ColaboraciónsArchive for the ‘’ Category

Cinema na 13ª Bienal de Lalín

Mércores, Xullo 5th, 2017

“Como nos afecta a tradición? Esta é a pregunta que artella a proposta do Cineclube de Compostela para a 13ª Bienal de Lalín. A selección dos filmes fíxose pensando na recomposición case cronolóxica dun pasado fílmico galego cheo de baleiros, tocado pola perda e a ausencia de material, que fai que en certas ocasións haxa que incorporar pezas realizadas por exiliados para completar o fío. No proceso de resposta á pregunta, certas temáticas atravesan as tres sesións nas que se divide o total da programación. Son aquelas singularidades do caso galego que, independentemente do tempo, volven unha e outra vez, e que en parte seguen axitando a produción de cine galego: o exilio político, a tradición oral, as relacións de poder, o traballo, a memoria, a emigración, o choque coas segundas xeracións que nacen logo do éxodo rural, etc. (…)”.

SECCIÓN CINEMA
COLABORA: CGAI, Fundación Eugenio Granell e as/os autoras/es.
DATAS: 7, 8 e 14 de xullo ás 19:00
LUGAR: Salón de Actos da Biblioteca Municipal de Lalín

SESIÓN 1 | VENRES 7 DE XULLO | 19:00

Galicia 1936-2011. Estudos sobre o filme de Carlos Velo
Ramiro Ledo, Pablo Cayuela e Margarita Ledo. 2011.

El Andamio
Rogelio Amigo. 1958.

Invierno (1960), Lluvia (1961), Dibujo (1961), Trompos (1961), Middlebury (1962) e Película hecha en casa con pelota y muñeca (1962)
Eugenio Granell. Filmes experimentais e surrealistas.

SESIÓN 2 | SÁBADO 8 DE XULLO | 19:00

Gitanos sin romancero
Llorenç Soler, 1976.

Conxo, una experiencia
A Carón, 1976.

31 de agosto de 1989. Peche na fábrica de Odosa
OTTS (Organización de Traballadoras e Traballadores do Salnés), 1989.

SESIÓN 3 | VENRES 14 DE XULLO | 19:00

O milagre da carne
Javier Codesal, 1994.

La memoria interior
María Ruido, 2002.

Como foi o conto?
Alberte Pagán, 2004.

París #1
Oliver Laxe, 2008.

Mougás
David Castro, 2009.

Cine de verán no CGAC: Fóra de contexto. Ciclo de cine turista.

Martes, Xuño 27th, 2017

O Cineclube de Compostela colabora un ano máis co CGAC na programación do Cine de Verán que nesta edición está dirixido por Cibrán Tenreiro baixo o título Fóra de contexto. Ciclo de cine turista. As seis películas (dirixidas por Jim Jarmusch, Hong Sang-Soo, David Lean, Nanni Moretti, John Boorman e Richard Linklater) que se proxectarán as noites dos mércores e xoves do mes de xullo a partir das 22:30h ofrecen unha particular mirada arredor da figura do turista e da viaxe.

“O cinema naceu viaxando. Aos dous anos de ter presentado o invento, os irmáns Lumière tiñan operadores filmando todos os continentes para un público entusiasmado coa idea de coñecer o mundo sentado nunha sala escura. Co tempo, a experiencia do turista volveuse accesible para o común da xente, e as películas pasaron de ser fermosas postais de lugares exóticos a contar tamén os relatos desas persoas que abandonan a casa para situarse fóra de contexto. Ten sentido, xa que a labor do turista e a do cineasta é a mesma: mirar.

