Cine e fame. “La Ricotta” de Pasolini.

Outubro 13th, 2016 | by cineclubedecompostela |

laricotta

“Desde o Cineclube de Compostela inauguramos sección en Pincha(e)discos con esta primeira achega. Pensamos se tería xeito facer reseñas de filmes con especial interese gastronómico (e as posibilidades eran moitas), pero en todo caso, velaquí o noso debut: imos falar sobre a fame.

Diso trata o filme que traemos, La Ricotta, de Pier Paolo Pasolini. Amais de utilizar a súa xenial primeira secuencia de baile para publicitar a nosa festa de aniversario do 2014, con esta mediametraxe e tres máis do mesmo autor inauguramos a tempada 2014-2015.

Indo ao allo: La Ricotta (1963) é o segundo episodio do filme RoGoPaG (Rossellini, Godard, Pasolini e Gregoreti), co guión escrito despois de Mamma Roma e xa co Evanxeo segundo San Mateo na cabeza do cineasta. Neste exercicio pre-Evanxeo, Pasolini acaba por elaborar un ensaio sobre o propio cine, a fama, a fame, e desde logo, a relixión. Pinta un cadro (ás veces literalmente, emulando nalgunhas escenas, as únicas a cor, certos cadros relixiosos) sobre a miseria na Italia do seu tempo. O pobre esfameado do Stracci, que interpreta ao bo ladrón na Paixón de Cristo que se filma neste exercicio metacinematográfico, fai de todo por alimentar a súa familia e a si mesmo. Voraz e pillabán, pecha un círculo de inxustiza cando consegue mercar o desexado requeixo despois de venderlle a un xornalista, lacaio do poder, o canciño mimado da diva do filme, que amais de alimentarse con caviar mentres os figurantes pasan fame, aínda lle roubara o xantar a Stracci.

O que vemos, como tantas outras veces adoita retratar Pasolini, son personaxes escravos das condicións materiais da súa existencia, e con todo non hai maniqueísmo. Como un xenial trasunto de si mesmo, o director de cine interpretado por Orson Welles, respóndelle a un xornalista que a sociedade italiana é “o pobo máis analfabeto, a burguesía máis ignorante de Europa”, ou que, como marxista, a morte é un feito que non ten en conta. Un xornalista que reproduce o discurso dun xornal, cuxo dono é tamén o produtor do filme (é tamén el un instrumento de produción). Xente que morre coa fame. Explica Miguel Ángel Barroso en Pier Paolo Pasolini. La brutalidad de la coherencia, esta interesante tríada: o director, o intelectual quen de analizar os dous mundos; o xornalista, a monstruosa e perigosa clase media “conformista, clasista, racista, escravista”; e Stracci, o bufón a cámara rápida, o figurante esfameado co que todos rin, mesmo quen vemos o filme. Finalmente, na crucifixión, o picado sobre o director do filme e contrapicado a Stracci, resume a perspectiva pasoliniana sobre o cine como ferramenta para a emancipación: o director mira desde abaixo para botar luz sobre os esfameados da terra. Os contrapicados son para os que só morrendo poden lembrarnos que están vivos. La Ricotta foi un filme perseguido entre 1964 e 1968. Non sabemos canto polo que puido ter de ofensivo para a Igrexa católica ou canto pola brutal honestidade de retratar esa parte de Europa famenta, e facelo para máis contraste ao lado da opulencia e do “glamour” do cine. Dun lado, a prensa, os focos, a diva co seu canciño, Orson Welles dirixindo. Doutro lado, a fame”.

Por Lara Rozados (Cineclube de Compostela)
Colaboración coa revista Pincha(e)Discos na sección “5 e acción”, número 9, páx. 22 – 23, 2016.

Sorry, comments for this entry are closed at this time.