A noite polar

Abril 2nd, 2018 | by cineclubedecompostela |

Fas A noite polar na Universidad del Cine de Buenos Aires. De que maneira pensas que marca a película o estar feita nun contexto estudantil?

Florencia Romano: Creo que fai da película algo colectivo. Algo moito máis colectivo que calquera outra película. Se ben todas son feitas por un grupo, aquí as solucións son máis grupais, porque dalgunha forma, ao ser poucos os medios que temos para a produción, cada un ten que traballar coa inventiva ao máximo para propoñer desde a súa área a mellor solución posible. Como non hai cartos para resolver as cousas facilmente hai que buscar outras alternativas, e iso fai que polo menos as cabezas de equipo teñan unha maior liberdade de decisión que a que eu sinto que se ten nas películas industriais.

Claro, ao non haber cartos tamén hai menos responsabilidade nese sentido.

F.R: Si, totalmente. Máis liberdade, creo, porque a responsabilidade dos cartos é unha responsabilidade medio horrible tamén. O único obxectivo que ten o diñeiro é gañar máis diñeiro, entón estás medio atado a iso e non á túa necesidade persoal de búsqueda… estilística, se queres. No OUFF contabas que a partir dauniversidade nacen estruturas de colaboración, traballando unhas persoas nas películas doutras, cambiando de roles. Ti agora remataches a carreira.

Esas estruturas mantéñense no tempo? Son viables como unha cousa a medio prazo ou desfanse?

F.R: Depende. Desfanse e mantéñense. Desfanse no detalle; na película igual todos os teus compañeiros de clase teñen que traballar, pero despois hai vínculos que se manteñen, e iso é o bo. Tanto a produtora da película e axudante de dirección [Belén Bianco] como o director de fotografía [Fidel González Armatta] son persoas que se manteñen para min no tempo. Que empezou aí e que agora perdura en novos proxectos. Para min son os meus compañeiros de traballo indiscutibles e iso xestouse na universidade.

[Anaco da entrevista a directora Florencia Romano “O cine é unha necesidade que pasa máis por un lado espiritual que por un lado económico” por Cibrán Tenreiro para o Cineclube de Compostela].

Mércores 4 de abril ás 21:30h no Pichel
A noite polar
(La noche polar, Florencia Romano, Arxentina, 2016, 61′, VO)

Sorry, comments for this entry are closed at this time.