Así, estes seis filmes son, por unha parte, a escusa para aforrar cartos e mirar Memphis, Mohang, Venecia, as Illas Eolias, as montañas de Xeorxia ou Viena dende o asento. Pero tamén para observar aos turistas dende distintas perspectivas. Ás veces os viaxeiros son un elemento que altera o equilibrio previo entre un lugar e os seus habitantes: Defensa deriva esa tensión cara o terror para uns arrogantes excursionistas que desafían a natureza da Norteamérica profunda, mentres Noutro país converte os malentendidos e a estraña liberdade que dá o choque lingüístico nun humor onírico pero lúcido. Outras, os turistas poden ser o que non son na súa vida diaria. Viven excitados, abertos á casualidade do romance (como en Antes do amencer), ou á imaxinación e ao xogo (como en Querido diario), pero tamén á decepción de non cumprir as expectativas: Mystery Train opón o mito de Elvis visto dende fóra á misteriosa realidade dun Memphis descoidado, e Katherine Hepburn cruza o Atlántico coa esperanza de que Venecia lle cambie a vida en Tolemias de verán. A frustración ven ás veces de quedar na postal, na superficie das cousas, pero a mirada destes cineastas atopa no turismo conflitos profundos, drama e comedia, ata facer que as viaxes merezan a pena”.

■ Descarga o cartaz do ciclo

■ Descargar o folleto de actividade

Mércores, 5 de xullo
Mystery Train
Jim Jarmusch, Estados Unidos, Xapón, 1989, 105′.

Xoves, 6 de xullo
Noutro país (Da-reun na-ra-e-suh)
Hong Sang-Soo, Corea do Sur, 2012, 89′.

Mércores, 12 de xullo
Tolemias de verán (Summertime)
David Lean, Reino Unido – Estados Unidos, 1955, 100′.

Xoves, 13 de xullo
Querido diario (Caro diario)
Nanni Moretti, Italia, 1993, 96′.

Mércores, 19 de xullo
Defensa (Deliverance)
John Boorman, Estados Unidos, 1972, 110′.

Xoves, 20 de xullo
Antes do amencer (Before Sunrise)
Richard Linklater, Estados Unidos – Austria – Suiza, 1995, 101′.

MICE: 1977-2017, Catro décadas de cinema etnográfico

Domingo, Maio 28th, 2017

O luns 29 de maio dá comezo a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que este ano conmemora corenta anos de vida do Museo do Pobo Galego. O Cineclube de Compostela colabora nesta edición cunha programación de cinco sesións agrupadas baixo o título 1977-2017, Catro décadas de cinema etnográfico. Neste ciclo poderase ver un percorrido que nos leva desde o máis próximo ata as antípodas, da volta dun fillo á casa familiar ou a filmación dunha romaría tradicional ata a narración dun primeiro contacto entre explorador e indíxena no tempo do capitalismo colonial, pasando polas comunidades das periferias de metrópoles contemporáneas. A emerxencia de novas formas de facer onde as narrativas experimentais se mesturan co cinema de observación, a inestabilidade da relación entre suxeito filmado e suxeito que filma ou a procura dun novo lugar para o espectador deses intercambios culturais que ocorren na pantalla son liñas que sobrevoan todo o programa a través das que se poden albiscar pegadas desa formidable transformación que tivo lugar no terreo da antropoloxía visual durante estes últimos decenios.

Aquí podedes descargar o catálogo completo do MICE.

12ª MOSTRA INTERNACIONAL DE CINEMA ETNOGRÁFICO
1977-2017, Catro décadas de cinema etnográfico

Martes 30 de maio ás 18:30 no Teatro Principal
Os mozos do barrio
(Los jóvenes del barrio, Vídeo-Nou, Cataluña, 1982, 40′, VO)
Adolescentes
(Adolescentes, Ángel Santos, 2010-2011, 63′, VO)

Martes 30 de maio ás 22:30 no Teatro Principal
Foreign Parts
(Foreign Parts, Verena Paravel / JP Sniadecki, EUA / Francia, 2010, 80′, VOSG)

Mércores 31 de maio ás 19:30 no Salón Teatro
Fiadeiras de Zobra
(Fiadeiras de Zobra, Daniel González Alén, Galicia, 1981, 14′, VO)
Ven a Bens
(Ven a Bens, Sandra Sánchez, Galicia, 1992, 14′, VO)
Mougás
(Mougás, David Castro, Galicia, 2009, 15′, VO)
Ser e voltar
(Ser e voltar, Xacio Baño, Galicia, 2014, 13′, VO)
Trazos
(Trazos, Alberte Blanco, Galicia, 2016, 9′, VO)

