Cine de verán no CGAC: Fóra de contexto. Ciclo de cine turista.

Xuño 27th, 2017 | by cineclubedecompostela |

O Cineclube de Compostela colabora un ano máis co CGAC na programación do Cine de Verán que nesta edición está dirixido por Cibrán Tenreiro baixo o título Fóra de contexto. Ciclo de cine turista. As seis películas (dirixidas por Jim Jarmusch, Hong Sang-Soo, David Lean, Nanni Moretti, John Boorman e Richard Linklater) que se proxectarán as noites dos mércores e xoves do mes de xullo a partir das 22:30h ofrecen unha particular mirada arredor da figura do turista e da viaxe.

“O cinema naceu viaxando. Aos dous anos de ter presentado o invento, os irmáns Lumière tiñan operadores filmando todos os continentes para un público entusiasmado coa idea de coñecer o mundo sentado nunha sala escura. Co tempo, a experiencia do turista volveuse accesible para o común da xente, e as películas pasaron de ser fermosas postais de lugares exóticos a contar tamén os relatos desas persoas que abandonan a casa para situarse fóra de contexto. Ten sentido, xa que a labor do turista e a do cineasta é a mesma: mirar.

Así, estes seis filmes son, por unha parte, a escusa para aforrar cartos e mirar Memphis, Mohang, Venecia, as Illas Eolias, as montañas de Xeorxia ou Viena dende o asento. Pero tamén para observar aos turistas dende distintas perspectivas. Ás veces os viaxeiros son un elemento que altera o equilibrio previo entre un lugar e os seus habitantes: Defensa deriva esa tensión cara o terror para uns arrogantes excursionistas que desafían a natureza da Norteamérica profunda, mentres Noutro país converte os malentendidos e a estraña liberdade que dá o choque lingüístico nun humor onírico pero lúcido. Outras, os turistas poden ser o que non son na súa vida diaria. Viven excitados, abertos á casualidade do romance (como en Antes do amencer), ou á imaxinación e ao xogo (como en Querido diario), pero tamén á decepción de non cumprir as expectativas: Mystery Train opón o mito de Elvis visto dende fóra á misteriosa realidade dun Memphis descoidado, e Katherine Hepburn cruza o Atlántico coa esperanza de que Venecia lle cambie a vida en Tolemias de verán. A frustración ven ás veces de quedar na postal, na superficie das cousas, pero a mirada destes cineastas atopa no turismo conflitos profundos, drama e comedia, ata facer que as viaxes merezan a pena”.

■ Descarga o cartaz do ciclo

■ Descargar o folleto de actividade

Mércores, 5 de xullo
Mystery Train
Jim Jarmusch, Estados Unidos, Xapón, 1989, 105′.

Xoves, 6 de xullo
Noutro país (Da-reun na-ra-e-suh)
Hong Sang-Soo, Corea do Sur, 2012, 89′.

Mércores, 12 de xullo
Tolemias de verán (Summertime)
David Lean, Reino Unido – Estados Unidos, 1955, 100′.

Xoves, 13 de xullo
Querido diario (Caro diario)
Nanni Moretti, Italia, 1993, 96′.

Mércores, 19 de xullo
Defensa (Deliverance)
John Boorman, Estados Unidos, 1972, 110′.

Xoves, 20 de xullo
Antes do amencer (Before Sunrise)
Richard Linklater, Estados Unidos – Austria – Suiza, 1995, 101′.

Sorry, comments for this entry are closed at this time.