Archive forTextos

Parabéns

Aurelio Castro xunta unha imaxe de Joaqu�n Jordá

Hai uns meses, o noso compañeiro Aurelio Castro Varela gañaba o premio de ensaio breve cinematográfico Mari Luz Morales, concedido pola Axencia Audiovisual Galega, co traballo Joaquín Jordá: situacións no dominio da arte. Agora, finalizado o verán, por fin podedes consultar este ensaio aquí. Parabéns, pois.

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Unha experiencia colectiva

A Comuna (Par�s, 1871) [La Comunne (Paris, 1871), Peter Watkins, Francia, 2000]

“Movémonos agora nun período ben sombrío da historia humana, onde a conxunción do cinismo posmoderno (que elimina o pensamento crítico e humanístico do sistema educativo); a avaricia absoluta enxendrada pola sociedade de consumo que barre moita xente coas súas ás nesa catástrofe humana, económica e ambiental que é a globalización, incrementando masivamente o sufrimento e a explotación da xente do chamado terceiro mundo; e a conformidade e estandarización das mentes, paralisadas pola sistemática audiovisualización do planeta, crearon un mundo onde a ética, a moralidade, a colectividade humana e o compromiso (agás o oportunismo) son considerados como “pasados de moda”. Onde o exceso e a explotación económica viraron norma, mesmo para aprender aos nenos. Nun mundo como este, o que aconteceu en París na primavera de 1871 representou (e aínda representa) a idea do compromiso coa loita por un mundo mellor, e a necesidade dalgunha forma de utopía colectiva social, que NÓS precisamos tan desesperadamente como un enfermo terminal precisa o plasma. A noción dun filme que mostrara este compromiso naceu, logo. [...]

Antes da rodaxe pedinlle ao reparto que fixeran a súa propia investigación sobre este acontecemento da historia francesa. A Comuna de París sempre foi severamente marxinada no sistema de ensino francés, malia o feito de que sexa un evento esencial na historia da clase obreira europea (ou talvez por iso) e cando nos vimos por primeira vez, a meirande parte do reparto admitiu que sabía pouco ou nada do tema. Era moi importante que a xente estivera directamente implicada na nosa investigación sobre a Comuna de París, co que se gañaba experiencia na analise dos aspectos do actual sistema francés que fallan na súa responsabilidade de fornecer aos cidadáns dun proceso verdadeiramente democrático e participativo. Definitivamente, o sistema educativo francés é unha das cousas que non está a funcionar neste aspecto. A súa marxinalización da Comuna de París é só parte dun problema maior, que inclúe a completa ausencia dunha educación crítica cos medios. [...]

Durante a rodaxe, o reparto tamén estivo envolvido nunha experiencia colectiva, ao discutir constantemente (entre eles, comigo e cos membros do equipo dirixidos por Agathe Bluysen) que dirían, como se sentirían e como reaccionarían perante os acontecementos da Comuna que se estaban a filmar. Ao tempo, Marie-José Godin preparaba as rapazas e as vellas que facían das nenas da escola católica e as irmás supervisoras, e aos dous curas católicos. O resultado de todas estas discusión trasladouse despois (ou apareceu espontaneamente) ás escenas que se filmaban en secuencias longas e ininterrumpidas, seguindo a orde cronolóxica dos acontecementos da comuna. Á meirande parte do reparto encantoulle esta forma de rodar, porque viron que lles ofrecía máis continuidade e experiencia que a práctica usual de rodar escenas curtas e inconexas. Moita da xente sentiu todo este proceso dun xeito excitante e estimulante, ben distinto da maneira planeada e escrita de facerense a meirande parte dos filmes. Este proceso tamén permitiu ao reparto improvisar, cambiar de ideas, relacionarse uns cos outros, con discusións reais durante a rodaxe, etc. Moitos atoparon esta maneira de rodar dinámica e experiencial, porque os obrigaba a abandonar as poses e o artificio, e levabaos a cuestionarse directamente a sociedade contemporánea, á que tiñan que enfrentarse ao momento [...]