Venres 2 de xuño ás 20:30 no Teatro Principal
Primeiro contacto
(First Contact, Bob Connolly / Robin Anderson, Australia, 1982, 54′, VOSG)

Sábado 3 de xuño ás 18:30 no Teatro Principal
Bosque do deleite
(Forest of Bliss, Robert Gardner, EUA, 1986, 90′, VO)

Sesión especial para a festa do 17: Falas raras

Xoves, Maio 4th, 2017

“A sesión que titulamos Falas raras propón unha viaxe audiovisual polo mundo a partir das voces de distintas linguas minorizadas: kawésqar, occitano, quechua, afar, catalán, asturleonés, bretón, guaraní… Os seus falantes comprométense coa supervivencia da lingua falándoa, cantando e contándonos a súa vida nela. E as súas voces chégannos de todas partes do mundo a través doutra lingua minorizada: o galego.”

Mércores 10 de maio ás 21:30 no Pichel
Sesión especial para a festa do 17: Falas raras.

MelonaFest#2: sesión de curtas experimentais musicadas en directo

Xoves, Marzo 30th, 2017

O Cineclube de Compostela colabora co MelonaFest #2 acollendo unha nova sesión especial de curtametraxes experimentais musicadas, neste caso a cargo de Lois G. Carlín e MontañaMuerte.

MontañaMuerte é o proxecto en solitario de CosmonautC (Haecceidad, Orquesta Pánico), no que emprega trebellos tecnolóxicos de todo tipo (dun theremin a unha gameboy) para crear ambientes místicos que evocan a natureza. Psicodelia, trance e electrónica que neste caso empregará para musicar Acariño galaico (de barro), a terceira parte do Tríptico elemental de España de José Val del Omar. Nela, o cineasta granadino empregaba tamén a insólita técnica das súas invencións para recrear a paisaxe e os elementos, retratando os rasgos inmemoriais da cultura galega cunha presenza destacada do relixioso e o máxico.

Lois G. Carlín, quen xa puxo música en directo a unha sesión de curtas mudas de ciencia-ficción no Cineclube, é musicólogo e membro de grupos como Ataque Escampe. Nesta sesión empregará un sintetizador modular Serge para improvisar ruidos que acompañarán unha selección de pezas curtas que percorren cincuenta anos da historia do cinema experimental. O sonido futurista do pasado súmase nesta ocasión ás imaxes que expandiron os límites da séptima arte mediante a aplicación de novas técnicas e novas ideas.

Mércores 5 de abril ás 21:30 no Pichel
Sesión de curtametraxes experimentais musicadas en directo por
Lois G. Carlín e Montaña Muerte
Sinfonía diagonal
(Symphonie Diagonale, Vikking Eggeling, Alemaña, 1924, 7′, VO)
Intento de estudo visual sobre un arabesco
(Essai d’étude visuelle sur une arabesque, Germaine Dulac, Francia, 1929, 8′, VO)
Sincromía Nº 4: Escape
(Synchromy No. 4. Escape, Mary Ellen Bute / Bill Nemeth / Ted Nemeth, EUA, 1937, 4′)
Dinámica de radio
(Radio Dynamics, Oskar Fischinger, EUA, 1942, 4′)
Fases da forma IV
(Form Phases IV, Robert Breer, EUA, 1954, 3′)
Luces
(Lights, Marie Menken, EUA, 1966, 6′)
Feedback Estroboscopia
(Feedback Stroboscopie, Dominique Belloir, Francia, 1975, 5′)
Acariño galaico (De barro)
(Acariño galaico (De barro), José Val del Omar, Estado Español, 1961, 36’)

■ Preme aquí para descargar o cartaz en pdf

Abril 2017

Mércores, Marzo 29th, 2017

[Cartaz de Misha Bies Golas]

