Sesión Gregory Markopoulos

Setembro 14th, 2017 | by cineclubedecompostela |

“Sexa como fose, entre as 107 películas proxectadas en Knokke, algunhas delas sen discusión poderían reclamarse como unha chamada á controversia, como esa curiosa Dúas veces home, por outra parte premiada, unha mediometrade en 16mm, pantalla estándar e en Eastmancor realizada por Gregory Markopoulos. En canto ás intencións, o propio autor expón:

«Gustaríame amosar unha nova forma narrativa baseada en frases fílmicas moi breves usadas en grupos para evocar o pensamento a través das imaxes. O que chamo “imaxe do pensamento”, polo tanto, contén cargas tanto psicolóxicas como estéticas. Intensifica e constrúe o tema visual mentres o diálogo e a música son introducidos como elementos de realce».

En canto ao resultado, non deixa de intrigar: tras unha longa pasaxe bastante desconcertante no negro absoluto (o heroe atravesa un túnel), asistimos a un desfile, ou máis ben a unha fervenza de planos dun ritmo irregular pero cuxa reaparición e combinación periódica parece obedecer a unha lei estritamente matemática. Se fose necesario empregar comparacións «físicas» para render contas da impresión producida, viríanme á mente as seguintes palabras: lóstrego, corrente eléctrica, raio, electrocución, recarga, trono, síncope, fulminación, letargo, catalepsia, resurrección.

Deixemos a un lado o tema –unha adaptación da lenda de Hipólito segundo a experiencia moderna– para non considerar máis que o principio, a aposta formal, e apuntemos que Dúas veces home propón (é máis ou menos o que se desprende ao vela por primeira vez) algunhas series de imaxes, cada unha afectada por un coeficiente variable de realidade obxectiva: algunhas parecen estar pechadas, definitivamente construídas, outras semellan máis inestables nos seus contornos e cores, outras son fortemente problemáticas, incluso improbabéis”.

[Tirando de “Una obra y sus márgenes”, por Claude Ollier en Lumière. Publicado orixinalmente en Cahiers du cinéma, nº 153, 1964].

Mércores 20 de setembro ás 21:30 no Pichel
Nadal, EUA
(Christmas, U.S.A., Gregory Markopoulos, EUA, 1949, 13′, VO)
Dúas veces home
(Twice a Man, Gregory Markopoulos, EUA, 1964, 45′, VO)
En colaboración co Colectivo Agrocuir da Ulloa

Sorry, comments for this entry are closed at this time.