No perigo e na angustia máis forte, o camiño do medio leva á morte

Marzo 1st, 2017 | by cineclubedecompostela |

“Mentres que en moitos dos filmes de Kluge pode agardarse este tipo de cruce de xéneros como atracción secundaria, en No perigo e na angustia máis forte o camiño do medio leva á morte, co- dirixida con Edgar Reitz (1974), funciona como principio organizador. Filme na tradición de das sinfonías da cidade dos anos 20 e 30, No perigo… xustapón a demolición dun edificio ocupado e as conseguintes batallas nas rúas na cidade de Frankfurt con, entre outras cousas, os rituais de organización do Entroido, a preparación dunha folga teatral, un curso para mozos emprendedores para aprender a falar en público e unha conferencia de astrofísicos. Estes sucesos variados están vagamente conectados polos movementos de dúas protagonistas ficcionais: Rita Müller-Eisert, unha axente da Alemaña do Leste co propósito de espiar a “realidade social” da República Federal, e Inge Maier, unha prostituta que lle rouba aos seus clientes para compensarse a si mesma polo desigual intercambio. Ambos personaxes funcionan como figuras narradoras (coa súa propia voz superposta) e como espectadoras subrogadas. Rita é amosada no seu traballo, con prismáticos e unha cámara e ollando na súa casa vellos filmes da U.F.A. pola televisión (aínda que, en cada caso, sen contraplano).”

[Texto tirado de “Reinventing the Nickelodeon: Notes on Kluge and Early Cinema” en FORREST, T. (Ed.): Alexander Kluge: Raw Materials for the Imagination, Amsterdam University Press, Amsterdam, 2012, pp 400-404].

Mércores 1 de marzo ás 21:30 no Pichel
No perigo e na angustia máis forte, o camiño do medio leva á morte
(In Gefahr und größter Not bringt der Mittelweg den Tod, Alexander Kluge e Edgar Reitz, RFA, 1974, 86’, VOSG)

Sorry, comments for this entry are closed at this time.