non conciliadosArchive for the ‘’ Category

As Atochas: a propiedade privada é un roubo

Venres, Decembro 10th, 2010

(Á esquerda, o Centro Social Okupado As Atochas. Á dereita, casas históricas do barrio de Monte Alto, escenario da represión fascista, xa derrubadas polo Concello da Coruña, gobernado por PSdeG e BNG en coalición)

O capitalismo delincuente asaltará de xeito inminente o Centro Social Okupado As Atochas, na Coruña. O Cineclube de Compostela solidarízase coa asemblea que xestiona o local e chama á resistencia: porque a propiedade privada non é un dereito, senón un roubo. O Cineclube colaborou en numerosas ocasións cos compañeiros das Atochas e de maneira conxunta preparamos un ciclo sobre o cineasta senegalés Ousmane Sembene, unha mesa redonda sobre a barbarie que leva canda si o concepto de dereito de autor no réxime neoliberal ou a presentación do libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural. No volume participa o propio Centro Social cun texto agromado da asemblea. Nestas horas difíciles amosamos o noso total apoio e solidariedade á resistencia contra a especulación.

Compartir non é delito.

Socialismo ou barbarie.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Presentación do informe sobre a visita do Papa

Xoves, Decembro 2nd, 2010

Aproveitando a súa presenza no Culturgal para presentar o libro Non Coniliados, o Cineclube de Compostela decidiu ceder este espazo a Esculca (Observatorio para a defensa de dereitos e liberdades) que espuxo o seu informe sobre a conculcación de dereitos civís que sufriron as habitantes da capital da Galiza nos días previos e durante a vistita do xefe da Igrexa Católica.

(grazas a Galiza Contrainfo)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non conciliados (11). Born Free

Xoves, Outubro 28th, 2010

Desfeita hai longo tempo a dialéctica traballo/lecer e substituída pola de traballo/consumo na que o segundo factor adoita aparecer como o privilexiado (lembremos que é moito máis doado atopar traballadores, sempre a piques de seren desprazados pola tecnoloxía, antes que consumidores) o Capital céntrase na procura do consumo mediante a usura, como se verá máis adiante, na súa extensión mediante a conquista continua de novos segmentos de mercado (as crianzas, a chamada terceira idade, os singles, os gays, etc) e a fabricación de novas necesidades.

ALBERTO LEMA, Variacións sobre un texto de Benjamin [pdf]

========================================

Un dos maiores triunfos do aparato propagadístico neoliberal foi o que conseguiu vincular mercado e liberdade e, por extensión, mercado e democracia. Pero ao tempo que en nome da liberdade se ían desmontando os logros do Estado do benestar que as clases populares conseguiran arrancar ao capital tras a fin da Segunda Guerra Mundial, a propia sociedade que debía ser suxeito da tan cacarexada democracia transformábase nun agregado de consumidores endebedados, traballadores precarios e inmigrantes excluídos envoltos nunha lóxica hobbesiá individualista, competitiva e antisocial.

DAVID RODRÍGUEZ, O que se aveciña [pdf]

========================================

—Envieiche un vídeo, víchelo?
—O de Una policía democrática?
—Si.
—Vino porque o busquei en Cubainformación pero quitárono de Youtube. A comunidade de usuarios considerouno inadecuado.
—Canta censura farán baixo o nome de «comunidade de usuarios»?
—Desconfía e acertarás. Pero o vídeo non me gustou moito.
—Por que?
—É un pouco o de sempre e non identifica as imaxes que utiliza das cargas da Garda Civil, a Policía Nacional, a Ertzaintza e os Mossos d’Esquadra. Penso que para comparar dese xeito unha actuación manipulada polos medios europeos como a da disolución da protesta das Damas de branco deberían facelo con outras accións concretas, situar quen recibe os golpes e en que lugar e contexto se dan.
—Hai un montón de vídeos que documentan a brutalidade das policías do estado español en Youtube .
—Xa. E case todos teñen música por riba coma este.
—O que me recorda outro que che quería mandar e tamén quitaron de Youtube, o vídeoclip que lle fixo o fillo de Costa Gavras
a M.I.A.
—Xa o vin. É xenial, brutal, encantoume. E a canción tamén…
—Seica se parece a Punishment Park…

XIANA ARIAS Historia(s) do vídeo [pdf]

==========================================

=================================

O venres 29 de outubro, as 20 horas, no local sindical da CUT en Vigo (Rúa Policarpo Sánz, 22-2º) preséntase Non conciliados. Intervirán Alberto Lema, David Rodríguez e Xiana Arias. Con este acto iníciase un ciclo de cine [pdf], baixo o epígrafe «Filmar a historia», que ocupará as tardes dos venres até febreiro de 2011.

[Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural pódese conseguir nas proxeccións do Cineclube de Compostela, nos postos de venda de Estaleiro Editora, nas librarías Couceiro e Pedreira de Santiago de Compostela, na libraría La Central de Barcelona ou enviando un correo electrónico a cineclubedecompostela {arroba} gmail {punto} com]

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non conciliados (10). Expropiación. Representación. Poder

Venres, Setembro 17th, 2010


Se a arte non constrúe a disidencia, os espazos de creación, as novas formas de expresión ou revolta, non reivindica nin aporta novidade ningunha, mentres o espectáculo parece aniquilar a creación aberta e a política —organización social— mesma, seguimos á procura de miradas e voces de autentificación do mundo. A imaxe desposuída, exenta da fascinación do sistema-espectáculo, pode funcionar desde a mirada do coñecemento, que é tamén a do compromiso.

José Manuel Sande, «Extractos de resistencia. Antoloxía de textos expropiados» [pdf]

===================================

Verbo da representación, arte ou política manteñen —mesmo ao dárenlle servizo e in-formala— un litixio tan delongado como a propia modernidade. Arte ou política, no que cada unha pode, arelan o que non é. Coma o innomeábel de Beckett, asexan os dominios do ser, rillan a ficción intersubxectiva da realidade dacabalo dun infatigábel desexo. Coma Auguste Blanqui, empecen o reconto consabido do sensíbel, o amorío policial entre as palabras e as cousas; non só o empecen, senón que teñen asemade que inscribir entre o decíbel e o visíbel unha nova subxectividade4. Digamos: arte ou política son sentinelas do baleiro, traballando nas marxes do recoñecíbel; porfíando, nese baleiro, a afirmación do que inexiste. Pola contra, a representación precisa da mesmidade coma o patrón da plusvalía; expresa o que xa é —pregándoo á vez á súa parte identificada— en proveito dunha dialéctica negativa: fronte ao estado ou no ecrán —pero en ambas posicións, tocante ao mundo—, trátase de tomar o poder cando non, nas súas formas máis degradadas, de apañar as faragullas. Apoñámoslle: a representación carrexa canda si unha desigualdade interminábel porque, nin é nunca o que expresa, senón coma, nin o que é e ela vén expresar fica idéntico a si, non sendo a través do poder da súa ficción; de feito, o poder é un exercicio e non unha cousa, ao que cumpriría oporlle —para verdadeiramente interrompelo— unha relación de forzas positiva. Por iso, entre arte ou política e representación, durante a modernidade, media decote un desaxuste sensíbel: a mancha que reborda a figuración do cadro, ou o fotograma que detén algúns segundos o seu decurso, como as militantes que desoen a estratexia obxectiva do partido ou sindicato e apostan os seus corpos fóra da fábrica, a rentes dunha situación: «je ne rentrerai pas, non, je ne rentrerai pas!». De tal xeito que a materia ten disentido e a xente pensado, no marco da representación, contra a súa negatividade. Chamémoslle a esa constelación de tics,en cuxa estampa dexergariamos algo parecido a unha revolución cultural, resistencia.

Aurelio Castro, «5 veces 1: despois da representación» [pdf]

========================

«O intelectual dizia a verdade àqueles que ainda não a viam e em nome daqueles que não podiam dizê-la: consciência e eloquência. Ora, o que os intelectuais descobriram recentemente é que as massas não necessitam deles para saber; elas sabem perfeitamente, claramente, muito melhor do que eles; e elas o dizem muito bem. Mas existe um sistema de poder que barra, proíbe, invalida esse discurso e esse saber. Poder que não se encontra somente nas instâncias superiores da censura, mas que penetra muito profundamente, muito sutilmente em toda a trama da sociedade. Os próprios intelectuais fazem parte deste sistema de poder, a idéia de que eles são agentes da «consciência» e do discurso também faz parte desse sistema. O papel do intelectual não é mais o de se colocar «um pouco na frente ou um pouco de lado» para dizer a muda verdade de todos; é antes o de lutar contra as formas de poder exatamente onde ele é, ao mesmo tempo, o objeto e o instrumento: na ordem do saber, da «verdade», da «consciência», do discurso. E por isso que a teoria não expressará, não traduzirá, não aplicará uma prática; ela é uma prática.»

Os intelectuais e o poder. Conversa entre Michel Foucault e Gilles Deleuze
[tradución de Roberto Machado] [pdf]

==============================

O sábado 18 de setembro Alberte Pagán, Aurelio Castro, José Manuel Sande e Urro presentan Non Conciliados no Centro Social Ocupado Casa das Atochas, en Montealto (A Coruña).

[Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural pódese conseguir nas proxeccións do Cineclube de Compostela, nos postos de venda de Estaleiro Editora, nas librarías Couceiro e Pedreira de Santiago de Compostela, na libraría La Central de Barcelona ou enviando un correo electrónico a cineclubedecompostela {arroba} gmail {punto} com]

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non conciliados (9). Ocupación

Martes, Setembro 14th, 2010


Emblema da impugnación e a disidencia, metáfora valiosa da crise e do estado de cousas que amosa a incompetencia do mundo do capital, o Centro Social Okupado Casa das Atochas —situado na Rúa Atocha Alta (agora Praza das Mulheres Livres), número 14, A Coruña— nace o 14 de marzo de 2008. Construido sobre as cinzas dun obxecto da especulación, un inmoble abandonado pertencente a un promotor da zona, aparece concibido como un espazo sociopolítico e cultural desde o que bosquexar proxectos, fomentar o intercambio de pensamento e experiencias, artellar mecanismos de interacción, e mesmo facilitar novas formas de vida, outras relacións sociais, un lecer consciente e autodirixido. Fronte a hexemonía brutal e a falta de respeto á diferenza, en aberta ruptura coa dinámica tradicional traballo/consumo que ofrece de maneira elocuente o sistema, constrúese un espazo común, un lugar aberto que se enche de iniciativas, proxectos, intervencións rebeldes e insobornables.

(CSO Casa das Atochas, Os fillos que eles nunca quererían ter) [pdf]

=============

O sábado 18 de setembro Alberte Pagán, Aurelio Castro, José Manuel Sande e Urro presentan Non Conciliados no Centro Social Ocupado Casa das Atochas, en Montealto (A Coruña).

[Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural pódese conseguir nas proxeccións do Cineclube de Compostela, nos postos de venda de Estaleiro Editora, nas librarías Couceiro e Pedreira de Santiago de Compostela, na libraría La Central de Barcelona ou enviando un correo electrónico a cineclubedecompostela {arroba} gmail {punto} com]

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non conciliados (8). Loita de clases

Venres, Setembro 10th, 2010

Gramsci viña a dicir, en poucas palabras, que a fe nas leis históricas como garantía do triunfo do proletariado reflicte unha situación en que a clase proletaria aínda non é capaz de tomar a iniciativa e debe apoiarse en doutrinas que prometen a vitoria no canto de chamar á loita». Se fose así, o interese pola estética, e mesmo pola resistencia, situaría a este marxismo na esteira do denominado por Perry Anderon marxismo occidental, é dicir, como lembraba hai pouco Daniel Salgado, na esteira dun «pensamento de derrota». Eu penso que non, que a cultura, a arte, a estética, son, ou poden ser, mediante a súa articulación política, armas, instrumentos, para resistir. Armas, instrumentos, para a loita de clases.

=====================================

Así remata o artigo Cultura, resistencia, estética: loita de clases [pdf], achega de Xesús González Gómez a Non conciliados

=========================================

[Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural pódese conseguir nas proxeccións do Cineclube de Compostela, nos postos de venda de Estaleiro Editora, nas librarías Couceiro e Pedreira de Santiago de Compostela, na libraría La Central de Barcelona ou enviando un correo cineclubedecompostela {arroba} gmail {punto} com]

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non conciliados (7). Festival da Poesía no Condado

Venres, Setembro 3rd, 2010

O sábado 4 ás 18.00 h presentamos Non conciliados no XXIV Festival da Poesía no Condado, en Salvaterra de Miño. No acto intervirán Cristina Martínez e Samuel Solleiro, que participaron na publicación cos textos «Encenar a resistência ou Da actualidade de Bertolt Brecht em tempos de Amancio Ortega» [pdf] e «Cultura e diferenza. Visita ao zoolóxico do discurso político
(non dean de comer á extrema dereita)» [pdf], respectivamente.

[Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural pódese conseguir nas proxeccións do Cineclube de Compostela, nos postos de venda de Estaleiro Editora, nas librarías Couceiro e Pedreira de Santiago de Compostela, na libraría La Central de Barcelona ou enviando un correo cineclubedecompostela {arroba} gmail {punto} com]

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non conciliados (6). Patriotismo

Xoves, Xullo 22nd, 2010

O vindeiro 25 de xullo ás 19.00 h. Iria Sobrino Freire e Marcos Pérez Pena presentarán Non conciliados no Parque de Belvís de Santiago de Compostela. O acto será parte do programa de actividades organizadas por Causa Galiza.

