MelonaFest#2: sesión de curtas experimentais musicadas en directo

Marzo 30th, 2017 | by cineclubedecompostela |

O Cineclube de Compostela colabora co MelonaFest #2 acollendo unha nova sesión especial de curtametraxes experimentais musicadas, neste caso a cargo de Lois G. Carlín e MontañaMuerte.

MontañaMuerte é o proxecto en solitario de CosmonautC (Haecceidad, Orquesta Pánico), no que emprega trebellos tecnolóxicos de todo tipo (dun theremin a unha gameboy) para crear ambientes místicos que evocan a natureza. Psicodelia, trance e electrónica que neste caso empregará para musicar Acariño galaico (de barro), a terceira parte do Tríptico elemental de España de José Val del Omar. Nela, o cineasta granadino empregaba tamén a insólita técnica das súas invencións para recrear a paisaxe e os elementos, retratando os rasgos inmemoriais da cultura galega cunha presenza destacada do relixioso e o máxico.

Lois G. Carlín, quen xa puxo música en directo a unha sesión de curtas mudas de ciencia-ficción no Cineclube, é musicólogo e membro de grupos como Ataque Escampe. Nesta sesión empregará un sintetizador modular Serge para improvisar ruidos que acompañarán unha selección de pezas curtas que percorren cincuenta anos da historia do cinema experimental. O sonido futurista do pasado súmase nesta ocasión ás imaxes que expandiron os límites da séptima arte mediante a aplicación de novas técnicas e novas ideas.

Mércores 5 de abril ás 21:30 no Pichel
Sesión de curtametraxes experimentais musicadas en directo por
Lois G. Carlín e Montaña Muerte
Sinfonía diagonal
(Symphonie Diagonale, Vikking Eggeling, Alemaña, 1924, 7′, VO)
Intento de estudo visual sobre un arabesco
(Essai d’étude visuelle sur une arabesque, Germaine Dulac, Francia, 1929, 8′, VO)
Sincromía Nº 4: Escape
(Synchromy No. 4. Escape, Mary Ellen Bute / Bill Nemeth / Ted Nemeth, EUA, 1937, 4′)
Dinámica de radio
(Radio Dynamics, Oskar Fischinger, EUA, 1942, 4′)
Fases da forma IV
(Form Phases IV, Robert Breer, EUA, 1954, 3′)
Luces
(Lights, Marie Menken, EUA, 1966, 6′)
Feedback Estroboscopia
(Feedback Stroboscopie, Dominique Belloir, Francia, 1975, 5′)
Acariño galaico (De barro)
(Acariño galaico (De barro), José Val del Omar, Estado Español, 1961, 36’)

■ Preme aquí para descargar o cartaz en pdf

Sorry, comments for this entry are closed at this time.