NovasArchive for the ‘’ Category

If… Coas Asembleas Abertas da USC

Xoves, Marzo 21st, 2013

Mañá, venres 22 de marzo, achegarémonos á Facultade de Filosofía para colaborar no programa Marzo en loita artellado polas Asembleas Abertas da USC en resposta aos ataques reiterados á universidade pública e á criminalización do estudantado.

O Cineclube de Compostela agradece o convite das Asembleas e proxectará, para a ocasión, If… de Lindsay Anderson, un filme que relata a rebelión dos alumnos dun internado contra o profesorado e a dirección do centro. Será ás 18h na Facultade de Filosofía (Praza de Mazarelos).

Venres 22 de marzo, ás 18h na Facultade de Filosofía
Se…
(If… Lindsay Anderson, Reino Unido, 1968, 111′, VOSG)

 

O amor máis común e corrente

Xoves, Novembro 15th, 2012

O texto que segue leuse no mediodía de onte, 14 de novembro de 2012, na praza do Toural, no marco da manifestación pola folga xeral convocada polo Bloque Crítico Anticapitalista.

Este manifesto é unha construción colectiva: as palabras son de todas e atravesan a historia.

A propiedade é un roubo.

A propiedade intelectual tamén é un roubo.

Intelectuais somos todas.

Cultura é a túa vida. Cultura é o que existe cando dúas persoas falan.

Neste mundo no que gañar cartos é unha arte, traballar é unha arte e facer bos negocios é a arte máis elevada, a alta cultura non é a que defende os nosos intereses.

Cultura contra a refeudalización ideolóxica, contra as estatuas das rotondas: o que construímos entre todas é para todas. A nosa cultura non é un oficio: eu non sabía que eras escritora, só vin unha rapaza que veu aquí axudarnos a pintar un muro.

Nós pintamos o cadro porque somos o cadro: copiar, pegar, poder modificar. Nos mercados e paradas de autobús a xente fala das cousas, le libros, repite citas, escribe conclusións nas paredes.

Porque cremos en xeitos de crear e tocar música non xerárquicos.

A música non soporta as xerarquías. No centro comercial d’As Cancelas substituímos cada nota polo nome dun medicamento: alplazolán, lexatín… para os semitonos usamos combinados como o dexibuprofeno.

Reciclamos a carraxe. Para que nós, para que o poema, poidamos escapar da páxina: dinamitemos o fetiche. Que o que escribamos nunca sexa un documento de cultura sen que o mesmo tempo sexa un documento de barbarie.

No noso escenario, a rúa, un actor e unha actriz. Ambiente de ilegalidade con reflexos de neón:

Ela di: “Fai algo coa túa rabia”.

Ela di: “Estanos a medrar neve nas mans”.

O inimigo agóchase na opulencia do espectáculo. A arte ten que construír a disidencia. Nada fica fóra dos procesos de cambio: non parar tamén é unha posición. Así que pechemos Follas Novas, tomemos hoxe as sesións de Cineuropa.

Porque o fondo do aire é vermello.

Lemos un poema:

A quen che diga que o noso amor é extraordinario porque naceu de circunstancias extraordinarias dille que precisamente loitamos para que un amor coma o noso (amor entre compañeiras de combate) chegue a ser aquí o amor máis común e corrente. Case o único.

 

Desculpas

Xoves, Outubro 18th, 2012

Pedimos desculpas a todos os asistentes á sesión de onte, 17 de outubro, polo erro técnico que impediu ver os 8 minutos finais de O emprego. En compensación, na vindeira proxección do 24 de outubro levaremos copias de balde para quen queira rematar de ver o filme.

 

Octavio Getino (1935-2012)

Venres, Outubro 5th, 2012

Recursos humanos

Martes, Setembro 18th, 2012

Velaquí os títulos cos que arrinca en outubro a nova tempada do Cineclube de Compostela. Recollidos nun ciclo unificado baixo o eufemismo “Recursos humanos”, presentamos tres filmes (dúas ficcións e un documental) que escarvan nos mecanismos de selección de persoal, na linguaxe do capital ou na burocracia organizada ao seu servizo.

