MICE: 1977-2017, Catro décadas de cinema etnográfico

Maio 28th, 2017 | by cineclubedecompostela |

O luns 29 de maio dá comezo a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que este ano conmemora corenta anos de vida do Museo do Pobo Galego. O Cineclube de Compostela colabora nesta edición cunha programación de cinco sesións agrupadas baixo o título 1977-2017, Catro décadas de cinema etnográfico. Neste ciclo poderase ver un percorrido que nos leva desde o máis próximo ata as antípodas, da volta dun fillo á casa familiar ou a filmación dunha romaría tradicional ata a narración dun primeiro contacto entre explorador e indíxena no tempo do capitalismo colonial, pasando polas comunidades das periferias de metrópoles contemporáneas. A emerxencia de novas formas de facer onde as narrativas experimentais se mesturan co cinema de observación, a inestabilidade da relación entre suxeito filmado e suxeito que filma ou a procura dun novo lugar para o espectador deses intercambios culturais que ocorren na pantalla son liñas que sobrevoan todo o programa a través das que se poden albiscar pegadas desa formidable transformación que tivo lugar no terreo da antropoloxía visual durante estes últimos decenios.

Aquí podedes descargar o catálogo completo do MICE.

12ª MOSTRA INTERNACIONAL DE CINEMA ETNOGRÁFICO
1977-2017, Catro décadas de cinema etnográfico

Martes 30 de maio ás 18:30 no Teatro Principal
Os mozos do barrio
(Los jóvenes del barrio, Vídeo-Nou, Cataluña, 1982, 40′, VO)
Adolescentes
(Adolescentes, Ángel Santos, 2010-2011, 63′, VO)

Martes 30 de maio ás 22:30 no Teatro Principal
Foreign Parts
(Foreign Parts, Verena Paravel / JP Sniadecki, EUA / Francia, 2010, 80′, VOSG)

Mércores 31 de maio ás 19:30 no Salón Teatro
Fiadeiras de Zobra
(Fiadeiras de Zobra, Daniel González Alén, Galicia, 1981, 14′, VO)
Ven a Bens
(Ven a Bens, Sandra Sánchez, Galicia, 1992, 14′, VO)
Mougás
(Mougás, David Castro, Galicia, 2009, 15′, VO)
Ser e voltar
(Ser e voltar, Xacio Baño, Galicia, 2014, 13′, VO)
Trazos
(Trazos, Alberte Blanco, Galicia, 2016, 9′, VO)

Venres 2 de xuño ás 20:30 no Teatro Principal
Primeiro contacto
(First Contact, Bob Connolly / Robin Anderson, Australia, 1982, 54′, VOSG)

Sábado 3 de xuño ás 18:30 no Teatro Principal
Bosque do deleite
(Forest of Bliss, Robert Gardner, EUA, 1986, 90′, VO)

Sorry, comments for this entry are closed at this time.