ABRIL 2017

Mércores 5 de abril ás 21:30 no Pichel
Colaboración co MelonaFest #2

Sesión de curtametraxes experimentais musicadas por Lois G. Carlín e Montaña Muerte
Sinfonía diagonal
(Symphonie Diagonale, Vikking Eggeling, Alemaña, 1924, 7′, VO)
Intento de estudo visual sobre un arabesco
(Essai d’étude visuelle sur une arabesque, Germaine Dulac, Francia, 1929, 8′, VO)
Sincromía Nº 4: Escape
(Synchromy No. 4. Escape, Mary Ellen Bute / Bill Nemeth / Ted Nemeth, EUA, 1937, 4′)
Dinámica de radio
(Radio Dynamics, Oskar Fischinger, EUA, 1942, 4′)
Fases da forma IV
(Form Phases IV, Robert Breer, EUA, 1954, 3′)
Luces
(Lights, Marie Menken, EUA, 1966, 6′)
Feedback Estroboscopia
(Feedback Stroboscopie, Dominique Belloir, Francia, 1975, 5′)
Acariño galaico (De barro)
(Acariño galaico (De barro), José Val del Omar, Estado Español, 1961, 36’)

Mércores 19 de abril ás 21:30 no Pichel
Imperial Eyes
(Imperial Eyes, Pablo Marte, País Vasco, 2015, 52′, VO)
Coa presenza do director

Sábado 22 de abril a partir das 19:00h no Pichel 
Festa do 16º aniversario do Cineclube de Compostela
MOUNQUP
GUATEQUE ESCAMPE
LAMPREA EXPLOSIVA

Mércores 26 de abril ás 21:30 no Pichel
O rito da filla
(Daughter rite, Michelle Citron, EUA, 1980, 53′, VOSG)

Sesión Tractora Coop: traballos 2014/2016

Venres, Febreiro 3rd, 2017

Este mércores 8 de febreiro o Cineclube de Compostela acollerá a sesión Tractora Coop. Traballos 2014/2016, na que se proxectarán Gold 20 de Ainara Elgoibar, Pasaia Bitartean de Irati Gorostidi e Lycisca de Gerard Ortín. Estes filmes están producidos por Tractora Coop, unha cooperativa de artistas e cineastas, e formaron parte dunha sesión programada no Anthology Film Archives de Nova York, considerado o cinema cooperativista fundacional en Estados Unidos baixo a iniciativa de Jonas Mekas, Peter Kubelka e Stan Brakhage.

A maiores, o próximo luns 13 ás 19:30 o cinema NUMAX ofrecerá tamén unha sesión con filmes de Tractora, titulada Sunday Rest (Domingo de descanso). Tres filmes de Vicente Vazquez e Usue Arrieta:  nela proxectaranse Goitik Beherea Behetik Gora (2012), The Exhaust Note (2013) e 90º Doble Vertiente (2013). Nestas tres pezas hai unha temática común no tratamento das tensións entre traballo e ocio, natureza e cultura, industrialización e comunidade. A través das imaxes e os sons compróbase como estes supostos contrarios van dar paso a unha sutil interconexión entre eles que xera un inusual e complexo retrato dun grupo social. A sesión contará cunha pequena presentación e posterior coloquio por parte dos seus autores.

TRACTORA COOP. TRABALLOS 2014/2016

Gold 20, de Ainara Elgoibar, é un tipo de cristal dourado, sen ouro, recentemente creado por Guardian Industries en Tudela (Navarra). É empregado principalmente para arquitectura exterior. As súas propiedades mecánicas son idénticas a aquelas dos outros produtos da serie SunGuard, así que é presentado como unha das opcións cromáticas de certos tipos de cristal. A cor dourada é ornamental. O vídeo de Ainara Elgoibar narra o proceso de manufacturación deste tipo de cristal, mentres recupera a tradición dos documentais industriais, a medio camiño entre a práctica artística e a documentación do proceso de produción.

Pasaia Bitartean, de Irati Gorostidi, é unha aproximación fílmica ao entramado urbano de Pasaia, municipio no que se ubica o principal porto comercial de Guipúzcoa. O seu tecido industrial e urbano creceu e desenvolveuse arredor da actividade do porto que, a partir da crise dos 70 e ata a actualidade, foi diminuindo. A película persegue a apreciación do presente de Pasaia e, a súa vez, pensa a urbe como continente de memoria. O traballo como actividade productiva contraponse ao traballo como actividade museística; turistas que atravesan unha industria en decadencia como parte do traxecto dun cruceiro; ou bandas de hardcore que recollen o testemuño sonoro desa mesma industria conforman algúns dos elementos a través dos que esta película captura a paisaxe urbana e industrial de Pasaia.