CICLO “RECURSOS HUMANOS”

Mércores 3 de outubro ás 21.30 no Pichel
A cuestión humana
(La question humaine, Nicolas Klotz, Franza, 2007, 134′, VOSG)

Mércores 10 de outubro ás 21.30 no Pichel
A entrevista
(Die Bewerbung, Harun Farocki, Alemaña, 1996, 59′, VOSG)

Mércores 17 de outubro ás 21.30 no Pichel
O emprego
(Il posto, Ermanno Olmi, Italia, 1961, 93′, VOSG)

 

Voltamos…

Mércores, Setembro 12th, 2012

…o mércores 3 de outubro con A cuestión humana (La question humaine, Nicolas Klotz, 2007). En poucos días traeremos ao blog a programación completa coa que o Cineclube vai dar comezo a tempada 2012-2013. Manterémosvos informados.

 

Chris Marker (1921-2012)

Luns, Xullo 30th, 2012

Tirado de L’attrapeur d’images, Alexandre Kha, 2009.

Subtítulos en galego do Cineclube de Compostela de filmes de Chris Marker:

2084 (2084, Chris Marker, Franza, 1984) [tradución de Ramiro Ledo Cordeiro]
Deica logo (À bientôt, j’espère, Chris Marker e Mario Marret, Franza, 1968) [tradución de Iván García Ambruñeiras]
Escala en Dubai (Stopover in Dubai, Chris Marker, 2010) [tradución de Xan Gómez Viñas]
O fondo do aire é vermello (Le fond de l’air est rouge, Chris Marker, Franza, 1977) [tradución de Daniel Salgado]
Gatos pendurados (Chats perchés, Chris Marker, Franza, 2004) [tradución de Xan Gómez Viñas, María Gordillo Mira, Ramiro Ledo Cordeiro e Mila Pérez Arias]
O peirao (La jetée, Chris Marker, Franza, 1962) [tradución de Bernanrd Henry-Levy]
Sementes de decembro (December Seeds, Chris Marker, 2009) [tradución de Iván Cuevas]
Sen Sol (Sans soleil, Chris Marker, Franza, 1983) [tradución de Daniel Salgado]
A tumba de Alexandre (Le tombeau d’Alexandre, Chris Marker, Franza, 1992) [tradución de Xiana Arias Rego]

 

Tregua

Martes, Xullo 3rd, 2012

Como todos os anos, o Cineclube bota o peche durante os meses de xullo e agosto. Retomaremos as proxeccións a partir de setembro-outubro. No caso de querer adquirir unha camisola, exemplares dos libros editados polo Cineclube ou a Revista Lumière, escribide a cineclubedecompostela{arroba}gmail{punto}com

Deica pronto.

 

Praza da Oliveira (2)

Xoves, Xuño 7th, 2012

O mércores 6 de xuño, ás 11 da mañá, o Cineclube de Compostela e a Rede Feminista Galega convocaron unha rolda de prensa conxunta, diante do pazo de Raxoi, para informar aos medios da aplicación arbitraria de taxas por parte do Concello. Velaquí o texto remitido á prensa:

“O concelleiro asegurou que nin coa ordenanza actual, vixente dende xaneiro de 2008, nin coa aínda máis restrictiva que o Concello vén de aprobar o xoves 31 de maio, se lles ía cobrar por realizar as actividades que lles son propias ás entidades sen ánimo de lucro nin ás asociacións veciñais. En concreto, o señor concelleiro dixo que “xa non pagan taxas, e así seguirá sendo, porque esa cuestión non se modificará”. Porén, o Concello de Santiago xa está a cobrar taxas ás asociacións culturais e veciñais da cidade, aplicando coma nunca antes a ordenanza de 2008.

