Arquivos de Marzo, 2008

A crueldade da realidade

Pó de estrelas (Alberte Pagán, Galiza, 2007)

"Alberte non ensina nada novo, todas as imaxes que nos ofrece nos invaden a diario, tanto nos telexornais como na prensa e na publicidade. Traballa con elas e úneas para nos facer ver a crueldade da realidade. Todas as fotografías pertencen ao seu álbum persoal, que ten recompilado ao longo de moitos anos. Nelas pode observarse certa fascinación pola crueldade e o desastre, pola beleza do horror."

(da crítica de María José López Navarro, que podedes ler completa en español aquí)

Mércores 2 de Abril ás 22:00:
Pó de estrelas (Galiza, 2007, VO, 24')
Os Waslala (Galiza, 2005, VO, 14')
(presentados polo director)

Chuzame! chuzame -

Comentarios

O risco da imaxe

Videogramas dunha revolución (Videogramme einer Revolution, Harun Farocki / Andrei Ujika, Alemaña, 1992)

"Restrinxíndose ao material filmado nos cinco días da cronoloxía revolucionaria, Videogramas rexeita a perspectiva confirmatoria outorgada pola retrospección do historiador. Pola contra, volta á historia pensándoa como un acontecemento, aberto ao incerto, á mudanza, á posibilidade. Esta investigación do acontecemento tele-visual rexistra a forza performativa da declaración revolucionaria, ou o que Walter Benjamin chamou "tempo mesiánico". Derrida describe a chamada mesiánica como "ese momento irreductible da abertura histórica do futuro [que] é sempre revolucionario". Ao tempo, para manter o futuro aberto, o mesiánico nunca chega realmente, senón que dubida. Explorando como o acontecemento é fotografiado, conxelado, cortado e troceado, Videogramas pregunta como a imaxe pode afectar aos espectadores dos medios coa forza do tempo recolucionario.

O filme colócase nunha relación crítica non só coa televisión, mais tamén coa historia do cinema documentario, especialmente coa apropiación do cinema verité e o cinema directo polo xornalismo. O que non fai Videogramas é opór a "verdade" do videoafeccionado móbil ás mistificacións dos medios de comunicacións de masas. A proliferación de cámaras manuais ao longo do filme non traballa para subvertir as tentativas de control da televisión pola transmisión centralizada. Porén, desque o tempo limitado do filme non nos ensina os efectos da revolución, non asegura, mais pola contra pregúntase se a descentralización da tecnoloxía mediática é igual á súa democratización. Isto non falla automaticamente en favor da cámara portátil con maior veracidade. [...]

Baudrillard formula o risco desta circulación global das imaxes ao preguntar "Porque non debería a imaxe, unha vez liberada, ter o dereito de ser falsa?". Máis que apatia ou indiferencia, a voz en off e a estratexia de montaxe de Videogramas, como o resto da obra de Farocki, mostra como a resposta ético-política a este risco require da práctica dunha lectura crítica que non predetermine o destino da imaxe. Esta responsabilidade atinxe á produción, a edición e a recepción da imaxe nun circuito de cálculo político, así como á súa singularidade, a súa estraña materialidade insubstancial, e á súa alteridade."

(de Young, Benjamin (2004): "On Media and Democratic Politics: Videograms of a Revolution" in Elsaesser, Thomas (ed): Harun Farocki: Working on the Sight-Lines. Amsterdam: Amsterdam University Press)

Mércores 26 de marzo ás 22:00:
Videogramas dunha revolución
(Videogramme einer Revolution, Harun Farocki / Andrei Ujică, Alemaña, 1992, VOSE)

(e podedes ver varios filmes de Farocki en Ubuweb premendo aquí)

Chuzame! chuzame -

Comentarios

11 teses sobre a política

O fondo do aire é vermello (Le fond de l’air est rouge, Chris Marker, Franza, 1977)

  1. A política non é o exercicio do poder. Debe ser definida por si propia, coma unha modalidade específica da acción, levada á práctica por unha caste particular de suxeito, e derivando dunha clase de racionalidade específica. É a relación da política a que fai posíbel concibir o suxeito político, non á inversa.
  2. O peculiar da política é a existencia dun suxeito definido pola súa participación en opostos. A política é unha caste de acción paradoxal.
  3. ...

(Jacques Rancière. Podes ler as once teses completas na tradución ao galego de Aurelio Castro Varela premendo aquí)

Chuzame! chuzame -

Comentarios

‘Dont Look Back’

Dont Look Back (D. A. Pennebaker, EUA, 1967, 96′)

BBC 4: Como reaxiu Dylan ao ver Dont Look Back?
DA Pennebaker: Fatal. Ensinámoslla nos Anxeles nunha pequena sá de proxección que alugara. A peor sá de proxección que nunca tivera, a cousa nin ía sincronizada a meirande parte do tempo. Vimos o filme e até a fin estivo de pe cun cuaderno amarelo no que ía tomar notas. Non tomou ningunha. Só dixo "Ben, vimos o filme agora, e imos ter outro pase mañá, e vou tomar notas para pensarmonos que é o que precisamos de arranxar". Iso púxome de baixón, de certo.

BBC Four: Que foi do que non gustou?
DA Pennebaker. Non creo que o soubera. Estaba simplemente abrumado. Viuse como se estivera nu na rúa. Non pensara que un filme puidese ser tan revelador. Sempre tivo ese rollo, como Ginsberg e Kerouac, de que se un garda as costas e non di nada a xente non vai saber de certo se és demócrata ou republicano. Pensaba que estaba protexido e de súpeto viuse a si propio, totalmente espido. Non creo que a meirande parte da xente o vexa, mais foi o que el viu. Así que a botamos outra vez ao día seguinte. Á fin, saltou co cuaderno, que seguía baleiro, e dixo "Perfecto". Así foi.

(D. A. Pennebaker, en entrevista para a BBC Four en 2005. Podedes ler a entrevista completa en inglés premendo aquí)

Mércores 12 de Marzo ás 22:00:
Dont Look Back
(Dont Look Back, D. A. Pennebaker, EUA, 1967, 96′)

Chuzame! chuzame -

Comentarios (1)

A mentira

Cousas de Kulechov (Susana Rei, Galiza, 2006)

"Cousas de Kulechov é en realidade unha chamada de atención sobre a manipulación da información polos grandes poderes e sobre a maior montaxe: a guerra. É un falso documental a partir de imaxes da realidade galega. Fixen un percorrido antropolóxico a través das festas e outro través de temas de actualidade como os incendios. Despois o experimento consistiu en montar montar as imaxes captadas e postas baixo o argumento dun ataque a Galiza por parte dun exército invasor. Procuraba poñer ao espectador diante da mentira dun conflito bélico inexistente.
Lembro que se me ocurriu unha mañá vendo as bateas na ría de Vigo. Por un intre pensei nelas coma nunha flota de guerra. Daquela fotografieinas e pensei logo en facer o documental. Penso que é unha idea que lle ten que interesar á xente. Quen non sinta interese pola guerra e a mentira é que non está neste mundo."

(Susana Rey, na entrevista feita por Antón Escuredo para A Peneira)

Mércores 5 de Marzo ás 22:00:
Cousas de Kulechov
(Susana Rey, Galiza, 2006)
(Presentado pola directora)

Chuzame! chuzame -

Comentarios