MALAS

Febreiro 2nd, 2018 | by cineclubedecompostela |

“As fantasías masculinas, é que todo xira arredor das fantasías masculinas? Posta nun pedestal ou posta de xeonllos, todo é unha fantasía masculina: que es forte dabondo para aguantar o que eles che boten enriba ou demasiado débil para facer nada ao respecto”

A noiva ladroa, Margaret Atwood

Dende a antigüidade, e dentro do binarismo de xénero, o espazo feminino na cultura vén sendo establecido polos homes. Así, hai unha serie de comportamentos, normalmente sumisos e limitadores, que as mulleres poden levar a cabo sen meterse en problemas. E logo están as “malas mulleres”. Que, non por casualidade, son as que consciente ou inconscientemente se rebelan contra os límites establecidos do que lles é permitido. Gobérnanse a si mesmas e mesmo exercen poder. Neste ciclo queremos presentar unha serie de personaxes femininas da historia do cine catalogadas, dentro ou fóra dos seus universos fílmicos, como malas. Malvadas, perversas, bruxas, putas, asasinas… non podemos evitar empatizar con elas, sufridoras e carismáticas, e queremos celebralas recuperándoas.

En Deixádella ao ceo (John M. Stahl, 1945), quizais o único gran film noir en Technicolor, Gene Tierney é unha variante diúrna da femme fatale. No seu momento, a historia vendeuse como o retrato da obsesión dunha muller malvada, pero entre os seus actos de crueldade é posible ler a reacción dunha muller forte e poderosa contra as limitacións do seu contexto.

A bruxa diaño (Kaneto Shindo, 1964) xoga coa figura feminina demónica que existe en moitos mitos folclóricos, neste caso a da yōkai xaponesa, identificada cunha muller madura ou anciá que deveu demo ou yōkai por odio ou resentimento. Nesta fábula moral enmarcada dentro de certa tradición misóxina, as onibabas son condenadas socialmente pola súa carraxe e instinto de supervivencia nuha terrible situación bélica ante un mundo hostil que lle supón ás mulleres o papel de submisas e obedientes.

En A gran cidade (Satyajit Ray, 1963), Arati dá testemuña do complexo que resulta traspasar o seu espazo doméstico e fisurar o seu círculo social bengalí (tradicional e conservador) cando toma a decisión de buscar traballo para axudar a manter á familia. Arati é “mala” a ollos da sociedade e nun principio mesmo a ollos da súa propia familia (marido, fillo, sogro e sogra).

Eu fun unha asasina en serie adolescente (Sarah Jacobson, 1993) e Fode en min (Virginie Despentes e Coralie Trinh Thi, 2000) poñen en escena o asasinato como reacción aos abusos masculinos. No primeiro caso faise en clave de comedia trash vencellada ao riot grrrl e no segundo como unha road movie chea de rabia e desesperación marcada polo sexo e violencia explícitos.

Sorry, comments for this entry are closed at this time.