Juan Sebastián Bollaín

Decembro 4th, 2012 | by cineclubedecompostela |

- Para algúns, as películas que fixo nos anos setenta sobre Sevilla convertéronse en míticas.

- Teñen moito daquela época. Son underground e froito do meu gusto polo surrealismo, por Buñuel.

- Como naceron?

-Ben, son moi inconsciente co que fago. Apaixoábame o cine e fixen esas películas inventando todos os trucos. Non existía o vídeo. Parecía Buster Keaton. Esa é a orixe. Despois pedín unha bolsa para rodalas e inventei que eran parte dun proxecto sobre arquitectura. Acudín á Fundación March e tracei un discurso teórico que fora crible. Lembro que cando lle puxen ao tribunal, uns señores moi serios, esa escena na que se fala da Semana da Pornografía sevillana [proxectaba sobre ceo da cidade escenas de sexo explícito], quedaron pampos. En realidade, eu nunca tiven unha teoría sobre Sevilla.

- Déronlle a bolsa?

- Si. Non me discutiron nada. Non tiñan argumentos para dicir que o proxecto estivera mal. Tiven que escribir unha leria teórica que me deu moito máis traballo ca película. Escribín un argumento cos anacos soltos que tiña. Saíu a base de montaxe. Móvome por intuición, por paixón. Só lle dou forma ás cousas para que colen. Así que non podo dar unha idea da cidade. O meu proceso creativo entón e agora é un descontrol absoluto.

- Os temas que aparecen nesas películas aínda son actuais.

- As películas son parte dun proceso inconsciente. Fíxenas sen demasiada fe, sen preocuparme, con soltura. Sorpréndeme ver como daquela saíron temas como a preocupación polo medioambiente ou a especulación. Ás veces dígome: “Arre demo, que moderno era eu”. Quizais a miña sensibilidade daquela tiña certa conexión coa de agora. Aínda me sorprende.

- Aquela Sevilla era moi perralleira…

- Moito. O medio era perralleiro.

- …pero dáme a sensación de que a xente, daquela, sentíase moito máis libre que agora.

- Non o pensara. Naquela altura utilizaba mecanismos de produción que me deron liberdade. Non sei se era un privilexiado ou unha vítima. Botei man do Colexio de Arquitectos para que me axudara e traballar con eles foi unha ledicia. Ultimamente foi un inferno. Algo debeu mudar. A situación agora é máis patética, máis sinistra. Pasamos dunha sociedade neurótica a outra psicótica. Hai tempo procurábase espertar a conciencia porque era o único que curaba. Agora estamos inmersos nun silencio que é coma o que sufre un doente mental. O pensamento politicamente correcto é unha carallada. Mesmo internet, que podería ser un mecanismo de participación, está a ser fagocitado polo poder. Acabaran por controlalo. Igual que controlaron no seu momento a televisión.

(…)

- Dúas das súas películas contan a transformación da Alameda de barrio popular a espazo de elite.

- En 1978 xa querían botar ás clases populares. Iso é o que aconteceu. O que se ten feito no plano urbanístico é opinable. Pero dicir que foi participativo…

(tirado de Diario de Sevilla)

Mércores 5 de decembro, ás 21.30h
A Alameda
(La Alameda, Juan Sebastián Bollaín, Estado español, 1978, 40′, VO)
Sevilla tivo que ser
(Sevilla tuvo que ser, Juan Sebastián Bollaín, Estado español, 1978, 9′, VO)
Sevilla en tres niveis
(Sevilla en tres niveles, Juan Sebastián Bollaín, Estado español, 1978, 9′, VO)
A cidade é o recordo
(La ciudad es el recuerdo, Juan Sebastián Bollaín, Estado español, 1978, 8′, VO)

 

Sorry, comments for this entry are closed at this time.