Catro curtametraxes cubanas

Abril 22nd, 2014 | by cineclubedecompostela |

O cinema cubano, que até 1959 producira pouco máis de 80 filmes e que fora tremendamente acoutado pola ditadura de Batista, ten a partir da revolución un desenvolvemento con poucas semellanzas no cinema mundial, dando lugar a que os historiadores falen do período comprendido entre o 59 e o 69 como a “idade de ouro do cinema cubano”. Nesta etapa, impulsado pola dirección revolucionaria xa desde a fronte, coa creación da Dirección de Cultura do Exército Rebelde, que despois dará paso ao Instituto Cubano da Arte e a Industria Cinematográficas (ICAIC), no cinema cubano agroman propostas, discusións e contradicións das que esta sesión pretende dar algúns exemplos, evitando nomes máis coñecidos como os de Santiago Álvarez ou Tomás Gutiérrez Alea.

No 1961, os realizadores afeccionados Orlando Jiménez Leal e Sabá Cabrera Infante percorren os bares do oeste da capital cubana, e cun equipo mínimo (unha cámara de 16 milímetros e unha vella gravadora de aramio), filman a noite da Habana en PM (Pasado Meridiano). O filme, influenciado polo free cinema do momento, amparado polo suplemento “Lunes” do diario Revolución e proxectado polo Canal 2 da televisión cubana, causo un amplo debate na intelectualidade cubana, tanto polo seu enfrontamento ao neorrealismo que defendía o ICAIC como pola “frivolidade” que recollía en plena época da tentativa de invasión de Playa Girón.

A segunda fita a proxectar, Coffea Arábiga, tamén desafía algunhas tendencias imperantes na Cuba da época. Froito dun encargo do ICAIC a Nicolás Guillén Landrián, sobriño do poeta Nicolás Guillén, para realizar un documental didáctico sobre o cultivo do café e o plan do Cordón da Habana, Guillén Landrián realiza en efecto un filme didáctico, mais sen renunciar ao experimentalismo e á ironía, na primeira incursión dunha linguaxe postmoderna na cinematografía cubana. Guillén Landrián, cuxa obra foi recuperada na illa nos últimos anos, era para o director Humberto Solás, xunto a Santiago Álvarez “un dos pais da documentalística cubana contemporánea”.

Por primeira vez, pola súa banda, documenta unha das principais iniciativas do ICAIC como difusor da cultura cinematográfica: a utilización dos cines móbiles para levar os filmes aos lugares máis apartados de Cuba. Esta curtametraxe de Octavio Cortázar mostra a experiencia duns labregos das montañas orientais da illa que, por primeira vez, ven un filme, en concreto o clásico de Charles Chaplin Tempos modernos. Opera prima de Cortázar, que despois desenvolvería unha longa carreira, o filme recolle as expectativas dos habitantes dunha aldea de Baracoa sobre o que pode ser o cinema, e despois a súa fascinación diante da pantalla, nun retrato do imaxinario sobre o cinema como fábrica de soños.

Para finalizar o programa, a modo de exemplo do cinema contemporáneo, poderemos ver Kung Fu 2003, realizado xa con posterioridade ao “período especial” que sufriu a revolución cubana tras a caída do bloque soviético. Kung Fu 2003 xorde a raíz da segunda invasión de Iraq polos Estados Unidos e reflicte con ironía e toques que lembran a A illa das flores a visión dun norteamericano sobre este conflito. O director, Tampico, naceu en California, pero foi en Cuba onde estudou cinema, e onde fundou o Movemento Internacional ShitArt, que tenta achegar o surrealismo á arte do documental e a curtametraxe.

Mércores 23 de abril ás 21:30 no Pichel
PM
(PM, Sabá Cabrera Infante / Orlando Jiménez Leal, Cuba, 1961, 13′, VO)
+
Coffea Arábiga
(Coffea Arábiga, Nicolás Guillén Landrián, Cuba, 1968, 18′, VO)
+
Por primeira vez
(Por primera vez, Octavio Cortázar, Cuba, 1969, 9′, VO)
+
Kung fu 2003
(Kung fu 2003, Tampico, Cuba, 2003, 15′, VO)

 

Sorry, comments for this entry are closed at this time.