Lycisca (work in progress), de Gerard Ortín, propón un percorrido fragmentado polo Val de Karrantza. A película estrutúrase a través de diferentes accións: un concurso de raza de cans de presa, unha máquina de ordeño automatizado, o son da buguina coa que un pastor espanta ao lobo ou unha cova turística descuberta durante a explotación dunha canteira. A través dun exercicio de paisaxismo das relacións, destaca as luces e sombras dunha realidade en proceso de cambio, onde falar de domesticación é tan inoportuno como falar de pureza ou estado natural.

Mércores 8 de febreiro ás 21:30 no Pichel
TRACTORA COOP: TRABALLOS 2014/2016
Gold 20
(Gold 20, Ainara Elgoibar, País Vasco, 2015, 17′, VO)
Pasaia bitartean
(Pasaia bitartean, Irati Gorostidi, País Vasco, 2015, 51′, VOSE)
Lycisca [work in progress]
(Lycisca, Gerard Ortín, País Vasco, 2016, 43′, VO)
Coa presenza de Ainara Elgoibar, Gerard Ortín, Vicente Vázquez e Usue Arrieta, membros de Tractora Coop.

Chantal Akerman: facer estourar cousas

Xoves, Decembro 1st, 2016

Saute ma ville

“Seguimos as nosas colaboracións con Pincha(e)discos afondando nas posibilidades da fame no cinema ao fío dun curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela… E tamén dun cabodano: o da cineasta belga Chantal Akerman (1950-2015). Hai anos tivemos no Cineclube, proposto pola profesora Margarita Ledo, un ciclo presentado pola docente e artista Renata Otero, doutora en Historia da Arte coa tese Chantal Akerman: estratexias para a autorrepresentación. Na nosa primeira entrega abordabamos a fame en Pasolini a través do Stracci da mediometraxe La Ricotta, e as súas implicacións de clase. No cine de Akerman podemos ler as escenificacións da fame e do comer compulsivamente como a posta en escena doutra opresión, que resumiu Barbara Kruger, artista visual dos 70, na fotomontaxe “Your body is a battleground”: a de xénero.

Akerman fixo do seu propio corpo posto en escena, de varios alter ego, e da súa perspectiva detrás da cámara, campo de batalla. Deuse a coñecer coa curtametraxe Saute ma ville (Fago estourar a miña vila, 1968), onde realiza accións “performativas” diante da cámara, nun espazo doméstico, a cociña, deformando rituais cotiáns (nesa liña, Semiotics of the kitchen, acción da artista Martha Rossler, data do 75): botarlles betún ás pernas, cocer pasta e devorala, precintar a porta mentres mastiga unha mazá, acumular caoticamente obxectos de limpeza e finalmente, que todo rebente. A curta considerouse como un ensaio de Jeanne Dielman, e ten falado da súa vontade de que fose algo chaplinesco. De certo é unha influencia innegable (outro día falamos sobre cineastas que comen zapatos, de Chaplin a Herzog, si?).

Noutra curtametraxe, J’ai faim, j’ai froid (Teño fame, teño frío, 1984) é unha adolescente encarnada por María de Medeiros quen se mete na cociña do apartamento duns homes que ela e súa amiga acaban de coñecer, para facer unha pseudotortilla e engulipar ovo case cru. Dúas rapazas que fuxiron da casa repiten constantemente que teñen fame e teñen frío. Devoran dous almorzos nunha cafetaría case sen respirar e marchan sen pagar. Á noite teñen máis fame, e cantan unha aria da Traviata nun restaurante para conseguir cartos. Dous homes “convídanas” a cear, e despois a durmir na casa dun deles, onde Maria de Medeiros fai esta tortilla (moi á francesa) mentres a personaxe que interpreta Pascale Salkin vive no seu corpo, por parte do seu anfitrión, a chantaxe patriarcal por antonomasia. Destas transgresións no espazo da cociña pasamos a outra moito menos evidente: en Jeanne Dielman hai longos planos secuencia da protagonista pelando patacas. Que duran o tempo que dura pelar patacas. A transgresión aquí está en visibilizar o que non é visible, temporalizar na pantalla o tempo que non se considera “produtivo”: o que bota unha ama de casa cociñando, limpando, coidando…

