Deixádella ao ceo

Febreiro 6th, 2018 | by cineclubedecompostela |

“Nun contexto de creación mítica como foi Hollywood na súa idade de ouro, esta ousada misoxinia non debería sorprendernos. Se evocamos o imaxinario da antiga Grecia –e a comparación, como veremos, non é casual- , facilmente comprobaremos o rexeitamento que os seus escritores amosaron polo sexo feminino. […] Pandora foi, […] para os mortais, muller primeira, a Eva da lenda grega, que en lugar de precipitarse sobre o froito prohibido se apresta, posuída pola curiosidade, a abrir unha xerra –ou unha caixa– que contén todos os males: no intre no que a doncela destapa o recipiente, as duras fatigas, as enfermidades e as desgracias disemínanse velozmente pola terra; coa chegada de Pandora […] os homes coñecen o traballo, o cansazo e a perda dun paraíso alí onde, ata entón, a terra producira espontáneamente froito abundante e xeneroso. Os nenos tampouco brotarán da terra porque Pandora introduce a sexualidade entre os mortais: criatura de natureza “fría e húmida” -artificial doncela modelada por Hefesto con terra e auga-, é símbolo da tentación perversa á que os homes dificilmente poden escapar.

[…] Deixádella ao ceo [Leave her to heaven, John M. Stahl, 1945] presentou, tralo rostro inxenuo de Gene Tierney –no papel de Ellen Berent– a unha das máis devastadoras feminidades do universo do cine negro. Nunha das escenas iniciais, Ellen coñece casualmente nun tren a Richard Harland (Cornel Wilde), escritor que, como expresará con entusiasmo a rapaza, parécese tanto no físico como nas maneiras ao seu propio pai. Ellen, que precisamente tomou ese tren para asistir ás exequias do proxenitor, síntese subitamente atrapada polo amor que esperta nela aquel descoñecido de rostro familiar, e aos poucos días casa con el. Non tardará a moza en dar mostras da súa devoción por Richard, nin tampouco en revelar o carácter destructor que a domina”.

[Tirado de Diosas y tumbas. Mitos femeninos en el cine de Hollywood, por Núria Bou. Barcelona: Icaria, 2006. p. 13-35]

Mércores 7 de febreiro ás 21:30 no Pichel
Deixádella ao ceo
(Leave Her to Heaven, John M. Stahl, EUA, 1945, 110′, VOSG)

Sorry, comments for this entry are closed at this time.