Despois da rodaxe de A Comuna (como resultado da intensa experiencia colectiva) parte do reparto continuou a xuntarse regularmente nos meses seguintes, socializando e intercambiando ideas. O actor, pintor e pedagogo Jean Marc Gauthier desenvolveu a idea de crear unha asociación non xerárquica chamada “Le Rebond pour la Commune”. [...]

Aínda, hai aspectos de A Comuna (na súa concepción, nos métodos de rodaxe, na forma que tomou na edición) que están centralizadas dalgún xeito. O feito de que tente desenvolver formas e procesos alternativos de televisión non muda a realidade de que, en moitas cousas, sigo ancorado nas prácticas tradicionais e xerárquicas. Un pode dicir que é inevitable, que o proceso creativo require unha forza única que o guíe. Ao tempo, un debe pensar na extensión drástica que isto ten nos medios audiovisuais de masas, e na relación excesivamente xerárquica entre produtor e audiencia que se da como resultado. Acho que A Comuna dá exemplo de ambas as dúas formas, as egocéntricas e as abertas e plurais. O papel de A Comuna é pór en cuestión estes asuntos na comunidade, no lugar de traballo e na aula, porque tocan directamente o urxente debate sobre os medios e o proceso de globalización, que é o tema principal desta páxina web. Se un debate reflexivo sobre as prácticas do noso filme axuda a este proceso, mellor aínda! [...]

ARTE respondeu [cando Watkins se negou a realizar máis cortes no filme] que só emitirían a versión curta, para cinema, do filme, xa que a longa aínda estaba “incompleta”. Accedimos a isto, pero só se informaban ao público das razóns para non pór a versión orixinal, como pedíramos. Entón ARTE volveu cambiar de idea, decidiu botar a versión orixinal finalmente, a procedeu a recluíla ás marxes externas da súa programación, anunciando que a emitiría de 22:00 a 04:00 do 26 de Maio. Esto obviamente significaba que dous tercios do filme se emitirían mentres o público durmía. Pedimos a ARTE que emitiran o filme antes, ou en dúas partes en tardes consecutivas. Negáronse. O director de programación de Estrasburgo, que aparentemente nen sequera quixo ver A Comuna, desestimouno dicindo “non é un filme para o horario de máxima audiencia!”. Facendo isto, ARTE deliberadamente se asegurou de que A Comuna non chegase a máis de perto de cincuenta persoas en Francia (“a meirande parte deles, vixilantes nocturnos”, como comentara un xornal) e dun só golpe non só marxinaron o filme tan efectivamente como prohibíndoo, senón que tamén perpetuaron a marxinalización permanente da Comuna de París de 1871 nos medios e no sistema educativo francés”

Anacos das notas de Peter Watkins sobre A Comuna. Podedes ler o orixinal completo en inglés na súa páxina web.

Mércores 27 de xuño ás 22:00
A Comuna (París, 1871) parte I
[La Comunne (Paris, 1871), Peter Watkins, Francia, 2000, VOSG]

Xoves 28 de xuño ás 22:00
A Comuna (París, 1871) parte II
[La Comunne (Paris, 1871), Peter Watkins, Francia, 2000, VOSG]

Chuzame! chúzame -

Comentarios (2)

A dirección de actores por Jean Renoir

A dirección de actores por Jean Renoir (Gisèle Braunberger, Francia, 1968, VOSE)

Como se decidiu o dispositivo do filme, o escenario, o texto de A dirección de actores?
Foi Renoir quen escolleu o texto de Rumer Godden, co que fixera O río. Buscáramos un monólogo porque era máis sinxelo. O feito de sermos só dous permitía ademais ao operador seguir máis facilmente o que acontecía coas dúas personaxes. O escenario era o centro de investigación da ORTF, dirixido por Pierre Schaeffer. Este deixáranos, xentilmente, o plató á nosa disposición toda unha tarde. Renoir chegou á unha da tarde e marchaba ás catro. Tiñamos que facelos todo ou quedaría sen rematar.

Coñecías xa o texto ou déroncho na rodaxe?
Tiña que coñecelo por forza. Rodamos en tres horas. Vinte e seis minutos en tres horas. O texto sabíao de cor, non era imaxinábel facelo doutro xeito.

