Nick Ray e a casa das imaxes

Maio 19th, 2014 | by cineclubedecompostela |

“Lembro unha época na que nun dos catro cafés de Trocader, alguén (unha rata de cinemateca), podía soster que o máis grande cineasta vivo era x ou y, pero que quizais Nicholas Ray filmara a película máis fermosa do mundo. Certas tardes tratábase de Bitter Victory (1957), outras de Bigger Than Life (1956). Sempre houbo Nicholas Ray e logo os outros, como se entre el e o cine existise un vínculo privilexiado, sobre o que a nós correspondíanos velar. Xa sabiamos entón que a súa carreira non era fácil, que había crebar. Ray tiña o perfil de gran loser. Énfase? Romanticismo fácil. Si, pero tamén sabiamos —así o manifestara nunha entrevista nos Cahiers— que para el o cine apenas comezaba, que só o estabamos entrevendo, que nos sorprendería. Unhas afirmacións estrañas vindo dun cineasta de Hollywood. Unhas palabras que conviría non ter esquecido. Presentado en Cannes en 1973, redescuberto tralo seu pasamento en 1980, programado en inglés e ás agachadas no Action-Rapúblique durante unha semana, We Can’t Go Home Again (1973) confírmanos que tiñamos razón. Tiñamos razón ao situalo “aparte”. Posto que Ray, que xa non rodará máis, pecha, a título póstumo un círculo cinematográfico. Unha traxectoria única: só el permaneceu aferrado aos seus dous temas predilectos —a xuventude e o cine— nas súas máis recentes aventuras. Dende o seu exilio, dende un retiro, a comezos dos anos setenta, foi o único cineasta da súa xeración que ofreceu testemuño vivo do que ocorría coa mocidade e co cine. E non porque, a falta de algo mellor, se tivera liberado, no ocaso da súa vida, a certas “experiencias”, senón porque forma parte deses cineastas que non poden ser máis ca contemporáneos. Por esa razón gustaba tanto de Godard. Por iso na nosa imaxinación, Ray non envellecía nunca, non máis que no cine. We can’t Go Home Again é, simplemente, outra película de Ray, datada en 1973. Trátase coma sempre dunha película sobre a mocidade, posterior a 1968, xenerosa e falangueira, alucinada e pragmática, violenta e sentimental.

É coma sempre unha película sobre a educación, o gran tema de Ray, con, esta vez, o cineasta imbuído do que é: un nome, unha gloria murcha, o profesor de cine que fixo na súa época Rebel Without A Cause (1955). Unha película coma sempre sobre uns pais que non o son, que falsean a Edipo, que parodian a súa morte, que atan nós que non se poderán desfacer. Ray, cineasta godardiano: ao final da película afórcase pola noite nunha granxa, ante os seus aterrorizados alumnos. A voz en off do aforcado murmura a unha parella de mozos: “Take care of each other”. Como non pensar entón en They Live by Night (1948)? Outra película, coma sempre, sobre a imposibilidade de volver atrás, sobre a fuxida cara a diante, sobre a falta de fogar. Xa que a película é única: un cineasta desintegra e recompón nela o que continúa a materia mesma da súa película. A pantalla está poboada de imaxes máis pequenas que vibran, coexisten, mestúranse entre elas. Sobre un fondo negro, flotan berros e confesións, tal e como debuxan os nenos. Xa non unha casa para uns personaxes, senón unha casa para as imaxes que “xa non teñen casa”. O cine. Non poderemos xa volver ao noso fogar… En 1977, cando a primeira semana dos Cahiers causaba furor en Nova York, no Bleecker, souben que Ray —que daba clase un bloque máis alá— acababa de abandonar a sala durante a proxección de Número deux (1975). Corrín tras el. Pesentáronnos. Non lle gustara a película de Godard, para el demasiado dura, intelectual, autodestrutiva. Eu rin polo baixo. El mesmo, engadiu, filmara unha película parecida antes ca Godard: pero as bobinas, ao montalas de novo, perdéranse nalgún lugar. En 1980, Susan Ray, a súa viúva, veu a París con esas bobinas baixo o brazo. Quere acabar a película, montala de novo, engadirlle algunhas cousas, tal e como desexaba Ray, ao que o resultado non acababa de satisfacer. Fai ben? Non estou seguro diso. O que si é certo é que ningunha cinemateca do mundo debería durmir tranquila sabendo que non garda nas súas dependencias unha copia de We Can’t Go Home Again.”

(Serge Daney, Cahiers du cinéma, nº 310, abril, 1980)

Mércores 21 de maio ás 21:30 no Pichel
Non podemos volver a casa
(We can’t go home again, Nicholas Ray, EUA, 1976, 88′, VOSG)

 

Sorry, comments for this entry are closed at this time.