Propiedade intelectualArchive for the ‘’ Category

A punta do iceberg

Domingo, Xaneiro 28th, 2007

http://www.geocities.com/cineclube_compostela/Goya_51519.jpg

O dereito ao canon dos autores representa só a punta do iceberg entre dous sistemas enfrontados de concepción da propiedade intelectual: para un primeiro grupo tradicional, os dereitos de autor son un dereito fundamental que debe ser xestionado a través dun intermediario (unha entidade de xestión) para facelo efectivo; para un segundo grupo, fundamentalmente vinculado a Internet, a propiedade intelectual debe cumprir, ante todo, unha función social, e a existencia das entidades de xestión supón a estrutura institucionalizada coa que se oculta o sistemático roubo dos dereitos dos autores.

Javier de la Cueva (avogado coordinador do Proxecto da Demanda contra o canon)

***

Ler o artigo completo en pdf

Entrevista con Joaquim Jordá

Venres, Novembro 10th, 2006

http://www.geocities.com/cineclube_compostela/jorda3.jpg

J.Jorda: “Como estou contra a propiedade,
outro tanto coa intelectual”

A revista mensual Tempos Novos publicou, no seu número de outubro, a que
probabelmente sexa a derradeira entrevista que concedeu o cineasta catalán
Joaquín Jordá. O xornalista foi o membro do Cineclube de Compostela
Aurelio Castro Varela. Velaquí un anaco:

“A. C. V.: E non fan os ‘dereitos de autor’ que o seu cinema circule enxugado,
que chegue a menos ollos?

Joaquín Jordá: Nesa leria cedo todo: só me parece ben cobrar cando se asina un
contrato, non após. Como estou contra a propiedade, outro tanto coa intelectual:
nin os dereitos de autor, nin sequera a integridade da obra, son causas lexítimas.
Non toleraría –de feito fíxeno moi contadas veces- que un produtor sobase un
traballo meu. Mais que o espectador tire un vídeo pirata ou mesmo o reedite,
mellor ou peor, nunca me dará ofendido. Debera ser todo o contrario: pagarlle
a alguén para que vexa os teus filmes e logo invitalo a unha copa.”

Tempos Novos, nº113, outubro 2006

Entrevista con Saskia Sassen

Luns, Outubro 30th, 2006

Saskia Sassen*
“A propiedade intelectual tal e como a coñecemos é insostíbel”

http://www.geocities.com/cineclube_compostela/sassen.jpg

[Entrevista publicada no xornal arxentino Clarín o 11 de marzo de 2006]

Con preguntas e respostas provocadoras sobre o mundo de hoxe, a urbanista holandesa Saskia Sassen disertou no Foro Internacional sobre o Nexo entre Políticas e Ciencias Sociais. Ela defínese como unha mestura de “investigadora e activista política” e considera que as ciencias sociais deberían levar a súa ollada sobre as cidades porque nelas resúmese o impacto letal da globalización. As cidades, di Sassen, definen o perfil dos novos actores políticos e son a ponte entre o mundo e o Estado. É aló —sostén—, onde se poden implementar medidas para minguar o poder das multinacionais. Nesta entrevista fala da batalla contra a propiedade intelectual, unha consecuencia directa da economía global.

Héctor Pavón.- O libre acceso a contidos en Internet xerou debates arredor da propiedade intelectual dos coñecementos. Como se excede este cruzamento entre “propietarios” e “consumidores”?

Saskia Sassen.- Hai unha solución, mais non é coñecida e quen posúen propiedade intelectual non falan abondo dela: é a “creative common license”. Trátase dunha licenza que me permite ter propiedade intelectual sen que necesariamente a miña editorial ou o meu selo discográfico poidan lucrarse con iso. A eles non lles gusta pero eu teño a propiedade e, se quero que me traduzan a 58 idiomas en editoriais pobres, ás que no lles quero cobrar dereitos, podo facelo. E por outra banda, hoxe pódense xulgar multinacionais de todo o mundo por violación dos dereitos do traballador nas súas operacións no exterior. É unha política global contra empresas estadounidenses e estranxeiras: hai unha xeografía xurisdiccional impresionante.

HP.- Ocorre o mesmo coas patentes farmacéuticas?

SS.- Os coñecementos indíxenas tornaron propiedade privada. No Ecuador teñen toda unha rede para se protexer, xa que foron sometidos moi seguido ao roubo das súas medicinas. As farmacéuticas están enxergando as lindes da plataforma sobre a que operan, que está baseada na propiedade intelectual privada e que como tal é insostíbel.

HP.- Tamén xorde o software libre para fastío de Microsoft…

SS.- Microsoft ofreceu dar a coñecer o código secreto do sistema Windows porque dexergou que a plataforma que tiña (de propiedade total na que había que pagar cada vez que se usaba un software) non era viábel e levouse a xuízo por monopolio. Microsoft aproveitou a oportunidade e abraiou a todos dicindo que ía revelar o código secreto. Isto provocou unha revolución. Mais eu sei por que: tarde ou cedo ían ter que facelo, porque era o único xeito no que podían continuar.

HP.- E as discográficas, que actitude cre que van tomar?

SS.- Aí hai algo interesante porque sábese que hai un abuso desa propiedade privada. A posibilidade de descargar música continúa. Entrementres as grandes empresas discográficas atacan e laian, estou certa de que teñen brillantes avogados e contadores que están a deseñar a vindeira plataforma. E unha das temáticas que xorde coa cuestión das novas tecnoloxías hoxe é que hai distintas plataformas e que mesmo as corporacións ás veces son como unha plataforma temporal onde se xuntan certos sectores e dous anos logo esa plataforma xa non existe.

HP.- Por outra banda, universidades coma o MIT publican na rede a bibliografía utilizada. Así, un podería cursar unha carreira enteira por Internet…

SS.- Exactamente. É unha nova plataforma. Agora sabemos que, se un pon un libro en rede, vai ter máis vendas do libro físico. Por iso trato que a miña editorial colla o meu novo libro e o poña en rede, coido que iso vai aumentar as vendas. Hai que ver a protección destes dereitos intelectuais privados como unha plataforma onde operar.

* Saskia Sassen (A Faia, 1949) é unha urbanista holandesa
que goza de gran sona académica internacional. É profesora
de urbanismo na Universidade de Columbia en Nova York.