1939

Outubro 28th, 2016 | by cineclubedecompostela |

aregladoxogo

O Cineclube leva programando 15 anos, e entre as máis de 1000 películas que proxectamos, o único ano do que non se puxo ningunha é 1939. Non sabemos moi ben que di do Cineclube que o único ano que obviamos sexa o comunmente considerado “mellor ano da historia do cinema”. O ano de Foise co vento, O Mago de Oz, Ninotchka, Cabaleiro sen espada, Os violentos anos vinte, A dilixencia! Parece que fai falla esforzarse para ignoralo, pero supoñemos que ningún cineclube escolle as películas co criterio absurdo de ir cubrindo todos os anos equitativamente. En todo caso, decidimos esforzarnos para deixar de ignoralo, e escoller as deste mes de novembro co criterio absurdo de resolver ese descoido imperdoable.

Con todo, esa coincidencia entre críticos e historiadores para sinalar 1939 como o ano milagroso é tamén un pouco sospeitosa. Ao final resulta que a propia industria de Hollywood comezara a afirmalo antes de que sucedera, iniciando a campaña “Motion Pictures’ Greatest Year” para defenderse dunha denuncia antimonopolio que lles puxeran ás majors. Non queremos ser vítimas da propaganda nin reducir a historia do cinema á historia do cinema estadounidense (por moi impresionante que sexa), así que sumamos ao anterior o criterio, menos absurdo, de escoller películas de distintas cinematografías.

Así, aínda que non puidemos evitar programar Só os anxos teñen ás (Howard Hawks) e O mozo Lincoln (John Ford), abrimos o mes con O espía de negro, a primeira colaboración entre os británicos Michael Powell e Emeric Pressburger. E proxectaremos tamén dous grandes clásicos das outras cinematografías máis fortes daquel momento: A regra do xogo, de Jean Renoir, e A historia do crisantemo tardío de Kenji Mizoguchi. Teremos comedia, acción, intriga, aventuras, historia, drama e romance.

Sorry, comments for this entry are closed at this time.