Marcado para matar

Xuño 26th, 2017 | by cineclubedecompostela |

“Jarmusch emparellou a película de Suzuki (Marcado para matar) con Le Samourai (1967) de Jean-Pierre Melville, tratando as dúas sobre asasinos a soldo. Admirou o filme de Suzuki por estar “fotografado das maneiras máis exquisitas, con todos eses ángulos inusuais”. De feito, Jarmusch sinala un par de escenas no filme – particularmente unha onde o personaxe principal asasina a alguén dende abaixo a través do desaugue dun fregadeiro – como referencias directas para o seu propio filme Ghost Dog: The Way of the Samurai.

Esta revelación serviu como un punto de partida para que Jarmusch discutise os seus sentimentos sobre as e os cineastas que referencian o traballo de outros nos seus propios proxectos. “Creo que calquera forma de expresión é como ondas no oceano que non podes trazar realmente”, dixo. “Superpóñense e non creo verdadeiramente na orixinalidade, porque hai un número limitado de historias, pero hai un número ilimitado de maneiras de contalas”. Engadiu unha advertencia: “Creo que só é roubo se colles a idea de alguén antes de que a realizase e dis que era túa, e entón simplemente es un completo mamón”. Pero, dixo, “se colles algo que te conmoveu e fas outra versión, creo que iso é fermoso, nada máis. Penso que iso é simplemente a natureza de crear cousas”.

[Tirado de Jim Jarmusch’s List of 5 Must-See Movies: ‘I Don’t Believe in Originality’ por Liz Nord en No Film School, outubro 2016]

Mércores 28 de xuño ás 21:30 no Pichel
Marcado para matar
(殺しの烙印 [Koroshi no rakuin], Seijun Suzuki, Xapón, 1967, 91’, VOSG)

Sorry, comments for this entry are closed at this time.