Transitar pola estrada paralela

Xuño 4th, 2014 | by cineclubedecompostela |

“Rodada en plena reconstrución xermana após da Segunda Guerra Mundial e composta na súa meirande parte de imaxes documentais gravadas mundo avante por Ferdinand Khittl e o seu guionista Bodo Blüthner, Die Parallelstrase (Ferdinand Khittl, 1962) amosa a vertixe dese mundo frenético, prodixio da xuntanza de técnica humana e natureza mentres Alemaña aínda camiña entre ruínas. O filme non só anticipa a categoría cinematográfica de ensaio antes de todo un Chris Marker senón que nos remite tamén á globalización capitalista do noso tempo.

Die Parallelstrase é a proba de que contra 1962 xa conflúen dous extremos no pensamento sen solución aparente de continuidade. Por unha banda, a hipertrofia das ideoloxías, do convencemento de que a verdade está a ser posuída e que na súa defensa calquera política é posíbel. A xustificación da loita por unha idea descubrindo o seu camiño. Camiños que baten, que se cruzan ou decorren paralelos. E por outra, a deglución de que a verdade é inasequíbel e a perda da inocencia nun tempo postideolóxico. Un dos personaxes do filme bota man de Wittgenstein e resume o dilema: “Estamos nunha situación absurda. É como cando lle preguntas a alguén por un enderezo e che responde: ‘Continúe recto. Daquela chegará a un punto onde só hai dúa rúas. Colla a rúa paralela’ ”. Wittgenstein deixaba unha esperanza para que a teima necesaria por desvelar a verdade se valera da linguaxe, testemuño que collerían  estruturalistas e postestruturalistas.

Exemplo nidio de pensar (n)un filme, Die Parallelstrase encarna unha caste de metacinema que engade ao labirinto lingüístico ao que enfronta personaxes e espectador a dificultade por demais de pensar a imaxe e a súa representación. O crítico Helmut Färber resumía o filme deste xeito: “Nunha sala ‘kafkiana’ cinco persoas ‘Ionesquistas’ atópanse nunha situación ‘Sartreana’, tentando resolver un problema ‘Camusiano’ ”. E Khitll bota man da bagaxe surrealista en todas as súas pólas, especialmente no absurdo e na poesía dos textos, coma único discurso posíbel de achegarse á ‘realidade’ documental.

Axeitada ou non, á vista das tentativas dos relatos posteriores e visionada hoxendía, o certo é que Die Parallelstrase deita no espectador o cuestionamento da verdadeira función da filosofía. De se non estariamos todo este tempo, coma as personaxes do filme, a debater até o infinito sabendo de primeiras que non habería conclusión. De se non esquivariamos a verdade. De se non andariamos, ao cabo, a transitar por unha rúa paralela.”

(Gonzalo Pallares e Artevic Holgueras en Pensar (n)o cinema, guía do ciclo da que poderedes ler unha primera parte o mércores 4 de xuño e na súa versión completa a partir do 11 de xuño)

Mércores 4 de xuño ás 21:30 no Pichel
A rúa paralela
(Die Parallelstraße, Ferdinand Khittl, República Federal Alemá, 1962, 86’, VOSG)

 

Sorry, comments for this entry are closed at this time.