Fixeches entón unha lectura laboriosa?
Fixena sen a facer. Tentei esquecer, por así dicir, porque había que esquecer un pouco. Con esta economía de medios, non podiamos rodar doutro xeito. E non estou certa de que doutro xeito tivese estado mellor... A xente pensa que é verdadeiramente unha continuidade. Iso é a interpretación.

E ao tempo Renoir está a te dirixir de verdade?
Está, exactamente. A honestidade está en que me facía traballar de verdade.

Esas tres horas con Renoir cambiaron a túa experiencia como intérprete?
Despois nunca me volveron contratar. Algo debeu mudar. A xente diría: "coitada, se a fan traballar tanto para unha escena..." [risas]

(Anaco dunha entrevista con Gisèle Braunberger sobre A dirección de actores por Jean Renoir. Podedes ler o resto da entrevista en francés aquí)

Mércores 20 de xuño ás 22:00
Louis Lumière (Louis Lumière, Eric Rohmer, Francia, 1968, VOSE, 66 min)
A dirección de actores por Jean Renoir (La direction d'acteur par Jean Renoir, Gisèle Braunberger, Francia, 1968, VOSE, 26 min)

Chuzame! chúzame -

Comentarios (2)

Condena polo acceso libre e gratuíto

Un condenado a morte escapou

O pasado 30 de Maio, o xuíz Pablo González Carreró Fojón estimaba a denuncia presentada pola produtora Cámara Oscura Películas SL contra o Cineclube de Compostela pola proxección de Terra negra. Coa súa sentencia, condénase ao Cineclube ao pago de 250 euros, máis intereses e custos, en concepto duns alegados dereitos de exhibición, ignorando por completo toda a nosa defensa. De nada serviu apelar a feitos como o dereito elemental de acceso á cultura, o permiso expreso do director para proxectar a fita, o boicote continuo da produtora ao filme ou o caracter sen ánimo de lucro do Cineclube.

Cunha redacción que mostra ás claras que intereses defende a lexislación actual de dereitos de autor no Reino de España, a sentencia culpa ao Cineclube de que o acceso público á proxección “foi libre –quer dicir, non restrinxido a investigadores ou estudosos, e nin sequera a socios da asociación– e gratuíto”. Asemade, no que semella unha brincadeira de mal gusto, a sentencia xustifica a aceptación íntegra do importe requirido por Cámara Oscura no feito de que “o filme non fora estreado comercialmente” en Compostela, aínda que no xuízo quedara ben probado, como o propio director manifestaba, que o produtor Pablo Llorca non ten pensado proxectalo, nin en Compostela, nin en ningún outro lugar.

Se estes son os delitos dos que se nos acusa, non podemos senón declararnos culpábeis. Levamos tempo tentando traballar por achegar á nosa cidade os títulos roubados á cidadanía polos circuítos comerciais, por abrir a nosa programación ao público máis amplo posíbel e por facer todo isto de balde. Por máis que este xeito de comprendermos a cultura como algo aberto e libre sexa considerado ilegal, nós non pensamos renunciar ao noso traballo. Por iso, acatamos esta sentencia xudicial, mais só pode provocarnos rexeitamento. Se non contamos coa legalidade, non nos queda outra que sabérmonos coa razón.

No Cineclube queremos agradecer, máis unha vez, as mostras de solidariedade que recibimos estes días de diversas persoas e colectivos. Por respecto a vós, e ás nosas propias conciencias, só podemos continuar cara adiante co noso traballo. E ímolo facer. Para alén da nosa programación, o vindeiro 6 de xullo contamos celebrar unha xornada en defensa da cultura libre, coa que financiarmos tanto o pago da soma imposta como a busca de novas estratexias para continuar proxectando filmes libremente. Mentres contemos co voso apoio, ningunha denuncia poderá pararnos.

Chuzame! chúzame -

Comentarios (13)

Farocki / Farrokhzad

Fotograma d'O lume inextingu�bel e autorretrato de F. Farrokhad

"Cara a finais do ano 1968 chamoume un redactor dicíndome que aínda lles quedaba diñeiro e que de non o gastar perderíase.
Na actualidade sufro cando vexo este filme -sempre me ten parecido tecnicamente deficiente. A causa de certo minimalismo, todas as tomas fixéronse cun obxetivo de 10mm. Un filme punk de hai moito tempo.
Mais neste filme a carraxe transfórmase en forza. Coido que o filme tira proveito de que a análise tamén poida ser unha forma de destrución".

