A posibilidade dunha outra televisión

Abril 27th, 2012 | by cineclubedecompostela |

A idea dunha “outra TV” desaparece ou queda reducida a experiencias minoritarias e resistentes, mentres se estende a visión da televisión como un medio de puro entretemento mirado con desdén por unha esquerda tradicional cada vez máis obsoleta, e utilizado polos gobernantes como unha institución máis do consenso imposto.

Durante esta mesma década, os 80, o estado das autonomías e a aparición dos “grandes gabinetes de propaganda” nos que converteron as televisións autonómicas, chegaron practicamente ao mesmo tempo ao estado español. ETB, a primeira en emitir, ponse en funcionamento en 1983, e máis tarde faríano TV3 e TVG, seguidas de Canal Sur e outras máis tardías. Con escasa -por non dicir ningunha- tradición de independencia, os medios de comunicación públicos do estado español caracterízanse por unha estreita relación institucional, que coa chegada das televisións autonómicas evidénciase máis.

E con todo, tamén é certo que os anos 80 posibilitaron nestas televisións autonómicas a realización de formatos e experimentos audiovisuais que as décadas seguintes negarían, cargadas xa co peso do profesionalismo e a corrección política. A TV autonómica dos 80 abriu a posibilidade dunha “outra tv” ante o monopolio estatal de TVE (lembremos que as televisións privadas chegan a España en 1990), posibilitou espazos para a intervención de axentes exteriores e alleos á TV que renovaron formatos, e axudaron á normalización e ao uso das linguas propias, malia parecer bastante claro que foron instrumentos privilexiados da construción dos novos imaxinarios da “España do deseño”, da modernización e o cambio, e territorios fundamentais da construción do “consenso desmemoriado” que caracterizou o proceso transicional español.

Nesta intersección entre o renovado interese que suscitan as posibilidades da TV dixital entre investigadores e artistas (non en van no último ano asistimos a unha nova onda de exposicións e estudos sobre as relacións entre arte e o medio televisivo, como, por exemplo, ¿Estáis listos para la tv? (2010-2011) no MACBA, e coa vontade “arqueolóxica” de indagar a nosa memoria colectiva recente a través do arquivo televisivo de ETB para poder albiscar os mecanismos de construción dos imaxinarios propios, sitúase ElectroClass, unha investigación sobre as posibilidades de construírmos un imaxinario propio, de noso, da nova clase traballadora postradicional.

(fragmento de ElectroClass, María Ruído, outubro 2011, en http://www.workandwords.net/es/projects/view/584. O texto completo en galego repartirase na sesión do luns)

Luns 30 de abril ás 21.45 h no Pichel
ElectroClass. Apuntes sobre a xeración de imaxinarios postindustriais dende a televisión [Bilbao como caso de estudo]
(ElectroClass. Apuntes sobre la generación de imaginarios postindustriales desde la televisión [Bilbao como caso de estudio],
Maria ruido, 2011, 53’, VOSE)
Sesión presentada pola directora

 

Sorry, comments for this entry are closed at this time.