Arquivos de Xuño, 2007

Unha experiencia colectiva

A Comuna (Par�s, 1871) [La Comunne (Paris, 1871), Peter Watkins, Francia, 2000]

“Movémonos agora nun período ben sombrío da historia humana, onde a conxunción do cinismo posmoderno (que elimina o pensamento crítico e humanístico do sistema educativo); a avaricia absoluta enxendrada pola sociedade de consumo que barre moita xente coas súas ás nesa catástrofe humana, económica e ambiental que é a globalización, incrementando masivamente o sufrimento e a explotación da xente do chamado terceiro mundo; e a conformidade e estandarización das mentes, paralisadas pola sistemática audiovisualización do planeta, crearon un mundo onde a ética, a moralidade, a colectividade humana e o compromiso (agás o oportunismo) son considerados como “pasados de moda”. Onde o exceso e a explotación económica viraron norma, mesmo para aprender aos nenos. Nun mundo como este, o que aconteceu en París na primavera de 1871 representou (e aínda representa) a idea do compromiso coa loita por un mundo mellor, e a necesidade dalgunha forma de utopía colectiva social, que NÓS precisamos tan desesperadamente como un enfermo terminal precisa o plasma. A noción dun filme que mostrara este compromiso naceu, logo. [...]

Antes da rodaxe pedinlle ao reparto que fixeran a súa propia investigación sobre este acontecemento da historia francesa. A Comuna de París sempre foi severamente marxinada no sistema de ensino francés, malia o feito de que sexa un evento esencial na historia da clase obreira europea (ou talvez por iso) e cando nos vimos por primeira vez, a meirande parte do reparto admitiu que sabía pouco ou nada do tema. Era moi importante que a xente estivera directamente implicada na nosa investigación sobre a Comuna de París, co que se gañaba experiencia na analise dos aspectos do actual sistema francés que fallan na súa responsabilidade de fornecer aos cidadáns dun proceso verdadeiramente democrático e participativo. Definitivamente, o sistema educativo francés é unha das cousas que non está a funcionar neste aspecto. A súa marxinalización da Comuna de París é só parte dun problema maior, que inclúe a completa ausencia dunha educación crítica cos medios. [...]

Durante a rodaxe, o reparto tamén estivo envolvido nunha experiencia colectiva, ao discutir constantemente (entre eles, comigo e cos membros do equipo dirixidos por Agathe Bluysen) que dirían, como se sentirían e como reaccionarían perante os acontecementos da Comuna que se estaban a filmar. Ao tempo, Marie-José Godin preparaba as rapazas e as vellas que facían das nenas da escola católica e as irmás supervisoras, e aos dous curas católicos. O resultado de todas estas discusión trasladouse despois (ou apareceu espontaneamente) ás escenas que se filmaban en secuencias longas e ininterrumpidas, seguindo a orde cronolóxica dos acontecementos da comuna. Á meirande parte do reparto encantoulle esta forma de rodar, porque viron que lles ofrecía máis continuidade e experiencia que a práctica usual de rodar escenas curtas e inconexas. Moita da xente sentiu todo este proceso dun xeito excitante e estimulante, ben distinto da maneira planeada e escrita de facerense a meirande parte dos filmes. Este proceso tamén permitiu ao reparto improvisar, cambiar de ideas, relacionarse uns cos outros, con discusións reais durante a rodaxe, etc. Moitos atoparon esta maneira de rodar dinámica e experiencial, porque os obrigaba a abandonar as poses e o artificio, e levabaos a cuestionarse directamente a sociedade contemporánea, á que tiñan que enfrentarse ao momento [...]

Despois da rodaxe de A Comuna (como resultado da intensa experiencia colectiva) parte do reparto continuou a xuntarse regularmente nos meses seguintes, socializando e intercambiando ideas. O actor, pintor e pedagogo Jean Marc Gauthier desenvolveu a idea de crear unha asociación non xerárquica chamada “Le Rebond pour la Commune”. [...]