Harun Farocki a conto d'O lume inextinguíbel.

***

Presente

Falo desde o fondo da noite,
falo desde o fondo da escuridade
e desde o fondo da noite.

Se vés pola miña casa, amigo,
trae unha lámpada e unha fiestra para que mire por ela
a multitude feliz pola calexa.

Poema de Forugh Farrokhzad, traducido desde a versión en inglés de Ahmad Karimi Hakkak. Podedes escoitar a versión orixinal en farsi premendo aquí.

Mércores 16 de maio ás 22:00
O lume inextinguíbel
(Nicht löschbares Feuer,
Harun Farocki, Alemaña,1969, 25min., VOSG)
+
A casa é negra
(Khaneh siah ast,
Forugh Farrokhzad, Irán, 1963, 22min., VOSG)

Chuzame! chúzame -

Comentarios (1)

O Cineclube ante o xuízo por proxectar Terra negra

Terra Negra

O Cineclube de Compostela enfróntase este xoves 10 de maio a unha demanda interposta pola produtora Cámara Oscura Películas SL. Esta empresa privada reclama ao Cineclube o pago de 250 euros en virtude de supostos “dereitos de exhibición” pola proxección do filme Terra Negra o 21 de Febreiro de 2006. O xuízo realizarase a partir da unha da tarde no Xulgado do Mercantil nº1 da Coruña.

Desde o Cineclube de Compostela entendemos que as circunstancias nas que se realizou esta proxección están perfectamente axustadas á lexislación actualmente vixente, e considerámonos con dereito, tanto xurídico como moral, para non abonar esta cantidade. Esta postura, que cremos coherente con todo o noso traballo desde a nosa fundación no 2001, e da que se advertiu a Cámara Oscura Películas antes e despois da proxección, é a que vamos defender este xoves perante os tribunais.

O filme Terra negra ven sendo obxecto, desde a súa realización, dun boicote continuo por parte da produtora Cámara Oscura Películas, empresa administrada por Pablo Llorca, quen agora demanda ao Cineclube. Malia ao éxito que obtivo nos festivais nos que se puido ser presentada, o filme apenas puido ser visto no Estado, pola oposición da produtora, fóra de dúas salas de cinema de Madrid e Barcelona en agosto e algún pase reducido. O Cineclube de Compostela, interesado pola proxección do filme, púxose en contacto co director, Ricardo Íscar, e foi el propio, con dereitos morais sobre a fita, o que facilitou a copia que se expuxo na nosa programación, a única proxección na Galiza. Esta copia, ademais, respondía á montaxe orixinal do director, anterior á amputación obrigada por Cámara Oscura para deixar o filme en 92 minutos.

Mais, por riba de todo, desde o Cineclube queremos expresar a nosa defensa firme do acceso libre e gratuíto á cultura. Resúltanos inaceptábel ver como se traba o acceso á cultura en virtude duns supostos “dereitos” desde o mesmo sistema que permite e alenta que as empresas coarten, pervertan, manipulen e destrúan a liberdade creativa. A aposta do Cineclube é e vai ser a da liberdade total para acceder, difundir e mesmo utilizar a obra cultural, sempre que se realice fóra das lóxicas mercantís impostas polo sistema capitalista. A verdadeira censura radica en que a cultura se entenda en termos de consumo. A propiedade intelectual tamén é un roubo.

Por último, no Cineclube queremos agradecer todas as mostras de solidariedade que temos recibido desde que se coñeceu a demanda, así como as futuras que poidan chegar. O apoio da xente que estades a traballar, como nós tentamos facer, pola construcción doutro cinema, outra cultura ou outra sociedade máis xusta, é para nós a mellor proba de que imos polo bo camiño.

.