O pasado 11 de maio, o Cineclube de Compostela solicitaba permiso do Concello para a utilización da Praza da Oliveira os martes do mes de xuño, de cara a realizar un ciclo de cinema feminista gratuíto na rúa xunto coa Rede Feminista Galega. Case 20 días despois, a Concellaría de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, que dirixe o señor Vázquez, aprobaba o uso da praza, pero esixindo o pagamento previo dunha taxa de 405,52 euros por día, en virtude dunha ordenanza do 2008 que regula cuestións como a instalación de postos de artesanía, as rodaxes cinematográficas, os grandes espectáculos ou as atraccións. Cun total reclamado de 1622,08 euros, o Concello tenta imposibilitar pola vía económica a actividade, situando o uso do espazo público a un prezo máis elevado ca o marcado pola especulación para os alugueiros dos locais privados.”

 ler texto completo

Achegamos tamén a información recollida polos medios:

Grupos sociales desafían la norma que restringe actos en la calle en Santiago – El País
Crónica de Galicia, 06-06-12 – RNE5 (a partir do minuto 44)
Rede Feminista e Cineclube de Compostela acusan o Concello de querer “expulsar a cultura da cidade” – Praza Pública
Crece la rebelión de colectivos contra el pago por usar la calle – La Voz de Galicia
Críticas de la Red Feminista – El Correo Gallego
Contra a ordenanza – Dioivo
Denuncian que o Concello de Compostela mente sobre o uso do espazo público – Sermos Galiza
Rebeldía cada viernes para reclamar las calles de Santiago – El País

 

Praza da Oliveira

Domingo, Xuño 3rd, 2012

Achegamos o texto lido onte por DasKapital durante a celebración da Festa XI Aniversario do Cineclube de Compostela:

“O pasado 11 de maio, o Cineclube de Compostela solicitaba permiso do Concello para a utilización da Praza da Oliveira os martes do mes de xuño, de cara a realizar un ciclo de cinema na rúa xunto coa Rede Feminista Galega. Case 20 días despois, a Concellaría de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico aprobaba o uso da praza, pero esixindo o pagamento previo dunha taxa de 405,52 euros por día, en virtude dunha ordenanza do 2007 que regula cuestións como a instalación de postos de artesanía, as rodaxes cinematográficas ou as atraccións. Cun total reclamado de 1622,08 euros, o Concello tenta imposibilitar pola vía económica a actividade, situando o uso do espazo público a un prezo máis elevado ca o marcado pola especulación para os alugueiros dos locais privados.

Sabemos que non somos os primeiros en sufrir esta retorta estratexia da administración municipal. Antes ca nós, outras organizacións políticas, culturais e veciñais, especialmente desde a formación do novo goberno, viron dificultadas ou imposibilitadas as súas actividades a través da petición de fianzas, da imposición de multas ou da negación de permisos para o uso do espazo ou da rede eléctrica. E, contra o que reiteradamente afirma o concelleiro Albino Vázquez, estes impedimentos estanse a dirixir principalmente contra asociacións sen ningún ánimo de lucro, nun plan que ten como último movemento a aprobación o pasado xoves dunha nova Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da via pública. Contra o seu nome, esta norma rouba e privatiza completamente o uso das rúas, dado que só se lles permitirá a aqueles que poidan pagar as taxas e conten co visto e prace ideolóxico do goberno de turno.

Unha vez máis, a exclusión é o obxectivo principal do capitalismo organizado no goberno da nosa cidade, que só parecen querer poboada por turistas, pedras e cruces. Á exclusión das 20.000 persoas que viven por baixo do limiar da pobreza, das inmigrantes, das habitantes do rural, das músicas da rúa, de tantas e tantas veciñas, súmase agora a dun tecido asociativo que está a realizar a programación que debera ser responsabilidade da administración pública. Unha vez inaugurada unha Cidade da Cultura a medida, seica o seguinte paso da súa política é expulsaren a cultura da cidade.

As persoas que habitamos Compostela non podemos permitir este novo paso na escalada privatizadora dunhas rúas e prazas que son propiedade de todas. O Cineclube xa está a recorrer a imposición das taxas e fai un chamamento a participar en todos os actos programados contra a nova ordenanza e contra calquera outro ataque arbitrario da administración municipal á actividade dun colectivo da cidade. A rúa é nosa, e se non nos deixan usala teremos que tomala.”