Contra a ‘blaxplotation’ e o filme social de final feliz
Como se desenvolve a historia de Matador de ovellas?
Charles Burnett: Traballara con outros cineastas que facían historias sobre a clase traballadora e eles, ao meu ver, tiñanlle unha visión romántica. Eran filmes sobre os traballadores, mais feitos por estudantes que estaban lonxe dese ambiente. Quería contar a historia dun home que pretende manter certos valores e que é constantemente levado por outras forzas, polo seus problemas na comunidade e polo tipo de traballo que ten. Ao tempo, quere facer o correcto para a súa familia. Non quería impor os meus valores no tema. Só quería mostrar a súa vida. E non quería resolver a situación impondo solucións artificiais como que virase médico ou diplomado, cando a realidade é que a meirande parte da xente non fai tal. Quería mostrar que hai un elemento positivo na súa vida e que, se resiste, é porque o ten aceptado.
Un crítico [Armond White] escribiu que Matador de ovellas era en certo sentido unha "resposta ás mentiras da blaxploitation". Foi certo, dalgún xeito?
CB: Dalgún xeito, si, moito. Moitos de nós estabamos furiosos con eses filmes, porque eran a única representación de noso no ecrán. Así que éramos conscientes de que saber iso era coñecer o inimigo, por así dicir. E aí estaban as imaxes aparentemente positivas como os filmes de Sidney Poitier que estaban moi ben, mais falaban máis para a comunidade branca que para os negros. Precisabamos todo o espectro, todos os rangos da experiencia negra. E houbo entón algunhas tentativas de filmes positivos e social-realistas onde as cousas estaban ben claras. Por exemplo, hai explotación nunha tenda, o xerente explota aos traballadores, así que a xente ten que xuntarse e pórse de folga.
Unha solución política cun corte claro.
CB: Si, e entón a explosión: tes os dereitos dos obreiros, e todo o mundo é feliz. Mais non era a realidade que eu vivía. E vin moitos filmes así. E preocupábanme tanto como os filmes da black exploitation.
(Anacos dunha entrevista de Nelson Kim a Charles Burnett. Podedes ler máis no artigo completo en inglés aquí)
Mércores 1 de Outubro ás 22:00:
Matador de ovellas
(Killer of Sheep, Charles Burnett, EUA, 1977, 83’, VOSG)
chúzame - 
