pérez Pena, Miguel Prado, Ramiro Ledo Cordeiro, Samuel Solleiro, Urro, Xesús González Gómez e Xiana Arias, respondendo todas a un chamamento de urxencia enviado por correo electrónico que aproximadamente reclamaba «xuntar un monllo de textos arredor da cuestión da resistencia, as marxes, a contra e outros conceptos diametralmente opostos á ditadura do beneficio e a explotación das persoas polas persoas, así como diverxentes da cultura como industria (vid. Adorno, Terry Eagleton, Trotsky, Diego Rivera e André Breton) e a prol da constitución da hexemonía socialista».

O libro tamén pode mercarse nas proxeccións do Cineclube de Compostela, naqueles eventos onde teña mesa Estaleiro editora, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, na libraría La Central ou enviando un correo electrónico a cineclubedecompostela{arroba}gmail{punto}com.

Eu vou ser como a toupeira ou Para que serve o cinema? (Alberte Pagán)

Variacións sobre un texto de Benjamin (Alberto Lema)

5 veces 1: despois da representación (Aurelio Castro)

Encenar a resistência ou Da Actualidade de Bertolt Brecht em tempos de Amancio Ortega (Cristina Martínez)

Os fillos que eles nunca quererían ter (CSO Casa das Atochas)

O que se aveciña (David Rodríguez Rodríguez)

Resistir en prosa: Vida e fugas do manifesto moderno (Iria Sobrino)

Extractos de resistencia. Antoloxía de textos expropiados (José Manuel Sande)

Contra o patriotismo (Marcos Pérez Pena)

Algunhas reflexións sobre poesía e resistencia (María do Cebreiro)

Facer filmes contra o seu tempo (Ramiro Ledo Cordeiro)

Cultura e diferenza. Visita ao zoolóxico do discurso político (non dean de comer á extrema dereita) (Samuel Solleiro)

Cultura, resistencia, estética: Loita de clases (Xesús González Gómez)

Historia(s) do vídeo (Xiana Arias Rego)

*****

Cartaces do Cineclube de Compostela (2001-2011) (2011)

O pasado 11 de xuño, ao abeiro das celebracións do 10º aniversario do Cineclube, presentamos o libro Cartaces do Cineclube de Compostela (2001-2011), onde se recollen, en pequeno formato, a meirande parte dos cartaces que a nosa asociación producíu nestes dez anos de andaina.

«Dende o punto de vista comunicativo, no que a forma é constitutiva, os cartaces do Cineclube de Compostela son a posta en discurso da consigna que identifica este acontecemento: partillar non é delito, a propiedade intelectual é un roubo. Estamos diante do valor incidental dun obxecto, dun artefacto-reclamo que nos lindes da tradición construtivista utiliza os medios a bordo, o baixo custe e a velocidade de reprodución: branco e preto; tipografía sen apoios, da estirpe racionalista dos vinte e dos cincuenta, da Futura e da Helvética, con variacións para a escrita manual, de apontamento urxente, como pegada dunha aparición; contraste radical figura-fondo para, nalgúns casos, conducirnos cara ás prácticas do esterxido militante nos muros máis o look-vietnamita, de obxecto múltiple que acolle corpo, materialidade, a través dun dispositivo accesíbel, para a textura final.»

[Margarita Ledo en "O cartaz como ligame", limiar de Cartaces do Cineclube de Compostela (2001-2011)]

O libro pode mercarse nas proxeccións do Cineclube de Compostela, na libraría Couceiro, no CGAC, en Discos Gong, no café-bar 13, no Malas Pécoras, n’As Dúas e na Gentalha do Pichel, ou ben enviando un correo electrónico a cineclubedecompostela{arroba}gmail{punto}com. Tamén estaremos, durante o verán, nas festas de San Pedro (Santiago de Compostela, sábado 2 de xullo), no éMUNDIAL (Santiago de Compostela, sábado 9 de xullo) e no Festival da Poesía no Condado (Salvaterra de Miño, 2 de setembro).

Chuzame! A Facebook A Twitter