Deus e o diabo na terra do sol

Decembro 20th, 2016 | by cineclubedecompostela |

glauber rocha

“Se o tropicalismo se debeu, nalgunha medida, aos meus actos e ás miñas ideas, temos que considerar o impacto que tivo sobre min o filme Terra em transe, de Glauber Rocha, na miña temporada carioca de 1966-1967. O meu corazón deu un salto na escena de apertura, cando, ao son do mesmo cántico de candomblé que xa estaba na banda sonora de Barravento (a primeira longametraxe de Glauber) se vía aproximarse, nunha toma aérea do mar, a costa brasileira. E, á medida que o filme continuaba avanzando, as imaxes de grande forza que se sucedían confirmaban a impresión de que aspectos inconscientes da nosa realidade estaban á beira de revelarse.

Glauber Rocha, o xoven director baiano, era nesa altura xa un verdadeiro líder cultural. Logo de rodar Barravento, cando aínda vivía na Bahía, impresionou a directores e críticos europeos con Deus e o diabo na terra do sol, un filme cheo dunha beleza salvaxe que nos excitou a todos coa posibilidade dun grande cinema nacional.

(…)

Deus e o diabo na terra do sol retrata aos cangaceiros da rexión, bandidos rurais que se fixeran famosos en Europa a través do filme O cangaceiro, gañador de varios premios de Cannes a mediados dos cincuenta. Os cangaceiros da vida real impactaban bastante polos seus estilizados sombreiros de vaqueiro, as súas medallas e as súas xoias. Crueis e románticos, estaban listos para a vinganza social nunha terra dominada polos terratenentes. Glauber non temía á man ás veces pesada e ás veces torpe coa que exhibía as ensinanzas estéticas de Eisenstein, Rossellini, Buñuel ou Brecht (ademais da nouvelle vague e algún xesto aprendido do entón, para nós, emerxente cinema xaponés) e as leccións ideolóxicas dalgúns marxistas.

[Tirado de Verdade tropical, de Caetano Veloso publicado en Sâo Paulo por Companhia das Letras en 1997].

Mércores 21 de decembro ás 21:30 no Pichel
Deus e o diabo na terra do sol
(Deus e o Diabo na Terra do Sol, Glauber Rocha, Brasil, 1964, 118′, VOSG)

Sorry, comments for this entry are closed at this time.