Arquivos de Propiedade intelectual

Insistimos: A propiedade intelectual é un roubo

Whisky a esgalla!” (Whisky Galore!, Alexander Mackendrick, 1949, Escocia, 82′)

("Non pode haber unha voda sen banquete, e non pode haber un banquete sen whisky".
Whisky a esgalla)

FESTA DO SÉTIMO ANIVERSARIO DO CINECLUBE DE COMPOSTELA
VENRES 4 DE ABRIL. A PARTIR DAS 20:00 HORAS:

  • Proxección:
    Whisky a esgalla!
    (Whisky Galore!, Alexander Mackendrick, 1949, Escocia, 82′)
  • E ademais:
    Libros de Estaleiro Editora, discos de Ataque Escampe, camisolas pola cultura libre...

(e podedes descargar o cartaz en pdf aquí)

Chuzame! chuzame -

Comentarios (2)

6 de xullo: Xornada pola cultura libre

We’re Only in It for the Money (Xornada pola cultura libre, 6 de xullo)

Por fin temos argallado o programa da festa pola cultura libre, este venres 6 a partir das 19:00 horas no Pichel:

WE'RE ONLY IN IT FOR THE MONEY
VENRES 6 DE XULLO. A PARTIR DAS 19:00
O PICHEL

  • Proxeccións:
    House at Pooneil Corners
    [One PM] (House at Pooneil Corners, Jean-Luc Godard, EUA, 1968, 8 min)
    O tigre saltou e matou, mais vai morrer..., vai morrer
    ... (El tigre saltó y mató, pero morirá..., morirá..., Santiago Álvarez, Cuba, 1973, 16 min)
    Comida
    (Jídlo, Jan Svankmajer, Checoslovaquia-Reino Unido, 1992, 14 min)
  • Poetas piratas
  • Karaoke lírico
  • Teatro:
    Berrobambán Teatro
    Clara Gayo (O brazo armado da SGAE)
  • Música:
    O Leo i Arremecághona!!!
    Ataque Escampe
    Deluxe Non
    Dj. Marx & Dj. Engels

(Permítese a reprodución, copia, transformación e difusión, total ou parcial, por calquera medio e en calquera sitio)

Chuzame! chuzame -

Comentarios (6)

Condena polo acceso libre e gratuíto

Un condenado a morte escapou

O pasado 30 de Maio, o xuíz Pablo González Carreró Fojón estimaba a denuncia presentada pola produtora Cámara Oscura Películas SL contra o Cineclube de Compostela pola proxección de Terra negra. Coa súa sentencia, condénase ao Cineclube ao pago de 250 euros, máis intereses e custos, en concepto duns alegados dereitos de exhibición, ignorando por completo toda a nosa defensa. De nada serviu apelar a feitos como o dereito elemental de acceso á cultura, o permiso expreso do director para proxectar a fita, o boicote continuo da produtora ao filme ou o caracter sen ánimo de lucro do Cineclube.

Cunha redacción que mostra ás claras que intereses defende a lexislación actual de dereitos de autor no Reino de España, a sentencia culpa ao Cineclube de que o acceso público á proxección “foi libre –quer dicir, non restrinxido a investigadores ou estudosos, e nin sequera a socios da asociación– e gratuíto”. Asemade, no que semella unha brincadeira de mal gusto, a sentencia xustifica a aceptación íntegra do importe requirido por Cámara Oscura no feito de que “o filme non fora estreado comercialmente” en Compostela, aínda que no xuízo quedara ben probado, como o propio director manifestaba, que o produtor Pablo Llorca non ten pensado proxectalo, nin en Compostela, nin en ningún outro lugar.

Se estes son os delitos dos que se nos acusa, non podemos senón declararnos culpábeis. Levamos tempo tentando traballar por achegar á nosa cidade os títulos roubados á cidadanía polos circuítos comerciais, por abrir a nosa programación ao público máis amplo posíbel e por facer todo isto de balde. Por máis que este xeito de comprendermos a cultura como algo aberto e libre sexa considerado ilegal, nós non pensamos renunciar ao noso traballo. Por iso, acatamos esta sentencia xudicial, mais só pode provocarnos rexeitamento. Se non contamos coa legalidade, non nos queda outra que sabérmonos coa razón.

