Sesión Tractora Coop: traballos 2014/2016

Febreiro 3rd, 2017 | by cineclubedecompostela |

Este mércores 8 de febreiro o Cineclube de Compostela acollerá a sesión Tractora Coop. Traballos 2014/2016, na que se proxectarán Gold 20 de Ainara Elgoibar, Pasaia Bitartean de Irati Gorostidi e Lycisca de Gerard Ortín. Estes filmes están producidos por Tractora Coop, unha cooperativa de artistas e cineastas, e formaron parte dunha sesión programada no Anthology Film Archives de Nova York, considerado o cinema cooperativista fundacional en Estados Unidos baixo a iniciativa de Jonas Mekas, Peter Kubelka e Stan Brakhage.

A maiores, o próximo luns 13 ás 19:30 o cinema NUMAX ofrecerá tamén unha sesión con filmes de Tractora, titulada Sunday Rest (Domingo de descanso). Tres filmes de Vicente Vazquez e Usue Arrieta:  nela proxectaranse Goitik Beherea Behetik Gora (2012), The Exhaust Note (2013) e 90º Doble Vertiente (2013). Nestas tres pezas hai unha temática común no tratamento das tensións entre traballo e ocio, natureza e cultura, industrialización e comunidade. A través das imaxes e os sons compróbase como estes supostos contrarios van dar paso a unha sutil interconexión entre eles que xera un inusual e complexo retrato dun grupo social. A sesión contará cunha pequena presentación e posterior coloquio por parte dos seus autores.

TRACTORA COOP. TRABALLOS 2014/2016

Gold 20, de Ainara Elgoibar, é un tipo de cristal dourado, sen ouro, recentemente creado por Guardian Industries en Tudela (Navarra). É empregado principalmente para arquitectura exterior. As súas propiedades mecánicas son idénticas a aquelas dos outros produtos da serie SunGuard, así que é presentado como unha das opcións cromáticas de certos tipos de cristal. A cor dourada é ornamental. O vídeo de Ainara Elgoibar narra o proceso de manufacturación deste tipo de cristal, mentres recupera a tradición dos documentais industriais, a medio camiño entre a práctica artística e a documentación do proceso de produción.

Pasaia Bitartean, de Irati Gorostidi, é unha aproximación fílmica ao entramado urbano de Pasaia, municipio no que se ubica o principal porto comercial de Guipúzcoa. O seu tecido industrial e urbano creceu e desenvolveuse arredor da actividade do porto que, a partir da crise dos 70 e ata a actualidade, foi diminuindo. A película persegue a apreciación do presente de Pasaia e, a súa vez, pensa a urbe como continente de memoria. O traballo como actividade productiva contraponse ao traballo como actividade museística; turistas que atravesan unha industria en decadencia como parte do traxecto dun cruceiro; ou bandas de hardcore que recollen o testemuño sonoro desa mesma industria conforman algúns dos elementos a través dos que esta película captura a paisaxe urbana e industrial de Pasaia.

Lycisca (work in progress), de Gerard Ortín, propón un percorrido fragmentado polo Val de Karrantza. A película estrutúrase a través de diferentes accións: un concurso de raza de cans de presa, unha máquina de ordeño automatizado, o son da buguina coa que un pastor espanta ao lobo ou unha cova turística descuberta durante a explotación dunha canteira. A través dun exercicio de paisaxismo das relacións, destaca as luces e sombras dunha realidade en proceso de cambio, onde falar de domesticación é tan inoportuno como falar de pureza ou estado natural.

Mércores 8 de febreiro ás 21:30 no Pichel
TRACTORA COOP: TRABALLOS 2014/2016
Gold 20
(Gold 20, Ainara Elgoibar, País Vasco, 2015, 17′, VO)
Pasaia bitartean
(Pasaia bitartean, Irati Gorostidi, País Vasco, 2015, 51′, VOSE)
Lycisca [work in progress]
(Lycisca, Gerard Ortín, País Vasco, 2016, 43′, VO)
Coa presenza de Ainara Elgoibar, Gerard Ortín, Vicente Vázquez e Usue Arrieta, membros de Tractora Coop.

Sorry, comments for this entry are closed at this time.