Ciclo sobre a Nova vIná (Nova Onda Checa) no cine de verán do CGAC

Xuño 23rd, 2016 | by cineclubedecompostela |

las margaritas

Comeza o verán e con el as sesións de cinema ao aire libre no CGAC, este ano cun ciclo dedicado ao cinema checo con películas vinculadas, na súa maioría, ao movemento da Nová vlná, a Nova Onda Checa. O CGAC programará, as noites dos mércores e os xoves do mes de xullo, sete títulos dos grandes directores checos: Miloš Forman, Jiří Menzel, Jiří Weiss, Karel Zeman, Karel Kachyňa, Ivan Passer e Věra Chytilová. O ciclo realízase en colaboración co Centro de Linguas Modernas da USC e o Centro Checo en Madrid, e baixo a dirección de María Villamarín.

“A mediados dos sesenta o movemento da Nová vlná converteuse nun dos motores cinematográficos europeos, a un nivel parello ao da Nouvelle Vague, aínda que pola súa maior proximidade se coñece máis a segunda. Esta Nova Onda Checa estaba encabezada por unha segunda xeración de estudantes saídos da FAMU (Escola de Cinema e Televisión da Academia de Artes Escénicas de Praga), que realizaron un cine estreitamente vinculado ao contexto histórico, social e cultural do país. Este sería o trazo identificador do movemento, formado por uns autores que non tiñan ningún manifesto definido e que, segundo os teóricos, carecían dunha conciencia de grupo. O que os unía era a intención de romper as pautas do realismo socialista e a procura de novas vías para contrarrestar a falta deliberdade na creación artística.

Nese ambiente de efervescencia, esta corrente produciu cintas importantes para a historia do cinema. Algunha das máis notables aparece coa incorporación dunha plasticidade surrealista, evidente na obra de Jan Švankmajer e, en xeral, no xénero da animación (representado neste ciclo por O barón Munchaüsen). As temáticas comezaron, en paralelo aos novos cinemas da época, a tratar con frecuencia a vida cotiá (Iluminación íntima, Outra vez saltou sobre os charcos), así como a abordar os conflitos xeracionais e as problemáticas da mocidade sen distanciarse delas (Loias no arame e As margaridas). Como características transversais aplicables a case todos estes traballos fílmicos destaca a profundidade con que tratan aos personaxes e a moral individual fronte á representación colectiva defendida previamente polo sistema comunista (Romeo, Xulieta e as tebras); tamén as críticas alegóricas ao sistema político (¡Ao lume, bombeiros!, a última película de Miloš Forman antes de exiliarse) e o tratamento irónico, lirismo e emotividade que desprenden os filmes a pesar dadureza das historias que narran”.

■ Descargar o folleto de actividade.

Mércores, 6 de xullo
Hoří, má panenko! (Ao lume, bombeiros!)
Miloš Forman. República Checa, 1967, 71′.

Xoves, 7 de xullo
Skřivánci na niti (Loias no arame)
Jiří Menzel. República Checa, 1969, 94′.

Mércores, 13 de xullo
Romeo, Julie a tma (Romeo, Xulieta e as tebras)
Jiří Weiss. República Checa, 1960, 92′.

Mércores, 20 de xullo
Baron Prášil (O barón Munchaüsen)
Karel Zeman, República Checa, 1961, 80′.

Xoves, 21 de xullo
Už zase skáču přes kaluže (Outra vez saltou sobre os charcos)
Karel Kachyňa. República Checa, 1971, 94′.

Mércores, 27 de xullo
Intimní osvětlení (Iluminación íntima)
Ivan Passer. República Checa, 1965, 71′.

Xoves, 28 de xullo
Sedmikrásky (As margaridas)
Věra Chytilová, República Checa, 1966, 74′.

Sorry, comments for this entry are closed at this time.