Aínda, hai aspectos de A Comuna (na súa concepción, nos métodos de rodaxe, na forma que tomou na edición) que están centralizadas dalgún xeito. O feito de que tente desenvolver formas e procesos alternativos de televisión non muda a realidade de que, en moitas cousas, sigo ancorado nas prácticas tradicionais e xerárquicas. Un pode dicir que é inevitable, que o proceso creativo require unha forza única que o guíe. Ao tempo, un debe pensar na extensión drástica que isto ten nos medios audiovisuais de masas, e na relación excesivamente xerárquica entre produtor e audiencia que se da como resultado. Acho que A Comuna dá exemplo de ambas as dúas formas, as egocéntricas e as abertas e plurais. O papel de A Comuna é pór en cuestión estes asuntos na comunidade, no lugar de traballo e na aula, porque tocan directamente o urxente debate sobre os medios e o proceso de globalización, que é o tema principal desta páxina web. Se un debate reflexivo sobre as prácticas do noso filme axuda a este proceso, mellor aínda! [...]

ARTE respondeu [cando Watkins se negou a realizar máis cortes no filme] que só emitirían a versión curta, para cinema, do filme, xa que a longa aínda estaba “incompleta”. Accedimos a isto, pero só se informaban ao público das razóns para non pór a versión orixinal, como pedíramos. Entón ARTE volveu cambiar de idea, decidiu botar a versión orixinal finalmente, a procedeu a recluíla ás marxes externas da súa programación, anunciando que a emitiría de 22:00 a 04:00 do 26 de Maio. Esto obviamente significaba que dous tercios do filme se emitirían mentres o público durmía. Pedimos a ARTE que emitiran o filme antes, ou en dúas partes en tardes consecutivas. Negáronse. O director de programación de Estrasburgo, que aparentemente nen sequera quixo ver A Comuna, desestimouno dicindo “non é un filme para o horario de máxima audiencia!”. Facendo isto, ARTE deliberadamente se asegurou de que A Comuna non chegase a máis de perto de cincuenta persoas en Francia (“a meirande parte deles, vixilantes nocturnos”, como comentara un xornal) e dun só golpe non só marxinaron o filme tan efectivamente como prohibíndoo, senón que tamén perpetuaron a marxinalización permanente da Comuna de París de 1871 nos medios e no sistema educativo francés”

Anacos das notas de Peter Watkins sobre A Comuna. Podedes ler o orixinal completo en inglés na súa páxina web.

Mércores 27 de xuño ás 22:00
A Comuna (París, 1871) parte I
[La Comunne (Paris, 1871), Peter Watkins, Francia, 2000, VOSG]

Xoves 28 de xuño ás 22:00
A Comuna (París, 1871) parte II
[La Comunne (Paris, 1871), Peter Watkins, Francia, 2000, VOSG]

Chuzame! chuzame -

Comentarios (2)

A dirección de actores por Jean Renoir

A dirección de actores por Jean Renoir (Gisèle Braunberger, Francia, 1968, VOSE)

Como se decidiu o dispositivo do filme, o escenario, o texto de A dirección de actores?
Foi Renoir quen escolleu o texto de Rumer Godden, co que fixera O río. Buscáramos un monólogo porque era máis sinxelo. O feito de sermos só dous permitía ademais ao operador seguir máis facilmente o que acontecía coas dúas personaxes. O escenario era o centro de investigación da ORTF, dirixido por Pierre Schaeffer. Este deixáranos, xentilmente, o plató á nosa disposición toda unha tarde. Renoir chegou á unha da tarde e marchaba ás catro. Tiñamos que facelos todo ou quedaría sen rematar.

Coñecías xa o texto ou déroncho na rodaxe?
Tiña que coñecelo por forza. Rodamos en tres horas. Vinte e seis minutos en tres horas. O texto sabíao de cor, non era imaxinábel facelo doutro xeito.

Fixeches entón unha lectura laboriosa?
Fixena sen a facer. Tentei esquecer, por así dicir, porque había que esquecer un pouco. Con esta economía de medios, non podiamos rodar doutro xeito. E non estou certa de que doutro xeito tivese estado mellor... A xente pensa que é verdadeiramente unha continuidade. Iso é a interpretación.

E ao tempo Renoir está a te dirixir de verdade?
Está, exactamente. A honestidade está en que me facía traballar de verdade.

Esas tres horas con Renoir cambiaron a túa experiencia como intérprete?
Despois nunca me volveron contratar. Algo debeu mudar. A xente diría: "coitada, se a fan traballar tanto para unha escena..." [risas]

(Anaco dunha entrevista con Gisèle Braunberger sobre A dirección de actores por Jean Renoir. Podedes ler o resto da entrevista en francés aquí)

Mércores 20 de xuño ás 22:00
Louis Lumière (Louis Lumière, Eric Rohmer, Francia, 1968, VOSE, 66 min)
A dirección de actores por Jean Renoir (La direction d'acteur par Jean Renoir, Gisèle Braunberger, Francia, 1968, VOSE, 26 min)

Chuzame! chuzame -

Comentarios (2)

Wa aleikum salam

Ousmane Sembène

Ousmane Sembène (1 de xaneiro de 1923-9 de xuño de 2007):

"No que di respeito a min, xa non apoio cuestións de pureza. A pureza para min é unha cousa do pasado... Sempre estou a me cuestionar. Non ando a buscar unha escola nin unha solución, senón a preguntar para facer pensar a outros".