No Cineclube queremos agradecer, máis unha vez, as mostras de solidariedade que recibimos estes días de diversas persoas e colectivos. Por respecto a vós, e ás nosas propias conciencias, só podemos continuar cara adiante co noso traballo. E ímolo facer. Para alén da nosa programación, o vindeiro 6 de xullo contamos celebrar unha xornada en defensa da cultura libre, coa que financiarmos tanto o pago da soma imposta como a busca de novas estratexias para continuar proxectando filmes libremente. Mentres contemos co voso apoio, ningunha denuncia poderá pararnos.

Chuzame! chuzame -

Comentarios (12)

Querervos ou barbarie (IV)

aki kaurismäki

"De parte de Ataque Escampe (se ben con retraso, xa que o xuízo debeu ter sido xa) expresamos a nosa solidariedade co Cineclube. Pois iso. Saúde e/ou barbarie, adiante!"

10 de maio de 2007

Chuzame! chuzame -

Comentarios

Querervos ou barbarie (III)

"Compañeir*s do Cineclube!

A Asemblea da Educación Crítica quérevos transmitir todo o noso apoio e solidariedade.

Dende a nosa proposta de loita por uns outros xeitos de facer educación, entendemos que esta debe construirse na interacción e a concientización como canle para chegares ao cambio social. É, sen dúbida, nesa construcción onde a libre circulación da cultura ocupa un lugar indispensabel.

Achegámovos as nosas voces para unirmos: Compartir non é delito!

Adiante compañeir*s!"

9 de maio de 2007

Chuzame! chuzame -

Comentarios

Querervos ou barbarie (II)

lucienne bloch, diego rivera e frida kahlo

“Caras companheiras do Cineclube de Compostela:

Desde Estaleiro Editora queremos amosar-vos a nossa solidariedade e oferecer-vos o nosso apoio para o juízo do vindeiro 10 de maio.
Somos conscientes do que supom um acontecimento tal para todas as pessoas que trabalhamos nessa frágil margem na que o sistema capitalista nos deita quando nom estamos dispostas a passar polo aro de copyrights, dereitos de autor e demais obstáculos para a livre circulaçom das ideias.
Em Estaleiro Editora aplaudimos o jeito de trabalho impecável que tem levado até a data o Cineclube de Compostela e asumimos a sua política respeito das licenças como única possível para umha difusom saudável dos produtos culturais.
Fica expressado portanto o nosso apoio e desde logo a nossa disposiçom a contribuír com os meios que estejam nas nossas mans para a vossa luta, que é tamém a nossa.

Compartir nom é delito. Nom à SGAE.
Saúde e abordagem

Estaleiro Editora"

8 de maio de 2007

Chuzame! chuzame -

Comentarios

Querervos ou barbarie (I)

Joris Ivens (esq.) conversa con Santiago Álvarez

"Desde galiza independente, agência gráfica, solidarizamo-nos com o cineclube Compostela, autêntico referente na socializaçao do conhecimento e na democratizaçao do accesso às artes e à cultura."

8 de maio de 2007

Chuzame! chuzame -

Comentarios (1)

O Cineclube ante o xuízo por proxectar Terra negra

Terra Negra

O Cineclube de Compostela enfróntase este xoves 10 de maio a unha demanda interposta pola produtora Cámara Oscura Películas SL. Esta empresa privada reclama ao Cineclube o pago de 250 euros en virtude de supostos “dereitos de exhibición” pola proxección do filme Terra Negra o 21 de Febreiro de 2006. O xuízo realizarase a partir da unha da tarde no Xulgado do Mercantil nº1 da Coruña.

Desde o Cineclube de Compostela entendemos que as circunstancias nas que se realizou esta proxección están perfectamente axustadas á lexislación actualmente vixente, e considerámonos con dereito, tanto xurídico como moral, para non abonar esta cantidade. Esta postura, que cremos coherente con todo o noso traballo desde a nosa fundación no 2001, e da que se advertiu a Cámara Oscura Películas antes e despois da proxección, é a que vamos defender este xoves perante os tribunais.