Por último, no seu gusto (e o de moitas artistas visuais e performers contemporáneas dela) por levar o corpo ao límite, énos interesante para este artigo o atracón de azucre de Je, tu, il, elle (Eu, ti, el, ela, 1974). Ese alter ego representado pola propia Akerman permanece fechada nun espazo doméstico de novo: o seu corpo nu, un colchón e un quilo de azucre que vai comendo a culleradas directamente da bolsa. Esta acción compulsiva súmase a outra, cando esta protagonista visita a unha ex amante e devora pan con Nutella. Mesmo lle pide máis. Esta merenda improvisada acaba cunha das primeiras escenas explícitas de sexo entre mulleres da historia do cine. Así é o cine de Akerman. Voraz. Para rebentalo todo”.

Por Lara Rozados (Cineclube de Compostela)
Colaboración coa revista Pincha(e)Discos na sección “5 e acción”, número 10, páx. 22 – 23, 2016.

Cine e fame. “La Ricotta” de Pasolini.

Xoves, Outubro 13th, 2016

laricotta

“Desde o Cineclube de Compostela inauguramos sección en Pincha(e)discos con esta primeira achega. Pensamos se tería xeito facer reseñas de filmes con especial interese gastronómico (e as posibilidades eran moitas), pero en todo caso, velaquí o noso debut: imos falar sobre a fame.

Diso trata o filme que traemos, La Ricotta, de Pier Paolo Pasolini. Amais de utilizar a súa xenial primeira secuencia de baile para publicitar a nosa festa de aniversario do 2014, con esta mediametraxe e tres máis do mesmo autor inauguramos a tempada 2014-2015.

Indo ao allo: La Ricotta (1963) é o segundo episodio do filme RoGoPaG (Rossellini, Godard, Pasolini e Gregoreti), co guión escrito despois de Mamma Roma e xa co Evanxeo segundo San Mateo na cabeza do cineasta. Neste exercicio pre-Evanxeo, Pasolini acaba por elaborar un ensaio sobre o propio cine, a fama, a fame, e desde logo, a relixión. Pinta un cadro (ás veces literalmente, emulando nalgunhas escenas, as únicas a cor, certos cadros relixiosos) sobre a miseria na Italia do seu tempo. O pobre esfameado do Stracci, que interpreta ao bo ladrón na Paixón de Cristo que se filma neste exercicio metacinematográfico, fai de todo por alimentar a súa familia e a si mesmo. Voraz e pillabán, pecha un círculo de inxustiza cando consegue mercar o desexado requeixo despois de venderlle a un xornalista, lacaio do poder, o canciño mimado da diva do filme, que amais de alimentarse con caviar mentres os figurantes pasan fame, aínda lle roubara o xantar a Stracci.

O que vemos, como tantas outras veces adoita retratar Pasolini, son personaxes escravos das condicións materiais da súa existencia, e con todo non hai maniqueísmo. Como un xenial trasunto de si mesmo, o director de cine interpretado por Orson Welles, respóndelle a un xornalista que a sociedade italiana é “o pobo máis analfabeto, a burguesía máis ignorante de Europa”, ou que, como marxista, a morte é un feito que non ten en conta. Un xornalista que reproduce o discurso dun xornal, cuxo dono é tamén o produtor do filme (é tamén el un instrumento de produción). Xente que morre coa fame. Explica Miguel Ángel Barroso en Pier Paolo Pasolini. La brutalidad de la coherencia, esta interesante tríada: o director, o intelectual quen de analizar os dous mundos; o xornalista, a monstruosa e perigosa clase media “conformista, clasista, racista, escravista”; e Stracci, o bufón a cámara rápida, o figurante esfameado co que todos rin, mesmo quen vemos o filme. Finalmente, na crucifixión, o picado sobre o director do filme e contrapicado a Stracci, resume a perspectiva pasoliniana sobre o cine como ferramenta para a emancipación: o director mira desde abaixo para botar luz sobre os esfameados da terra. Os contrapicados son para os que só morrendo poden lembrarnos que están vivos. La Ricotta foi un filme perseguido entre 1964 e 1968. Non sabemos canto polo que puido ter de ofensivo para a Igrexa católica ou canto pola brutal honestidade de retratar esa parte de Europa famenta, e facelo para máis contraste ao lado da opulencia e do “glamour” do cine. Dun lado, a prensa, os focos, a diva co seu canciño, Orson Welles dirixindo. Doutro lado, a fame”.

