O amor máis común e corrente

Novembro 15th, 2012 | by cineclubedecompostela |

O texto que segue leuse no mediodía de onte, 14 de novembro de 2012, na praza do Toural, no marco da manifestación pola folga xeral convocada polo Bloque Crítico Anticapitalista.

Este manifesto é unha construción colectiva: as palabras son de todas e atravesan a historia.

A propiedade é un roubo.

A propiedade intelectual tamén é un roubo.

Intelectuais somos todas.

Cultura é a túa vida. Cultura é o que existe cando dúas persoas falan.

Neste mundo no que gañar cartos é unha arte, traballar é unha arte e facer bos negocios é a arte máis elevada, a alta cultura non é a que defende os nosos intereses.

Cultura contra a refeudalización ideolóxica, contra as estatuas das rotondas: o que construímos entre todas é para todas. A nosa cultura non é un oficio: eu non sabía que eras escritora, só vin unha rapaza que veu aquí axudarnos a pintar un muro.

Nós pintamos o cadro porque somos o cadro: copiar, pegar, poder modificar. Nos mercados e paradas de autobús a xente fala das cousas, le libros, repite citas, escribe conclusións nas paredes.

Porque cremos en xeitos de crear e tocar música non xerárquicos.

A música non soporta as xerarquías. No centro comercial d’As Cancelas substituímos cada nota polo nome dun medicamento: alplazolán, lexatín… para os semitonos usamos combinados como o dexibuprofeno.

Reciclamos a carraxe. Para que nós, para que o poema, poidamos escapar da páxina: dinamitemos o fetiche. Que o que escribamos nunca sexa un documento de cultura sen que o mesmo tempo sexa un documento de barbarie.

No noso escenario, a rúa, un actor e unha actriz. Ambiente de ilegalidade con reflexos de neón:

Ela di: “Fai algo coa túa rabia”.

Ela di: “Estanos a medrar neve nas mans”.

O inimigo agóchase na opulencia do espectáculo. A arte ten que construír a disidencia. Nada fica fóra dos procesos de cambio: non parar tamén é unha posición. Así que pechemos Follas Novas, tomemos hoxe as sesións de Cineuropa.

Porque o fondo do aire é vermello.

Lemos un poema:

A quen che diga que o noso amor é extraordinario porque naceu de circunstancias extraordinarias dille que precisamente loitamos para que un amor coma o noso (amor entre compañeiras de combate) chegue a ser aquí o amor máis común e corrente. Case o único.

 

Sorry, comments for this entry are closed at this time.