A cousa esta é mañá (xoves 10 de maio) ás 13:00 horas n'A Coruña. Cantos e cantas queirades vir, nós imos coller o tren que sae de Compostela ás 11:15 da mañá... o enderezo do xulgado é:

Xulgado do mercantil nº1
pza. Capitán Juan Varela, s/n
5º andar da Audiencia Provincial

Chuzame! chúzame -

Comentarios (24)

A revolta do deportista negro

México 1968

O material de arquivo de Muhammad Ali úsase para vender de todo, desde refrescos a coches. A imaxe coa que nos malcriaron é a do boxeador incribelmente carismático, que danza polo ring e berra “Son o máis grande”. O Muhammad Ali de agora é tamén unha figura moi pública, malia a súa imposibilidade case total para moverse ou falar. A súa voz foi calada a un tempo polos anos de boxeo e pola enfermidade do Párkinson. Este Ali foi abrazado polo sistema como un santo en vida. En 1996, mandárono, coas súas mans tremelicando, a acender o lume olímpico en Atlanta. En 2002, “aceitou protagonizar unha campaña publicitaria producida por Hollywood, deseñada para presentar os Estados Unidos e a guerra en Afganistán ao mundo árabe”.

Ali foi completamente absorbido polo sistema como unha lenda, unha icona inofensiva. Case non queda ren da controvertida verdade: nunca houbo un deportista tan insultado pola prensa do poder, tan perseguido polo goberno estadounidense nin tan desafiantemente querido en todo o mundo como Muhammad Ali. Apenas queda xa unha mención deste Ali, o catalizador que trasladou os temas do racismo e a guerra ao deporte profesional. [...]

A historia oculta de Muhammad Ali e a revolta dos deportistas negros nos 60 é unha historia aínda viva. Esixíndolla aos poderosos podemos entender máis sobre as loitas dos 60. Podemos ver como a loita pode agromar en cada aspecto da vida so o capitalismo. Tamén no deporte.

(A historia oculta de Muhammad Ali. A revolta do deportista negro, artigo de David Zirin publicado en International Socialist Review, nº 33, Xaneiro-Febreiro do 2004. O artigo foi traducido desde o inglés por Iván Cuevas e podédelo descargar enteiro aquí.)

Mércores, 18 de Abril ás 22:00
Muhammad Ali, "o máis grande"
(Muhammad Ali the Greatest, William Klein, EUA, 1964-74, 120', VOSG)

Chuzame! chúzame -

Comentarios (1)

e foron todos cear xuntos…

"De volta de Florencia, eu escribira este artigo “Por un novo cinéma verité” (France Obsrvateur nº 506, 14 de xuño de 1960). E a Rouch propúxenlle daquela que fixeramos un filme en Francia sobre o tema que me impuxera a min mesmo: “Como é que vives?” . Este proxecto era á vez focalizado e completamente impreciso. Focalizado porque podía expresalo en tres liñas, e por outra banda foi en tres frases como llo expuxen à Anatole Dauman para suxerirlle que fose el o productor. É un asunto dabondo aberto para abarcar ó mesmo tempo os problemas materiais/económicos e morais/psicolóxicos. Era un tema que me atinxía directamente porque nesa época eu mesmo me facía esa pregunta e, no fondo buscaba unha resposta a través dos outros. Pero o que máis me interesaba do proxecto, eran as formas dos diálogos, esa palabra que o novo cinema falado aportaba a maiores. Era vagamente sonoro, facía ruídos, sons, mais nunca fora a expresión dunha palabra, dun pensamento, dun individuo. Por suposto decatábame de que só Jean Rouch podería levar comigo este experimento ata o final."

Edgar Morin nunha entrevista a Mohand Ben Salama para CinémAction, nº 81. Jean
Rouch ou le ciné-plaisir
, dirixida por René Predal. Outubro de 1996,
París. Podedes descargar o texto enteiro, traducido por Mila Pérez Arias dende o francés acó.

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Naquel intre, a guerra de Alxeria era o principal problema político…

"...Ubiquémonos nos anos 50, cando as cámaras eran pesadas e estáticas. Eu fora a un encontro de cinema en California, onde coñecera a Michel Brault, que me mostrou o filme Os raqueteiros (1958). Pediume que pasara por Montreal; eu aceptei o convite e vin os primeiros filmes feitos polos cineastas mozos do Quebec. Eles estaban a empregar un novo tipo de lentes, o grande-angular; tamén estaban empezando a sacar a cámara do trípode e a “camiñar con ela”. Encantoume. As cámaras eran aínda ruidosas, mais se un envolvía un abrigo ao redor delas podíase evitar algo de barullo.

