Crónica de festivaisArchive for the ‘’ Category

O fondo do aire é vermello (15). Retransmisión Festa 10º aniversario: partes III e IV

Venres, Xuño 17th, 2011

Achegamos a gravación do concerto que Das Kapital ofreceu na pasada Festa 10º aniversario. E a seguir a escolma musical coa que DJ Chapaev pechou a xornada. Que as desfrutedes:

Parte III: Concerto de Das Kapital

[para descargar aquí]

Parte IV: DJ Chapaev

[para descargar aquí]

Chuzame! A Facebook A Twitter

O fondo do aire é vermello (15). Retransmisión Festa 10º aniversario: partes I e II

Martes, Xuño 14th, 2011

Radio Kalimera retransmitiu en directo a pasada Festa 10º aniversario do Cineclube de Compostela. Achegamos as dúas primeiras partes da gravación:

Parte I: Presentación do libro Cartaces do Cineclube de Compostela (2001-2011), a cargo de Xosé Carlos Hidalgo e Antonio Doñate

[para descargar aquí]

Parte II: Concerto de Malandrómeda

[para descargar aquí]

Polo de agora, isto é todo. En breve máis…

Chuzame! A Facebook A Twitter

O fondo do aire é vermello (10). Punto de Vista

Venres, Marzo 18th, 2011

Segunda parte do especial dedicado ao Punto de Vista 2011. Nesta ocasión falamos con Josetxo Cerdán, director do festival, e Gonzalo de Pedro, coordinador de programación. Comentamos, asemade, os filmes que máis nos interesaron, dos que avanzamos unha pequena escolma sonora. Esperamos que vos guste:

Todos os xoves ás 20:00 na Radio Kalimera, no 107.9 do dial, ou a través da rede.

Descarga os arquivos dende archive.org en ogg ou en mp3

(imaxe: fotograma da cabeceira realizada por Fernando Franco para a sétima edición do festival)

Chuzame! A Facebook A Twitter

O fondo do aire é vermello (9). 48

Venres, Marzo 4th, 2011

Na fin de febreiro acudimos ao Punto de Vista, o Festival de Cine Documental de Navarra. Neste primeiro programa d’O fondo do aire é vermello adicado ao festival, reproducimos unha longa conversa con Ansgar Schaefer, produtor do filme que máis nos conmoveu: 48, da directora portuguesa Susana de Sousa Dias. Podedes escoitalo embaixo:

Todos os xoves ás 20:00 na Radio Kalimera, no 107.9 do dial, ou a través da rede.

Descarga os arquivos dende archive.org en ogg ou en mp3

Chuzame! A Facebook A Twitter

L’alternativa 2006

Luns, Novembro 27th, 2006

http://alternativa.cccb.org/2006/fotos/Oberhausen_low.jpg

Do 10 ao 18 deste mes tivo lugar a 13ª edición do Festival de Cinema Independent de Barcelona, é dicir, L’Alternativa 2006. O certame tenta ofrecer unha panorámica de discursos “alternativos” ao cinema dominante, en toda caste de formatos. Ou o que é o mesmo, catro seccións oficiais polo prezo dunha: longametraxes de ficción; documentais –mesturando curtas e longas–, curtametraxes de animación e curtametraxes de ficción en imaxe real. Inflación de propostas ás que se xuntan as retrospectivas de rigor: Theo Angelopoulos, Marguerite Duras, Eyal Sivan, Humberto Solas, máis unha escolla de filmes realizada polo Festival de Oberhausen. Recuperados os ollos após tanta imaxe proxectada, pódese facer unha valoración do que se foi mirando por aquí.

Descarga a crónica completa de Iván García Ambruñeiras pinchando aquí

Chuzame! A Facebook A Twitter

Máis Doclisboa

Venres, Novembro 3rd, 2006

En outubro, o mundo enteiro cabe en Lisboa

Entre o 20 e o 29 deste outubro, Lisboa é un dos referentes europeos para o cinema documental, a través do Festival Internacional DocLisboa. Un intenso programa de 95 filmes de todo o mundo que nos levou da guerra de Bosnia á escura realidade do desemprego na antiga RDA após a «caída» do muro de Berlín; das minas de Laciana ou de Potosí aos territorios palestinos ocupados polo exército de Israel, ao Xapón, a Miranda do Douro… Estivemos nas salas para contaloLisboa.

