Os salteadores

Febreiro 17th, 2017 | by cineclubedecompostela |

“Os filmes da fase que inaugura Os salteadores -que abre a chamada “triloxía da Historia” que completan Os roxos e os brancos [Csillagosok, katonak] e Silencio e grito [Csend es kialtas]- céntranse en episodios de rebelión e opresión, e analizan particularmente o funcionamento dos diferentes mecanismos represivos do poder. Pero por si mesma esta temática non tería servido para individualizar unha obra; o que distingue a Jancsó, o que converte os seus filmes nunha efectiva, e literal, posta en escena dun mito que serve para explicar a Historia, é a nova dramaturxia que comeza a esbozar a partir deste filme.

(…) a partir de d’Os salteadores as películas de Jancsó poderían debuxarse como diagramas como os que describen unha partida de xadrez: unha partida que describe un momento histórico e na que os campesiños son literalmente peóns sacrificados por un poder invisíbel. A consecuencia desta concepción é, por suposto, o plano-secuencia que lle vai dar fama a Jancsó e que agora é apenas un horizonte ao que tende (que máis ben pide a berros) a posta en escena. N’Os salteadores aínda rexe unha planificación baseada na montaxe pero o plano-contraplano tende a desaparecer como figura dominante en beneficio do continuo reencandre -o plano nunca é estático- que xorde do movemento da cámara e dos actores (e as masas de extras) nun baile perpetuo. O fascinante deste filme é que nos permite asistir ao nacemento, aínda en loita co modo de representación clásico, deste orixinal sistema que logo chegará ao manierismo en sucesivas e máis radicais aplicacións do mesmo. (…) Pero antes de incorrer nos coros e danzas este sistema paramétrico de interpretar a Historia influirá non pouco en cineastas como o primeiro Angelopoulos”.

[Antonio Weinrichter. Reseña do filme tirada de Vientos del Este: los nuevos cine en los países socialistas europeos. 1955-1975. Carlos Losilla y José Enrique Monterde (ed.). Valencia: IVAC, Festival Internacional de Cine de Gijón, CGAI, Filmoteca Española, 2006, p. 200-201].

Mércores 22 de febreiro ás 21:30 no Pichel
Os salteadores
(Szegénylegények, Miklós Jancsó, Hungría, 1966, 90′, VOSG)

Sorry, comments for this entry are closed at this time.