Voltamos: curtametraxes de Pier Paolo Pasolini

Setembro 25th, 2014 | by cineclubedecompostela |

"La Ricotta"

Lin que vostede ten dito que ten problemas cos actores. Por qué?

Non querería que a xente tomara isto demasiado literalmente, non dun xeito dogmático. En La Ricotta usei a Orson Welles e leveime marabillosamente ben con el. No filme que estou a facer agora vou usar a Totò, un cómico italiano popular, e estou seguro de que todo irá ben. Cando digo que non traballo ben con actores estou expresando unha verdade relativa. Quero estar seguro de que isto está claro. A miña dificultade está no feito de que non son un director profesional, e entón non aprendín as técnicas cinematográficas. E a que menos aprendín de todas é a que chaman a “técnica do actor”. Non sei que tipo de linguaxe empregar para expresarme cara ao actor. E neste senso, non son quen de traballar con actores.

[…]

Cales son as súas observacións sobre as características técnicas e estéticas do cine logo de ter gañado experiencia?

A miña falta de experiencia profesional non me animou a inventar. En lugar diso impulsoume a “re-inventar”. Por exemplo, nunca estudei no Centro Sperimentale nin en ningunha outra escola, e entón cando chegou o momento de que filmara un plano panorámico, para min foi a primeira vez na historia do cinema que se filmou unha panorámica. Así que re-inventei a panorámica.

Só unha persoa cunha gran experiencia é quen de inventar técnicamente. No que se refire a invencións técnicas, nunca fixen ningunha. Pode ser que inventara un determinado estilo (de feito, os meus filmes son recoñecibles por un estilo particular), pero o estilo non sempre implica invencións técnicas. Godard está cheo de invencións técnicas. En Alphaville hai catro ou cinco cousas que son completamente inventadas, por exemplo eses planos en negativo. Certas rupturas técnicas de Godard son resultado dun estudo personal minucioso.

En canto a min, nunca me atrevín a tentar experimentos deste tipo, porque non teño coñecementos técnicos. Entón o meu primeiro paso foi simplificar a técnica. Isto é contradictorio, porque como escritor tendo a ser extremadamente complicado, isto é, a miña páxina escrita é tecnicamente moi complexa. Mentras estaba escribindo Una vila violente (tecnicamente moi complexa) estaba filmando Accattone, que era tecnicamente moi simple. Esta é a principal limitación da miña carreira cinematográfica, porque creo que un autor debe ter un coñecemento completo de todos os seus instrumentos técnicos. Un coñecemento parcial é unha limitación. Polo tanto, penso que o primeiro período do meu traballo cinematográfico está a piques de pecharse. E o segundo período está a piques de comezar, no cal serei un director profesional tamén no que se refire á técnica.”

(Tirado de 1965 Pier Paolo Pasolini Interview, de James Blue, en Film Comment, outono de 1965)

Mércores 1 de outubro ás 21.30 no Pichel
O requeixo
(La Ricotta, Pier Paolo Pasolini, Italia/Francia, 1963, 34′, VOSG)

A Terra vista dende a Lúa
(La Terra vista dalla Luna, Pier Paolo Pasolini, Italia/Francia, 1967, 30′, VOSG)

Que son as nubes?
(Che cosa sono le nuvole?, Pier Paolo Pasolini, Italia, 1968, 20′, VOSG)

A secuencia da flor de papel
(La sequenza del fiori di carta, Pier Paolo Pasolini, Italia/Francia, 1969, 10′, VOSG)

Sorry, comments for this entry are closed at this time.