Non conciliados (11). Born Free

Outubro 28th, 2010 | by cineclubedecompostela |

Desfeita hai longo tempo a dialéctica traballo/lecer e substituída pola de traballo/consumo na que o segundo factor adoita aparecer como o privilexiado (lembremos que é moito máis doado atopar traballadores, sempre a piques de seren desprazados pola tecnoloxía, antes que consumidores) o Capital céntrase na procura do consumo mediante a usura, como se verá máis adiante, na súa extensión mediante a conquista continua de novos segmentos de mercado (as crianzas, a chamada terceira idade, os singles, os gays, etc) e a fabricación de novas necesidades.

ALBERTO LEMA, Variacións sobre un texto de Benjamin [pdf]

========================================

Un dos maiores triunfos do aparato propagadístico neoliberal foi o que conseguiu vincular mercado e liberdade e, por extensión, mercado e democracia. Pero ao tempo que en nome da liberdade se ían desmontando os logros do Estado do benestar que as clases populares conseguiran arrancar ao capital tras a fin da Segunda Guerra Mundial, a propia sociedade que debía ser suxeito da tan cacarexada democracia transformábase nun agregado de consumidores endebedados, traballadores precarios e inmigrantes excluídos envoltos nunha lóxica hobbesiá individualista, competitiva e antisocial.

DAVID RODRÍGUEZ, O que se aveciña [pdf]

========================================

—Envieiche un vídeo, víchelo?
—O de Una policía democrática?
—Si.
—Vino porque o busquei en Cubainformación pero quitárono de Youtube. A comunidade de usuarios considerouno inadecuado.
—Canta censura farán baixo o nome de «comunidade de usuarios»?
—Desconfía e acertarás. Pero o vídeo non me gustou moito.
—Por que?
—É un pouco o de sempre e non identifica as imaxes que utiliza das cargas da Garda Civil, a Policía Nacional, a Ertzaintza e os Mossos d’Esquadra. Penso que para comparar dese xeito unha actuación manipulada polos medios europeos como a da disolución da protesta das Damas de branco deberían facelo con outras accións concretas, situar quen recibe os golpes e en que lugar e contexto se dan.
—Hai un montón de vídeos que documentan a brutalidade das policías do estado español en Youtube .
—Xa. E case todos teñen música por riba coma este.
—O que me recorda outro que che quería mandar e tamén quitaron de Youtube, o vídeoclip que lle fixo o fillo de Costa Gavras
a M.I.A.
—Xa o vin. É xenial, brutal, encantoume. E a canción tamén…
—Seica se parece a Punishment Park…

XIANA ARIAS Historia(s) do vídeo [pdf]

==========================================

=================================

O venres 29 de outubro, as 20 horas, no local sindical da CUT en Vigo (Rúa Policarpo Sánz, 22-2º) preséntase Non conciliados. Intervirán Alberto Lema, David Rodríguez e Xiana Arias. Con este acto iníciase un ciclo de cine [pdf], baixo o epígrafe “Filmar a historia”, que ocupará as tardes dos venres até febreiro de 2011.

[Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural pódese conseguir nas proxeccións do Cineclube de Compostela, nos postos de venda de Estaleiro Editora, nas librarías Couceiro e Pedreira de Santiago de Compostela, na libraría La Central de Barcelona ou enviando un correo electrónico a cineclubedecompostela {arroba} gmail {punto} com]

Sorry, comments for this entry are closed at this time.