Primeiros traballos

Xuño 16th, 2014 | by cineclubedecompostela |

“En Rani Radovi, Žilnik bota ao monte a tres mozos e unha moza, quen desafiando a rutina da pequena burguesía da vida cotiá e desexosos de “cambiar o mundo”, percorren o país e as fábricas armados cos primeiros escritos de Marx para “espertar a conciencia do pobo” e animalos na súa loita pola emancipación e por unha vida digna. Enfrontados ao primitivismo e á miseria, atópanse cos seus propios límites, as debilidades e as incapacidades. Frustrados porque a revolución planeada fracasa, xorde a traxedia.

Decote descrito coma paradigma de obra crítica co estalinismo, a primeira tarefa de achegamento a Rani Radovi debería ser a superación deste estigma. Non só polo feito histórico constatado de que a Iugoslavia titista dese tempo xa rachara coa política de aliñamento soviética senón tamén porque quen pescude no pensamento de Žilnik e do propio filme atopará moitas das chaves que permitirán tirar moitas reflexións sobre o xeito de encarar unha revolución. De pensar unha revolución.

A principal das leccións que tirar de Rani Radovi é que a revolución non comeza nin remata no intre mesmo da revolución. Žilnik sábeo ben, bota man dos clásicos marxistas que usaron para a súa teoría da revolución social as categorías dialécticas de cambio cuantitativo-cualitativo e da política dialéctica da imaxe e a súa montaxe para enfrontar tras da súa cámara as contradicións enxergadas polos mozos idealistas e a realidade dos excluídos: campesiñado e lumpen, colectivo este último ao que Žilnik trata nesta e vindeiras fitas coma o grande manipulado por Estado e opositores ao longo da historia do seu país.

Se o traballo de Žilnik subliña unha tentativa de reinventar a complexidade do discurso do marxismo en relación coa súa concreción na realidade, Rani Radovi é o meirande estandarte desta exposición. Citas dun Marx temperán que se xustapoñen a imaxes contraditorias nunha política cinematográfica coherente por vangardista, incómoda, case hegeliana, dialéctica de síntese e antítese e de volta á repetición mediante planos e diálogos coa fin de amosarmos as dificultades destes mozos revolucionarios á hora de conxugar retórica e desexos das masas.”

(Gonzalo Pallares e Artevic Holgueras en Pensar (n)o cinema (III), terceira parte dos textos que acompañan o ciclo de Cinema e Filosofía. Podedes consultar o texto completo na sesión deste mércores 18 de xuño)

Mércores 18 de xuño ás 21:30 no Pichel
Primeiros traballos
(Rani Radovi, Želimir Žilnik, Iugoslavia, 1969, 87′, VOSG)

 

Sorry, comments for this entry are closed at this time.