Por Lara Rozados (Cineclube de Compostela)
Colaboración coa revista Pincha(e)Discos na sección “5 e acción”, número 9, páx. 22 – 23, 2016.

Éxitos de onte, hoxe e sempre. Carta branca a Curtocircuíto.

Mércores, Setembro 21st, 2016

Sur le passage de quelques personnes Guy Debord

Mércores 28 de setembro ás 21:30 no Pichel

Carta branca a Curtocircuíto
Éxitos de onte, hoxe e sempre

 

O sangue das bestas
(Le sang des bêtes, Georges Franju, Francia, 1949, VOSG, 20′)

“Non é a visión (mental e histórica) o que procura Franju, senón a aparición, é dicir, aquelo que as aparencias agochan de fantástico, poesía e horror. Se o cinema de Resnais e Marker é un cinema das circunvolucións (do cerebro e da historia), o cinema de Franju é un cinema da exposición, no dobre sentido de exposición didáctica e de descubrimento. Cando un expón ben o seu tema, un pono (e a un tempo ponse a un propio) en perigo, como nunha operación cirúrxica.

Teatro da crueldade, sadismo, dixeron na época certas críticas sobre O sangue das bestas, Hospital dos Inválidos ou Os ollos sen rostro. É supoñer que o cinema debería, conforme ao bo gusto, tratar con indulxencia ao seu tema e ao espectador! Franju rexeita esta ollada anestesiada, xusto porque é unha persoa tenra, e iso é evidente: nada humano lle resulta estranxeiro, comezando polos “nosos amigos, os animais”. Mais non se confronta a tenrura da carne co aceiro temperado do coitelo, o candor da mirada coa fría lente do obxectivo? No canto de afastarse das feridas, Franju deita sobre esa abertura invisíbel unha mirada clínica que ispe a nosa ferida e a deixa sen protección (sen as habituais coartadas da piedade ou a curiosidade).” (François Niney)

 

A escola de carteiros
(L’ecole des facteurs, Jacques Tati. Francia, 1947, VOSG, 18′)

“A visión que compartimos ao longo d’A escola de carteiros é unha visión satírica. A través da esaxeración e o ridículo, incita a unha visión negativa das cousas que disgustaban a Tati – o traballo, a eficiencia, a présa, a organización – e suxire, coa mesma seguridade, que os homes con gorra de prato son uns completos panocos. (…) Non hai un momento visualmente aburrido n’A escola de carteiros, e a súa calidade deriva en grande parte da súa extrema economía de medios. Pero sen o peculiar efecto do tamaño de Tati, do seu anticuado uniforme seudomilitar e da súa cómica torpeza, tan ben afinada que chega a ter certa graza, o filme non sería gran cousa. Fóra pensado como un vehículo para Tati como nova personalidade do cinema cómico. Non é unha obra mestra, pero é un inicio moi prometedor, moi por riba de calquera cousa que Tati fixera antes da guerra.” (David Bellos)

 

Brutalidade en pedra
(Brutalität in Stein, Alexander Kluge / Peter Schamon, República Federal Alemana, 1961, VOSG 12′)