[Ramiro Ledo. 2/11/2006]
Durante dez días dende hai catro anos, vén pasando en Lisboa un dos referentes europeos para o cinema documental. Entre o 20 e o 29 deste outubro, 21.259 persoas pasaron polas salas de cinema da Culturgest para veren algún dos 95 filmes que formaron o programa do 4º Festival Internacional de Cinema Documental de Lisboa – Doclisboa 2006.O documental xaponés contemporáneo (Naomi Kawase, Makoto Satô), o israelí Amos Gitai, a relación do cinema co mundo laboral, xunta unha serie de sesións especiais adicadas á realizadora finlandesa Pirjo Honkasalo ou aos filmes que compuxeron a mostra paralela “Ficcións do Real” (armada polo cineasta Pedro Costa) tracexaron o decorrer desta edición do festival.

Competición internacional
A competición oficial pechábase o sábado 28 á tarde coa proxección da fita que, ao cabo, recollería o galardón á mellor curtametraxe: A ponte encol do Drina (Xavier Lukomski, 2005). O filme, gañador tamén este ano no Festival Punto de Vista de Nafarroa 2006, ancóranos na cidade Bosnia de Visegrado. A alternancia de varios planos dende o mesmo punto en distintos intres do día coas gravacións en audio dun tribunal marcial dan unha curta que se achega dalgún xeito ao espírito dos filmes de Jean-Marie Straub e Danièle Huillet (finada esta última hai unhas semanas).
A mellor longametraxe para o xurado foi Terra Negra (2005), do cineasta de Salamanca Ricardo Íscar. O filme, que se puido ver en Galiza o pasado mes de febreiro no Cineclube de Compostela, é o froito da convivencia entre os habitantes do val mineiro de Laciana (León) e o realizador durante un ano. Para nos achegar o cotiá, Íscar descende cos propios mineiros ao seu lugar de traballo. Pouco e pouco, guíanos pola man dende o íntimo da convivencia diaria até a tensión de arrepío que confunde o perigo de filmar co perigo do traballo da mina e arrinca arreguizos dun medo compartido (“lisquemos de aquí axiña, que en canto isto colle movemento non queda máis que rezar!”).

Competición portuguesa
Pintura Habitada (Joana Ascensão, 2006) acadou o premio para a mellor longa documental portuguesa. O filme, impecábel, compón con imaxes e sons un retrato da artista plástica Helena Almeida a través da súa obra. Pintura, deseño, fotografía, vídeo e construcións sonoras forman o traballo de Almeida dende o seu paso polas avangardas dos anos sesenta, disciplinas que Ascensão integra no seu filme con delicadeza e ben facer xogando coa montaxe e o distanciamento. A competición portuguesa decidíase coa que o festival xulgou a mellor curtametraxe: Onze burros caem no estômago vazio, na que Tiago Pereira (que fixo el só o filme) recolle a tradición oral de Miranda do Douro ao fío das historias e cantigas populares a pé feito destes animais.

O cinema, vehículo do pobo
Emporiso, os filmes sobranceiros do festival foron os que a directora do Festival Cinéma du Réel de París, Marie-Pierre Duhamel Müller, escolmou para a sección paralela Mostrar Trabalho. Marie-Pierre enceta así a presentación do ciclo: “O dominio da liberdade comeza onde o traballo determinado pola necesidade para” (Karl Marx). E a historia do cinema escoa xunta a historia das sociedades. Do canto aos mineiros do Dombass no Entusiasmo de Dziga Vertov na Unión Soviética de 1930 até o Potosí do traballo mineiro da Bolivia de 2005 en Nosotros los de allá (Can’t Do It in Europe), ou cando o traballo vira en espectáculo para turistas, feito polas mozas suecas Anna Weitz, Anna Klara Ahrén e Charlotta Copcutt.
O ciclo esboza unha historia do cinema de clase dende a beleza dos filmes de Flaherty (Industrial Britain) ou o lirismo de Vittorio de Seta (Sulfarara, Parabola d’Oro), nos que o traballo é o tema do canto, mais non hai outra divindade que non sexa o home a quen o poema se dirixe. Obras fermosísimas verbo do cultivo do azafrán en Irán (Zafaran) ou conmovedoras (Maria, de Sokurov), filmes “clásicos” da historia do cinema documental (Salesman, dos irmáns Maysles) e a testemuña do Godard máis activo (Seis por dous, British Sounds). Fronte a aquel ou aquela que traballa, o cineasta é outro traballador, rodeado de traballadores que fan parte do seu equipo.

