Non conciliados (10). Expropiación. Representación. Poder

Setembro 17th, 2010 | by cineclubedecompostela |


Se a arte non constrúe a disidencia, os espazos de creación, as novas formas de expresión ou revolta, non reivindica nin aporta novidade ningunha, mentres o espectáculo parece aniquilar a creación aberta e a política —organización social— mesma, seguimos á procura de miradas e voces de autentificación do mundo. A imaxe desposuída, exenta da fascinación do sistema-espectáculo, pode funcionar desde a mirada do coñecemento, que é tamén a do compromiso.

José Manuel Sande, «Extractos de resistencia. Antoloxía de textos expropiados» [pdf]

===================================

Verbo da representación, arte ou política manteñen —mesmo ao dárenlle servizo e in-formala— un litixio tan delongado como a propia modernidade. Arte ou política, no que cada unha pode, arelan o que non é. Coma o innomeábel de Beckett, asexan os dominios do ser, rillan a ficción intersubxectiva da realidade dacabalo dun infatigábel desexo. Coma Auguste Blanqui, empecen o reconto consabido do sensíbel, o amorío policial entre as palabras e as cousas; non só o empecen, senón que teñen asemade que inscribir entre o decíbel e o visíbel unha nova subxectividade4. Digamos: arte ou política son sentinelas do baleiro, traballando nas marxes do recoñecíbel; porfíando, nese baleiro, a afirmación do que inexiste. Pola contra, a representación precisa da mesmidade coma o patrón da plusvalía; expresa o que xa é —pregándoo á vez á súa parte identificada— en proveito dunha dialéctica negativa: fronte ao estado ou no ecrán —pero en ambas posicións, tocante ao mundo—, trátase de tomar o poder cando non, nas súas formas máis degradadas, de apañar as faragullas. Apoñámoslle: a representación carrexa canda si unha desigualdade interminábel porque, nin é nunca o que expresa, senón coma, nin o que é e ela vén expresar fica idéntico a si, non sendo a través do poder da súa ficción; de feito, o poder é un exercicio e non unha cousa, ao que cumpriría oporlle —para verdadeiramente interrompelo— unha relación de forzas positiva. Por iso, entre arte ou política e representación, durante a modernidade, media decote un desaxuste sensíbel: a mancha que reborda a figuración do cadro, ou o fotograma que detén algúns segundos o seu decurso, como as militantes que desoen a estratexia obxectiva do partido ou sindicato e apostan os seus corpos fóra da fábrica, a rentes dunha situación: «je ne rentrerai pas, non, je ne rentrerai pas!». De tal xeito que a materia ten disentido e a xente pensado, no marco da representación, contra a súa negatividade. Chamémoslle a esa constelación de tics,en cuxa estampa dexergariamos algo parecido a unha revolución cultural, resistencia.

Aurelio Castro, «5 veces 1: despois da representación» [pdf]

========================

«O intelectual dizia a verdade àqueles que ainda não a viam e em nome daqueles que não podiam dizê-la: consciência e eloquência. Ora, o que os intelectuais descobriram recentemente é que as massas não necessitam deles para saber; elas sabem perfeitamente, claramente, muito melhor do que eles; e elas o dizem muito bem. Mas existe um sistema de poder que barra, proíbe, invalida esse discurso e esse saber. Poder que não se encontra somente nas instâncias superiores da censura, mas que penetra muito profundamente, muito sutilmente em toda a trama da sociedade. Os próprios intelectuais fazem parte deste sistema de poder, a idéia de que eles são agentes da «consciência» e do discurso também faz parte desse sistema. O papel do intelectual não é mais o de se colocar «um pouco na frente ou um pouco de lado» para dizer a muda verdade de todos; é antes o de lutar contra as formas de poder exatamente onde ele é, ao mesmo tempo, o objeto e o instrumento: na ordem do saber, da «verdade», da «consciência», do discurso. E por isso que a teoria não expressará, não traduzirá, não aplicará uma prática; ela é uma prática.»

Os intelectuais e o poder. Conversa entre Michel Foucault e Gilles Deleuze
[tradución de Roberto Machado] [pdf]

==============================

O sábado 18 de setembro Alberte Pagán, Aurelio Castro, José Manuel Sande e Urro presentan Non Conciliados no Centro Social Ocupado Casa das Atochas, en Montealto (A Coruña).

[Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural pódese conseguir nas proxeccións do Cineclube de Compostela, nos postos de venda de Estaleiro Editora, nas librarías Couceiro e Pedreira de Santiago de Compostela, na libraría La Central de Barcelona ou enviando un correo electrónico a cineclubedecompostela {arroba} gmail {punto} com]

Chuzame! A Facebook A Twitter

One Response to “Non conciliados (10). Expropiación. Representación. Poder”

  1. By bautista álvarez on Set 17, 2010

    Non cabe a máis mínima dúbida:

    trotskistas!

Sorry, comments for this entry are closed at this time.