O amo e o escravo

Xuño 9th, 2014 | by cineclubedecompostela |

“Diso vai este xogo, de se agachar.” (Barret)

Reza o dito que cada tempo se define pola interpretación que este fai de Hegel. E semella que tanto Losey como Pinter sabían onde apuntar.  Autodefinido como “marxista romántico”, Losey compartía con Harold Pinter un pasado vencellado ao teatro e certa herdanza brechtiana. Valéndose da vella dialéctica hegeliana do amo e o escravo, ambos artellan n’O criado unha complexa radiografía do sistema de clases británico, con especial desprezo cara á aristocracia.

Pero o filme vai máis alá. O criado só move a cuestionamentos, non a respostas definitivas. Impide tirar dunha única lectura na relación amo-servo, pois polo filme desfilan pensamentos como loita de clases, vontade de poder, irrupción subversiva da sexualidade ou apropiación do goce do outro. Ecoan Marx, Foucault, Freud e Lacan segundo o caso. Tamén Nietzche, quen escribía “que a vontade prefire querer a nada antes que non querer”, e abofé que hai en amo e criado vontade de dominación antes e despois da inversión dos seus papeis, malia que non é doado concluirmos que a sumisión sexa só unha manifestación do medo e produto da sociedade, acó unha aristocracia británica reducida a caricatura. Porque segundo avanza, o filme deriva nunha sorte de aillamento do exercicio do poder da posición social dos protagonistas, onde Losey desbota vencellos unidirecionais até chegar ao desconcerto de quen o mira. Alí onde a dialéctica hegeliana deixa de subministrar chaves de interpretación, emerxe Foucault: “O poder está en todas partes; non é que o abranga todo, senón que vén de todas partes. […] O poder non é unha institución, tampouco unha estrutura, non é esa potencia da que algúns estarían dotados: é o nome que se presta a unha situación estratéxica complexa nunha sociedade dada.”

Mesmo se O criado deixa ás claras que a toma de poder é só unha cuestión de vontade onde os “oprimidos” teñen o poder real en situacións análogas ou malia que revele a sexualidade como elemento de poder e sometemento, o filme mantén unha abraiante opacidade porque Losey apalpa lenemente o misterio do invisíbel que repousa sobre as apariencias.

A través diso que se deu en chamar posta en escena, Losey artella un espazo barroco abafante, un terreo conquistado paseniño polo criado ao amo, unha espiral expresionista de picados e contrapicados que resaltan o sometemento, unha presenza inminente de espellos que representan a idea do dobre, da imaxe distorsionada, do outro. Afonda até os abismos de cada personaxe (incluidos os femininos) para enfrentalos diante de seu e dos outros a fin de que abrollen os misterios, os segredos que perturban a súa racionalidade pero tamén a do espectador. O criado mesmo invalida a propia tese primixenia hegeliana de que algo tan escuro como o medo á morte sexa a causa fulcral do sometemento. Fai imposíbeis as explicacións inmediatistas ou o sicoloxismo tranquilizador. Nada é explícito e nada é explicado, nin sequera finalmente. Nada máis que o acto de filmar e o seu misterio. E malia todo, non hai nada encuberto ou descuberto que non estea nalgún plano.

Mais d’O criado tamén abrollan inquedantes certezas. A decadencia coma forma de verismo, coma o noxo de experimentarmos a completa nulidade moral froito da degradación que emerxe ao espir o modelo dominante de toda unha sociedade. En definitiva, as miserias que ateigan as relacións entre seres humanos: a explotación, o desexo de posuír, a dominación duns sobre os outros.

(Gonzalo Pallares e Artevic Holgueras en Pensar (n)o cinema)

Mércores 11 de xuño ás 21:30 no Pichel
O criado
(The Servant, Joseph Losey, Reino Unido, 1963, 116′, VOSG)

 

Sorry, comments for this entry are closed at this time.