Autografía

Maio 20th, 2013 | by cineclubedecompostela |

“O filme [Cor can que foxe] ten a súa orixe nun período de convalecencia durante o cal o director revisa unha serie de imaxes que almacenara en discos duros ao longo de oito anos. Imaxes que, no seu caso, superan a calidade espontánea e casual do arquivo doméstico, e preséntanse coma suxerintes postas en escena. Algunhas delas teñen un claro compoñente mítico: recrean micro-relatos cosmogónicos da súa Venezuela natal ou evocan de forma romántica un tempo perdido que, con todo, ficou tatuado a golpe de tacón nunha baldosa das Ramblas. Outras son rexistros de motivos visuais que remiten a espazos utópicos, coma o sinuoso percorrido polo voluptuoso cadro de El Bosco, ou son olladas fugaces a uns vídeo chats nos que subxace idéntica pulsión erótica. E as menos semellan tests, probas que poderían remitir a algún proxecto frustrado, mais que aquí inseridas se prestan a unha interpretación metafórica. Penso nunha escena na que Duque dá indicacións a un “actor” ao que, pouco despois de que perda o seu zapato, nós, os espectadores, perderemos de vista para sempre. Desde entón, e coma esta personaxe, tenderemos a seguir a corrente, camiñar descalzos en pos dun apoio que nos achande o camiño. Pero isto non ocorre. Ao longo da metraxe as imaxes-memoria sucédense a modo de secuencias oníricas e técense con tenues fíos narrativos nos que a “ficción” se funde co autobiográfico e biofilmográfico. O relato autobiográfico de Duque, ou se cadra sería máis axeitado denominalo autográfico, opera coma un prisma que descompón o eu en impresións, sensacións, afectos, obsesións, lembranzas e fantasías.”

(Elena Oroz en Color perro que huye, Blogs&Docs, xullo 2011)

Mércores 22 de maio, ás 21.30h no Pichel
Cor can que foxe
(Color perro que huye, Andrés Duque, Estado Español, 2011, 70′, VO)

 

Sorry, comments for this entry are closed at this time.