Brutalidade en pedra non pretende saber “como foi en realidade”. Por medio da non-correspondencia de imaxe e son, o filme produce relacións temporais. Deixa que o pasado nazi agrome en pequenos escintileos acústicos. Aínda así esta asociación temporal non fica na pantalla, xa que alí vemos metraxe do presente da filmación. Máis que ofrecer un argumento fotográfico sobre a etioloxía e os síntomas do Nacionalsocialismo e, unha vez posta a salvo a suposta verdade documental, escurecer o fenómeno histórico que están a investigar, Schamoni e Kluge queren deixar que os espectadores experimenten o tempo histórico por si propios. Deste xeito, a loucura e o xigantismo dos programas fascistas para mudar o mundo (o asasinato en masa, a xermanización de Europa, o rebautizado das cidades […]) non fican limitados ao período 1933-1945. Presérvanse rastros dese tempo nas imaxes do presente. Cal podería ser exactamente a relación entre o pasado nazi e a Alemaña do Oeste do momento? Aquí o filme cala. É o espectador o que debe confrontar esa cuestión.” (Eike Friedrich Wenzel)

 

O filme de correr, saltar e parar quieto
(The Running Jumping & Standing Still Film, Richard Lester, Reino Unido 1960, VOSG, 11′)

“Filmada por Richard Lester (utilizando a nova cámara Bolex de 16mm de Peter Sellers) e montada por Lester e Sellers, O filme de correr, saltar e parar quieto era un filme caseiro aparentemente feito por e para amigos, se ben en realidade estes estaban desesperados por abrirse paso no mundo cinematográfico. Rodada ao longo de dous domingos cun custo de 70 libras (incluíndo 5 libras polo aluguer dunha finca), este filme de once minutos presenta os talentos cómicos de Sellers, Lester, Spike Milligan, Graham Stark (quen aparece tamén en episodios da terceira e novena temporadas do The Goon Show), e outros. O humor n’O filme de correr, saltar e parar quieto semella remontarse á “Pallasada” e aos precoces experimentos coa gravadora de Peter Sellers, no canto do propio Goon Show. Coido que proveu a Milligan e Sellers dun medio para unha necesidade contida de experimentar co humor visual, algo que o Goon Show non aportaba. Se ben o filme carecía de trama e non tiña diálogo, con todo acadou rapidamente seguidores e chegou a gañar un premio (no Festival de Cinema de San Francisco) e incluso foi seleccionado para un premio da Academia. A filmación solapouse cos derradeiros episodios do Goon Show, o que levou ao sufrido produtor John Browell a comentar que ás veces non estaba seguro de para que actuación estaba a ensaiar.” (Alastair Roxburgh)

 

Sobre o paso dalgunhas persoas no transcurso dun periodo de tempo bastante breve
(Sur le passage de quelques personnes à travers une assez courte unité de temps, Guy Debord, Francia, 1959, VOSG, 19′)

“Se se ven os diferentes traballos cinematográficos de Debord por orde cronolóxica desde 1952, partindo de Alaridos a favor de Sade, no que todo o filme transcorre sen imaxes, só con voz en off, atopámonos en 1959 con Sobre o paso dalgunhas persoas a través dunha breve unidade de tempo, duns dezaoito minutos de duración, no que podemos deternos un momento para comparalo coa Sociedade do espectáculo. As persoas ás que alude o título son os propios situacionistas e persoas próximas ao seu grupo e a alusión ao tempo é a referencia á propia duración do filme. Tamén hai unha referencia espacial ao barrio (o “barrio latino”) e aos bares nos que os situacionistas estaban en reunión permanente. Hai unha clara resonancia existencialista cando a voz en off recita: «As nosas vidas son unha viaxe no inverno e na noite mentres buscamos o noso camiño» (passage) e aínda que tamén está presente un discurso político, toda a película expón unha visión poética e vital da posibilidade de atopar un camiño e percorrelo non na estrita soidade, senón en grupo. Grupo de afíns, grupo de amigos. Ademais destes dous planos filosófico / poético e político, hai un terceiro plano de crítica do propio medio fílmico.  A película preséntase como un anti-filme, polo seu contido e pola súa estrutura. Hai varios planos nos que se ataca á ilusión cinematográfica cando se filma a través do cristal aos propios curiosos que observan riseiros a rodaxe nun bar ou cando se usa, dunha forma moderada, o détournement de imaxes do poder (aínda que practicamente, ningunha imaxe de publicidade).” (Antonio Ontañón)