De volta a Franza, Morin faloume da idea do filme. Comecei cun moi bo camarógrafo, mais cando lle pedín que “camiñara polas rúas” o pobre home renunciou; era de máis para el. Daquela díxenlle a Anatole Dauman, o produtor, que o único que podía facer o que precisabamos era Michel Brault. Que ofensa para o cinema francés! Tiñamos que ir a Montreal a buscar a persona que necesitabamos. Ao tempo falei con Raoul Coutard, que era o pai da cámara “Eclair Cammeflese 35 mm”, e contoume que había unha cámara nova que me podía interesar. Era un prototipo militar construido para ser empregado nun satélite espacial. Era lixeira, segura e firme. Infelizmente, tiña capacidade para tres minutos de filme tan só. Pedinlle que construíra un modelo con maior capacidade, e el dixo que o ía tentar. É así como empezamos a filmar cunha cámara que non existía. Tiñamos un contrato co fabricante, polo cal eles non se facían responsábeis dos problemas que a cámara puidera ocasionar ao filme, mais Coutard aceptou reparala mesmo todas as noites. Logo de cada filmación, Edgar e máis eu llevabámoslla e deciámoslle qué problemas atoparamos, e que novas propostas tiñamos.

A creación da cámara precedeu ao filme. Púxenme moi ledo co resultado. Estaba dobremente feliz, por traballar con xente tan seria e por ver cómo a cámara nacía. Mais había un problema con eles, e especialmente con Morin, quen non se daba de conta do pracer que un pode chegar a ter na vida por cousas coma estas." 

Jean Rouch durante unha entrevista realizada por Dan Georgakas, Udayan Gupta e Judy Janda en Nova Iorque, setembro de 1977. Un anaco da entrevista foi vertida ao galego por Xan Gómez Viñas e tédela acó. A entrevista, traducida ao castelán, podédela coller pasando por esta web.


Mércores 11 de abril ás 22:00
Os raqueteiros
(Les Raquetteurs, Michel Brault e Gilles Groulx, Quebec, 1958, 14', VO)
Crónica dun verán (Chronique d'un été, Jean Rouch e Edgar Morin, Francia, 1961, 90', VOSG)

Chuzame! chúzame -

Comentarios (3)

Erice e Kiarostami no Cineclube

"Como se a sorte o decidira, Abbas Kiarostami e Víctor Erice naceron cunha semana de diferencia, o primeiro en Iran (en Teherán) o 22 de Xuño de 1940, e o segundo en España (en Karrantza) o 30 de Xuño de 1940.
A súa historia persoal levaríaos a ambos os dous a facérense cineastas: Kiarostami por un camiño sinuoso, Erice polo roteiro máis clásico dunha escola de cinema. Os dous son agora cineastas de sona internacional e convertéronse, nos seus respectivos países, en lumieiras para toda unha xeración máis nova de directores, que os consideran os seus admirados “irmáns máis vellos” ou os seus “amigos-mestres”. Ambos os dous imprentaron a súa particular pegada no seu cinema nacional, co seu traballo funcionando como un faro, nos dous casos o máis representativo da súa xeración (unha xeración nun certo xeito perdida na historia do cinema, a que comezou facendo filmes nos anos 70, logo do grande florecer dos 60)."

Texto escrito para o catálogo da exposición Erice-Kiarostami: Correspondències, do Centre de Cultura Contemporània de Barcelona, La Casa Encendida de Madrid e o Centre Pompidou de Paris. Traducido por Iván Cuevas desde a versión en inglés de Paul Hammond publicada por Rouge (http://www.rouge.com.au/9/erice_kiarostami.html). Descárgao enteiro acó.

Mércores 28 de marzo, 22:00
Dar a luz (Alumbramiento,
Víctor Erice, Estado español, 2002, VO)
Dez (Ten, Abbas Kiarostami,
Francia/Irán/EUA, 2002, VOSG)

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Next entries » · « Previous entries