Cartaces do Cineclube de Compostela (2001-2011)

Xuño 13th, 2011 | by cineclubedecompostela |

O pasado 11 de xuño, ao abeiro das celebracións do 10º aniversario do Cineclube, presentamos o libro Cartaces do Cineclube de Compostela (2001-2011), onde se recollen, en pequeno formato, a meirande parte dos cartaces que a nosa asociación producíu nestes dez anos de andaina.

“Dende o punto de vista comunicativo, no que a forma é constitutiva, os cartaces do Cineclube de Compostela son a posta en discurso da consigna que identifica este acontecemento: partillar non é  delito, a propiedade intelectual é un roubo. Estamos diante do valor incidental dun obxecto, dun artefacto-reclamo que nos lindes da tradición construtivista utiliza os medios a bordo, o baixo custe e a velocidade de reprodución: branco e preto; tipografía sen apoios, da estirpe racionalista dos vinte e dos cincuenta, da Futura e da Helvética, con variacións para a escrita manual, de apontamento urxente, como pegada dunha aparición; contraste radical figura-fondo para, nalgúns casos, conducirnos cara ás prácticas do esterxido militante nos muros máis o look-vietnamita, de obxecto múltiple que acolle corpo, materialidade, a través dun dispositivo accesíbel, para a textura final.”

[Margarita Ledo en “O cartaz como ligame”, limiar de Cartaces do Cineclube de Compostela (2001-2011)]

O libro pode mercarse nas proxeccións do Cineclube de Compostela ou enviando un correo electrónico a cineclubedecompostela{arroba}gmail{punto}com.

Sorry, comments for this entry are closed at this time.