=============

Marcos Pérez Pena, xornalista e ivestigador especialista na Transición e coordinador de O Xornal, revista da Central Unitaria de Traballadores, achegou para Non nonciliados o texto titulado «Contra o patriotismo»:

«En Galicia a formulación hexemónica do nacionalismo, que se di de esquerdas, creu achar no populismo unha síntese entre marxismo e identificación nacional. Este populismo de corte peronista realizou nos últimos trinta anos unha análise errada da sociedade na que o patriotismo xoga un papel vertebrador por riba das ideoloxías. Neste tempo foi ademais incapaz de construír unha imaxe de Galicia dende a Galicia real, un país que xa non é maioritariamente labrego e rural; o nacionalismo analizou a Galicia como sociedade terceiromundista, pouco complexa desde un punto de vista de clases sociais en conflito, o que fai imposibles solucións socialistas, propias de comunidades maduras e progresivas. O nacionalismo galego aspira a construírse sobre unha base social ampla e interclasista, a partir dunha visión esencialista do país, ligada á tradición e á terra, e con orixe na Xeración Nós e no imaxinario difundido por Otero Pedrayo.»

Marcos Pérez Pena, «Contra o patriotismo» [pdf]

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non conciliados (5). Manifesto

Mércores, Xullo 14th, 2010

o manifesto constitúe un plano de acción para o futuro e unha intervención efectiva sobre o presente. Vexámolo con dous exemplos ben coñecidos: o Manifesto do Partido Comunista anuncia a revolución proletaria e, ao tempo, contribúe á creación da conciencia de clase obreira; o proxecto de Máis alá! é a construción dunha literatura nova, liberada do peso da tradición, e o seu efecto inmediato, a consecución non só de adeptos («a mocidade intelectual galega») senón tamén de detractores («os vellos»).

IRIA SOBRINO FREIRE
Resistir en prosa. Vida e fugas do manifesto moderno
[pdf]

================

Cinema pobre non quere dicir carente de ideas ou de calidade artística, senón que se refire a un cinema de restrinixida economía que se executa nos países de menos desenvolvemento ou periféricos e tamén no seo das sociedades rectoras a nivel económico cultural, ben dentro de programas de produción oficiais, ben a través do cinema independente ou alternativo.

HUMBERTO SOLÁS
Manifesto do cinema pobre
[pdf]

===============

Publicamos o texto que a investigadora Iria Sobrino achegou para Non Conciliados e tamén o Manifesto do cinema pobre que Humberto Solás, figura central do cinema do Terceiro Mundo, redactou en 2001 e que funciona tamén como guía do Festival Internacional de Cine Pobre que este ano celebrou a súa oitava edición en Gibara (Cuba).

[Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural pódese conseguir nas proxeccións do Cineclube de Compostela, nos postos de venda de Estaleiro Editora, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, na libraría La Central de Barcelona ou enviando un correo cineclubedecompostela {arroba} gmail {punto} com]


Chuzame! A Facebook A Twitter

Non conciliados (4). Poéticas da resistencia

Venres, Xullo 9th, 2010

«Na medida en que as escenas do real son as que traducen e modelan a ideoloxía dominante, o cinema político debería crear novas imaxes políticas e non reproducir as existentes.

Acaso o capitalismo non precisa dese realismo fundado nas loitas heroicas —situadas, a poder ser, no pasado, ou, no seu defecto, na periferia do mundo— para medrar e multiplicarse? Ao permitir a escenificación da loita, o capitalismo permite que a loita teña lugar, anticipándose, vitorioso, á súa resolución na realidade.»

MARÍA DO CEBREIRO

=====================

Alberte Pagán colabora habitualmente na programación do cineclube, ben achegando os seus propios filmes (o último, Tanyaradzwa, en xuño de 2009), ben presentando sesións de cinema experimental, o seu principal obxecto de estudo. Para Non conciliados achegou o texto «Eu vou ser como a toupeira ou Para que serve o cinema?».

E ao pé da sesión que o propio Alberte Pagán protagonizou en abril de 2009 no Seminario Poéticas da resistencia, coa proxección da súa película Pó de estrelas e a discusión que a seguiu, escribe María do Cebreiro, poeta e profesora de Teoría da Literatura, o texto «Algunhas reflexións sobre poesía e resistencia».

Alberte Pagán: «Eu vou ser como a toupeira ou Para que serve o cinema?» [pdf]

María do Cebreiro: «Algunhas reflexións sobre poesía e resistencia» [pdf]

[Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural pódese conseguir nas proxeccións do Cineclube de Compostela, nos postos de venda de Estaleiro Editora, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, na libraría La Central de Barcelona ou enviando un correo cineclubedecompostela {arroba} gmail {punto} com]

=====

Por último, María López Suárez publicou no blog de crítica cultural Quantas letras para um rio unhas «notas bárbaras» da súa lectura de Non conciliados. Ficamos obrigados pola súa atención e recomendámosvos a súa lectura.

Chuzame! A Facebook A Twitter