De entre a escolla de filmes, Wittstock, Wittstock (1997), do alemán Volker Koepp. O cineasta aproveita o material que vén filmando dende 1974 verbo dunha serie de mulleres empregadas na fábrica téxtil desta vila da República Democrática Alemana. 1974-75, 1977-78, 1983-84. Edith, Elsbeth e Renate, as tres mulleres que construirán ao cabo o filme, van de xolda e bailan, contan os seus soños, casan, teñen fillos. 1990. En “caendo” o muro de Berlín e co esboroamento da Unión Soviética a fábrica, nacional, é privatizada de socato e as mulleres son o primeiro alvo. Nun ano as tres están desempregadas. O filmar de caloroso distanciamento do Koepp, facendo sempre brillar a dignidade dos seus personaxes, déixanos en 1996 cunha taxa de desemprego feminino na zona do 90%.

Ocupación
No que pretendeu ser unha achega ao traballo do cineasta de Israel Amos Gitai, xuntouse a este Doclisboa unha selección de traballos que abrochan dende unha triloxía que dará lugar a máis outras dúas encol do conflito Palestiniano con Israel. Da triloxía que forman Casa (1980), Wadi 1981 (1981) e Diario de campaña (1982) xorderán co tempo Unha casa en Xerusalén (1998) e Novas dende a casa (2005) por unha banda e Wadi 1981-1991 (1991) e Wadi Gran Canón (2001) pola outra.
A historia da que rebenta Casa: un médico palestiniano abandona en 1948 a súa morada forzado polo goberno de Israel, que llela arrenda en 1956 a uns inmigrantes xudeus. A casa mércaa un profesor universitario e o filme funciona a xeito de teatro como metáfora da ocupación israelí. Este filme, o primeiro de Gitai, foi prohibido pola televisión de Israel. Noutro rexistro, Wadi 1981 inicia unha serie que pretende facer do contrapunto de Casa, nun val ao leste de Haifa. Gitai pretende amosar unha zona de convivencia entre inmigrantes xudeus superviventes dos campos de exterminio nazis e os árabes que foron expulsados das súas casas. O realizador estivo presente durante o festival para falar dos seus filmes e impartir unha aula verbo do seu cinema.

Ollando en fite ao Xapón
O filósofo, profesor e cineasta Makoto Satô, convidado ao festival para dar, coma Gitai, unha aula verbo do cinema documental xaponés contemporáneo, aproveitou para presentar os seus filmes Vivir no río Agano (1992) e Memorias de Agano (2004). O segundo é un regreso ás xentes que vivían no decurso do río Agano cando filmou o seu primeiro traballo, Vivir no río Agano. Para este filme, Satô foi cun equipo de sete persoas vivir nunha casa alugada nas montañas xunta o río durante catro anos. Nese tempo, artella un filme fermosísimo retratando a relación de proximidade entre os diferentes veciños afectados polos vertidos de mercurio que a Showa Electric Company deitou no río Agano.
Canda Satô, veu tamén dende Xapón a cineasta Naomi Kawase. Kawase colle a cámara en Embracing (1992) para filmar a busca do seu pai, que non chegou a coñecer. Traballo fundacional do seu facer de cineasta, partiu del até ir dando engordiño á luz unha esteira de filmes sinceros que van seguindo as diferentes etapas da súa vida. Dela víronse Katatsumori (1994), Letter from a Yellow Cherry Blossom (2002), Ceo, vento, lume, auga, Terra (2001) e o seu último filme, Tarachime (2006). E, madia leva, en outubro o mundo enteiro cabe en Lisboa.

Víronse daquela unha boa presada de filmes nesta edición do Doclisboa, festival que anda á procura dun lugar entre a avangarda europea do documental contemporáneo. Pola traxectoria que leva, cun ollo sempre aberto cara ao documental chinés e xaponés, premiando en anos anteriores traballos enormes: Ao oeste dos raís (Wang Bing) ou Before the Flood (Yan Yu e Li Yi Fan). Xa consolidado, é unha cita obrigada para calquera afeccionado ao cinema e camiña con paso afouto para se converter, canda o Festival Cinéma du Réel parisino, no ecrán documental europeo que nos achega cada ano os vieiros que habita o cinema contemporáneo.

***

Publicado o 2 de novembro en http://www.culturagalega.org/temadia_arquivo.php?id=8808:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Doclisboa (e III)

Mércores, Novembro 1st, 2006

Xa dende o luns ao norde do norde de Portugal, cómpre facer lembranza e esculcarmos as fitas que deu en premiar o DocLisboa 06. É que amais das estupendas seccións Historias Mínimas. O documentário japonês contemporâneo, Mostrar trabalho e da retrospectiva Amos Gitai, haber houbo unha competición oficial que mesturou naturalizacións fílmicas da ollada documental –isto é: “unha fiestra nidia dende a que enxergar o mundo”-, unhas poucas longametraxes cuxo devezo andaba, si, no empoderamento da escritura (do espectador), e algún outro arroto televisivo. Cousas do “festivalismo”.