O filme Terra negra ven sendo obxecto, desde a súa realización, dun boicote continuo por parte da produtora Cámara Oscura Películas, empresa administrada por Pablo Llorca, quen agora demanda ao Cineclube. Malia ao éxito que obtivo nos festivais nos que se puido ser presentada, o filme apenas puido ser visto no Estado, pola oposición da produtora, fóra de dúas salas de cinema de Madrid e Barcelona en agosto e algún pase reducido. O Cineclube de Compostela, interesado pola proxección do filme, púxose en contacto co director, Ricardo Íscar, e foi el propio, con dereitos morais sobre a fita, o que facilitou a copia que se expuxo na nosa programación, a única proxección na Galiza. Esta copia, ademais, respondía á montaxe orixinal do director, anterior á amputación obrigada por Cámara Oscura para deixar o filme en 92 minutos.

Mais, por riba de todo, desde o Cineclube queremos expresar a nosa defensa firme do acceso libre e gratuíto á cultura. Resúltanos inaceptábel ver como se traba o acceso á cultura en virtude duns supostos “dereitos” desde o mesmo sistema que permite e alenta que as empresas coarten, pervertan, manipulen e destrúan a liberdade creativa. A aposta do Cineclube é e vai ser a da liberdade total para acceder, difundir e mesmo utilizar a obra cultural, sempre que se realice fóra das lóxicas mercantís impostas polo sistema capitalista. A verdadeira censura radica en que a cultura se entenda en termos de consumo. A propiedade intelectual tamén é un roubo.

Por último, no Cineclube queremos agradecer todas as mostras de solidariedade que temos recibido desde que se coñeceu a demanda, así como as futuras que poidan chegar. O apoio da xente que estades a traballar, como nós tentamos facer, pola construcción doutro cinema, outra cultura ou outra sociedade máis xusta, é para nós a mellor proba de que imos polo bo camiño.

.

A cousa esta é mañá (xoves 10 de maio) ás 13:00 horas n'A Coruña. Cantos e cantas queirades vir, nós imos coller o tren que sae de Compostela ás 11:15 da mañá... o enderezo do xulgado é:

Xulgado do mercantil nº1
pza. Capitán Juan Varela, s/n
5º andar da Audiencia Provincial

Chuzame! chuzame -

Comentarios (24)

A punta do iceberg

http://www.geocities.com/cineclube_compostela/Goya_51519.jpg

O dereito ao canon dos autores representa só a punta do iceberg entre dous sistemas enfrontados de concepción da propiedade intelectual: para un primeiro grupo tradicional, os dereitos de autor son un dereito fundamental que debe ser xestionado a través dun intermediario (unha entidade de xestión) para facelo efectivo; para un segundo grupo, fundamentalmente vinculado a Internet, a propiedade intelectual debe cumprir, ante todo, unha función social, e a existencia das entidades de xestión supón a estrutura institucionalizada coa que se oculta o sistemático roubo dos dereitos dos autores.

Javier de la Cueva (avogado coordinador do Proxecto da Demanda contra o canon)

***

Ler o artigo completo en pdf

Chuzame! chuzame -

Comentarios

Entrevista con Joaquim Jordá

http://www.geocities.com/cineclube_compostela/jorda3.jpg

J.Jorda: "Como estou contra a propiedade,
outro tanto coa intelectual"

A revista mensual Tempos Novos publicou, no seu número de outubro, a que
probabelmente sexa a derradeira entrevista que concedeu o cineasta catalán
Joaquín Jordá. O xornalista foi o membro do Cineclube de Compostela
Aurelio Castro Varela. Velaquí un anaco:

“A. C. V.: E non fan os ‘dereitos de autor’ que o seu cinema circule enxugado,
que chegue a menos ollos?

Joaquín Jordá: Nesa leria cedo todo: só me parece ben cobrar cando se asina un
contrato, non após. Como estou contra a propiedade, outro tanto coa intelectual:
nin os dereitos de autor, nin sequera a integridade da obra, son causas lexítimas.
Non toleraría –de feito fíxeno moi contadas veces- que un produtor sobase un
traballo meu. Mais que o espectador tire un vídeo pirata ou mesmo o reedite,
mellor ou peor, nunca me dará ofendido. Debera ser todo o contrario: pagarlle
a alguén para que vexa os teus filmes e logo invitalo a unha copa.”

Tempos Novos, nº113, outubro 2006

Chuzame! chuzame -

Comentarios (2)

« Anotacións acteriores