Sesión Jean-Daniel Pollet

Marzo 28th, 2017 | by cineclubedecompostela |

Méditerranée (1963)
En 1962, con vinte e seis anos, Pollet emprende unha viaxe en coche xunto ao futuro gran cineasta alemán Volker Schlöndorff. Está a preparar o seu novo filme, Méditerranée, do que case non sabe nada ao partir. Ao seu compositor, Antoine Duhamel, dille: “os grandes monumentos que hai no Mediterráneo serán imaxes da morte, farei unha viaxe arredor do Mediterráneo, filmarei cun asistente (Schlöndorff) e despois montarei o filme”. A viaxe dura tres meses e medio. Schlöndorff renuncia axiña, desesperado polo etéreo dun proxecto ao que non lle atopa sentido ningún. Pollet segue con outro asistente grego que fala francés e insiste en non gravar, de ser posíbel, máis dun plano de cada lugar, porque iso o faría entrar no terreo do documental: el quere encontrar un modelo de filme radicalmente novo (…).

L’Ordre (1973)
Dez anos e quince experimentos despois, que inclúen a ciencia ficción, o filme-ensaio sobre arte ou a comedia lixeira en forma de farsa, Pollet recibe unha chamada dos Laboratorios Sandoz. Para eles rodara no 1966 unha adaptación de O horla de Guy de Maupassant, unha curtametraxe de ficción herdeira da técnica de Méditerranée, mais cruzada pola presenza dun relato, un actor, a composición visual da desesperación do personaxe a partir do uso das cores, e unha simultaneidade de tres tempos narrativos; unha recreación libre e puramente cinematográfica da esquizofrenia. Nesta ocasión, os Sandoz propúñanlle construír un filme sobre a lepra co sociólogo Maurice Born. Dous meses despois de se coñeceren, os dous estaban a rodar na illa grega de Spinalonga, onde as autoridades encerraran os leprosos desde comezos de século. (…) En todo filme patrocinado por un laboratorio hai un antes e un despois do medicamento, explica Gérard Leblanc en L’entrevues. Aquí tamén: hai un cambio de escenario –a mediados de século chegou a cura, trasladáronos a un hospital da periferia de Atenas con vistas a os reintegraren na sociedade– mais a sociedade nunca os readmitiu. Ninguén cre que estean curados, é a enfermidade coas connotacións máis terríbeis desde hai demasiados séculos”.

[Texto “Jean-Daniel Pollet. O rostro como paisaxe, a imaxe como palabra” por Guillermo G. Peydró para a proxección de Mediterráneo e A orde na facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid, o 13 de febreiro do 2013]

Mércores 29 de marzo ás 21:30 no Pichel
Mediterráneo
(Méditerranée, Jean-Daniel Pollet, e Volker Schlöndorff, Francia, 1963, 42′, VOSG)
A orde
(L’ordre, Jean-Daniel Pollet, Francia, 1973, 40′, VOSG)

Sorry, comments for this entry are closed at this time.