Na Competición Internacional o primeiro premio (a)caeulle ben a Ricardo Íscar e conta de certo co noso parecer compracido. O traballo na mina resultou substancia de varios filmes este ano: Nós, os de Aló, Surfarara, Harlan County. Outra volta, Terra Negra, que xa se puido mirar no Cineclube de Compostela contra o fascismo posmoderno da propiedade intelectual, pousa o dispositivo no Real suoroso do carbón e na fala luminosa dos obreiros. E non logo, á marxe dunha forza laboral que ha cohabitar cada xornada co bafo do sinistro: dende o tremor cotiá. Filmar dende e non de. Seica o produtor de Terra Negra –son eles ben adoito os malos dos filmes- tentou enzoufar a circulación do filme e se cadra o galardón faga calar por fin o seu rancor de Ficción. Noraboa.

A Mención Especial do xurado foi para Babooska, de Rainer Frimmel e Tizza Covi, verbo da vida circense. Quérese dicir, da xente de feira en feira, da vida dos “moinantes” –termo que colleu senso racista na Galiza-. Cando menos, o documentario porfía niso que esquecera de comezo o audiovisual dominante: o encadre; é dicir, unha escolla a respecto do mundo. É máis, convoca unha ollada activa mediante a narración fragmentada dun ano en tránsito forzoso. Emporiso, non lle sentaría mal unha miga da sorpresa cinematográfica que asina, poñamos por caso, o Makoto Satô en A vivir no río Agano, tamén en DocLisboa.

Na competición nacional, levou o primeiro premio Pintura Habitada, de Joana Ascensao. Velaquí un impecábel retrato da artista contemporánea Helena Almeida, que refuga o ocio visual a prol da expresión económica no cadro e na montaxe. O caso -talvez for pola escolla de Almeida- é se a longametraxe non dá en alimentar certa idea mítica da Arte, coma feito puramente estético e autorial. Esa que se vende en ARCO. Será logo o risco, na poética de plano que propón Ascensao, dunha beleza intransitiva. E a Mención especial foi para Logo existo, de Graça Castansha e verbo dos doentes de infarto cerebral. Esta fita semella a xemelga reaccionaria de Monos coma Becky, de Joaquín Jordá: gabanza do discurso médico, individualización da enfermidade, humanismo mol.

En fin, alén de Tierra negra, o cinema mellor mirouse no Pequeno Auditorio.

Chuzame! A Facebook A Twitter

DocLisboa 2006 (II)

Venres, Outubro 27th, 2006

 

Os días van pasando e os filmes tamén aquí en Lisboa e xa se pode facer unha valoración máis ampla do festival (non que eu a vaia facer, pero poder pódese)..
O nivel xeral so festival é moi alto coido, e subindo.. co paso das xornadas.
Ao fío do que contaba rlc o outro día, coido tamén que a sesión máis consecuente etica e esteticamente é a dedicada ao traballo, con sesións memorábeis tanto pola calidade dos filmes, como pola dificultade do seu visionado ao norte do río Minho.
Fundamental semella o descubrimento de Vittorio De Seta, documentalista italiano que leva sesenta anos gravando os operarios do sur de italia no seu traballo cotiá, nas súas loitas.. O xoves puidemos ver Surfarara, un filme de dez minutos dobre os mineiros de Sicilia. Incríbel. O De Seta métese na mina, cos trabalhadores, tirando imaxes de gran beleza (desculpen o inofesivo deste adxetivo), mais será logo na mesa de montaxe onde o filme se artelle, cunha sucesión de planos bastante curtos, nos que crea unha certa sinfonía de imaxe e son, cunha banda sonora creada polo ruído dos apeiros de minería e as voces dos traballadores. Logo no medio da curta, sen avisar, o filme sae a superficie, ao pobo, polo día poboado sobre todo por mulheres, para logo voltar áo subsolo, acompanhado pola música siciliana, rematando o filme nunha caste comunión coletiva de homes mulheres e música popular siciliana. Non sei, é difícil de explicar, como todo…

Logo o ciclo permitiunos tamén recuperar o Godard máis incisivo e arriscado. “Six fois deux. Il y a personne”, primeira parte da serie para a tv do mesmo nome (composta en total por seis capítulos de cen min. de duracióncada un), é realmente sorprendente. A cámara sitúase na posición dun empresario (godard) que realiza varias entrevistas a demandantes (reais) de traballo, que cobran por aparecer no filme, mais están, de certo, no paro. A divisón de clases vira explícita..enfrontándonos como espectadores ao deshumanización das relacións laborais na sociedade capitalista (ou algo así). logo, unha mágoa, “Brittish Sounds” proxectouse sen subtítulos, co cal cal, o que escrebe apenas entendeu nada. Mais (isto si o enxerguei) o filme é comprometido cos procesos revolucionarios antiiperialistas dos últimso sesenta e primeiros setenta, criticando con lucidez agresiva os noticiarios da televisión capitalista e rematando cunha caste de arenga revolucionaria (ao xeito de Marin Karmitz en Camaradas), que nada nada semella ter de carauta ou aceno para a galería. O filme pertence ao grupo Dziga Vertov, e de certo que o mestre soviético (que non ruso) ficaría entusiasmado coa lección tirada por godard das teorías vertovianas.

Tamén cumpriría falar (mais se iso, outro día) da Naomi Kawase, da que vimos cinco documentarios que percorren a súa vida dende 1992 até hoxe. Os seus filmes posúen unha sensibilidade inusual, de xeito que a narración dos detalles máis íntimos da súa existencia (acto que, de partida, podería semellar un algo egocéntrico), achegan unha humanidade difícil de atopar nos filem de hoxe (e nos de onte tamén)

Tamén, xa por último, empezou outro miniciclo, dirixido por Pedro Costa, que se chama ficcións do real. Abrangue filmes de moi variada caste. Onte puidemos ver “Número Cero”, de Jean Eustache, filme interesantísimo de fins dos 60 que non saíu á luz até 2002, e que se compón exclusivamente dunha entrevista do autor coa súa avoa durante dúas horas. Tamén se proxectou un filme do dúo straub-huillet de 1969 titulado “Os ollos non queren fechar en todo o tempo ou Pode que un día Roma se permita escoller”, adaptación de “Othon” de Coneille, dirixida a un 2 % da poboación mundial (no melohr dos casos), porcentaxe na que non se atopa o que escrebe, así déixoo para algún outro

Máis nada, unha aperta dende Lisboa.

http://www.doclisboa.org/

Chuzame! A Facebook A Twitter

Doclisboa 2006 (I)

Mércores, Outubro 25th, 2006

 

A ver…
O venres pasado (20) comezou o IV Doclisboa 2006.
Hoxe andamos no medio e medio do festival e podemos tracexar as guías básicas que arman esta edición…

Marie-Pierre Duhamel Müller, directora do Cinéma du Réel de París, construíu a sección chave deste certame, «Mostrar traballo». Marrie-Pierre enceta o texto de presentación do catálogo do festival e cita: «O dominio da liberdade comeza onde o traballo determinado pola necesidade para» (Karl Marx). Xúntanse filmes «clásicos» da historia do cinema documental («Salesman», dos irmaos Maysles; «Harlan County, USA», de Barbara Kopple, proxectado polo cineclube en 2004); «fundadores» («Industrial Britain» de Robert J. Flaherty); a celebración dos traballadores da mina de «Entusiasmo» (D. Vertov, tamén en 2006 no cineclube); Godard («Seis por dous», «British Sounds») ou «Nosotros, los de allá», un filme que desfai. Fílmano tres mozas suecas (Charlotta Copcutt, Anna Weitz, Anna Klara Ahrén) na Bolivia de Potosí en 2005: as minas de prata son o destino turístico máis importante da cidade. Nunha das rexións máis pobres da América Latina, os excursionistas pagan por entrar na mina e tirar fotos dos operarios. «Non sei de certo que é o que veñen facer aquí» di o mineiro.
Na mesma sección, onte á tarde, se cadra o filme máis importante dos que se foron pasando: en «Wittstock, Wittstock» (1997), o alemán Volker Koepp aproveita o material que vén filmando dende 1974 sobre unha serie de mulleres empregadas na fábrica téxtil da vila. 1974-75, 1977-78, 1983-84. 1990. A fábrica, nacional, é privatizada de socato e as mulleres son o primeiro alvo. Nun ano están desempregadas. En 1996 o desemprego feminino da zona é do 90%.

Doutra banda a competición internacional, na que até agora foi «Terra Negra», do Ricardo Íscar (proxectada tamén este ano no cineclube), o máis destacado.

Quedan para posts vindeiros as «Historias mínimas. O documental xaponés contemporáneo», un ciclo que asenta ao redor do cineasta Makoto Satô («Vivir no río Agano», de 1992, é unha cousa conmovedora) e da Naomi Kawase, muller cineasta do íntimo, ben interesante, á que onte á noite lle pasaron dous filmes: «Embracing» (1992) e «Katatsumori» (1994).

Saúde.

 

rlc

Chuzame! A Facebook A Twitter