"Esta loita subterránea, a loita da xente, semellante á do resto, é o que chamo heroísmo de cada día. Eses son os heroes aos que ningún país, ningunha nación lles da medallas, nunca lles fan unha estatua".

Chuzame! chuzame -

Comentarios (1)

Programacion para Xuño

progxuno

Mércores 6 de xuño ás 22:00
A ninguén lle importa
(Nobody's Business, Alan Berliner, EUA, 1997, VOSG)

Mércores 13 de xuño ás 22:00
O noso século (Mer dare, Artavazd Pelechian, Armenia [URSS], 1983, VOSPt)

Mércores 20 de xuño ás 22:00
Louis Lumière (Eric Rohmer, Francia, 1968, VOSE)
A dirección de actores por Jean Renoir (Gisèle Braunberger, Francia, 1968, VOSE)

Mércores 27 de xuño ás 22:00
A Comuna (París, 1871) parte I
[La Comunne (Paris, 1871), Peter Watkins, Francia, 2000, VOSG)

Xoves 28 de xuño ás 22:00
A Comuna (París, 1871) parte II
[La Comunne (Paris, 1871), Peter Watkins, Francia, 2000, VOSG)

Chuzame! chuzame -

Comentarios (1)

Condena polo acceso libre e gratuíto

Un condenado a morte escapou

O pasado 30 de Maio, o xuíz Pablo González Carreró Fojón estimaba a denuncia presentada pola produtora Cámara Oscura Películas SL contra o Cineclube de Compostela pola proxección de Terra negra. Coa súa sentencia, condénase ao Cineclube ao pago de 250 euros, máis intereses e custos, en concepto duns alegados dereitos de exhibición, ignorando por completo toda a nosa defensa. De nada serviu apelar a feitos como o dereito elemental de acceso á cultura, o permiso expreso do director para proxectar a fita, o boicote continuo da produtora ao filme ou o caracter sen ánimo de lucro do Cineclube.

Cunha redacción que mostra ás claras que intereses defende a lexislación actual de dereitos de autor no Reino de España, a sentencia culpa ao Cineclube de que o acceso público á proxección “foi libre –quer dicir, non restrinxido a investigadores ou estudosos, e nin sequera a socios da asociación– e gratuíto”. Asemade, no que semella unha brincadeira de mal gusto, a sentencia xustifica a aceptación íntegra do importe requirido por Cámara Oscura no feito de que “o filme non fora estreado comercialmente” en Compostela, aínda que no xuízo quedara ben probado, como o propio director manifestaba, que o produtor Pablo Llorca non ten pensado proxectalo, nin en Compostela, nin en ningún outro lugar.

Se estes son os delitos dos que se nos acusa, non podemos senón declararnos culpábeis. Levamos tempo tentando traballar por achegar á nosa cidade os títulos roubados á cidadanía polos circuítos comerciais, por abrir a nosa programación ao público máis amplo posíbel e por facer todo isto de balde. Por máis que este xeito de comprendermos a cultura como algo aberto e libre sexa considerado ilegal, nós non pensamos renunciar ao noso traballo. Por iso, acatamos esta sentencia xudicial, mais só pode provocarnos rexeitamento. Se non contamos coa legalidade, non nos queda outra que sabérmonos coa razón.

No Cineclube queremos agradecer, máis unha vez, as mostras de solidariedade que recibimos estes días de diversas persoas e colectivos. Por respecto a vós, e ás nosas propias conciencias, só podemos continuar cara adiante co noso traballo. E ímolo facer. Para alén da nosa programación, o vindeiro 6 de xullo contamos celebrar unha xornada en defensa da cultura libre, coa que financiarmos tanto o pago da soma imposta como a busca de novas estratexias para continuar proxectando filmes libremente. Mentres contemos co voso apoio, ningunha denuncia poderá pararnos.

Chuzame! chuzame -

Comentarios (12)

Saltar a un cantil

A ninguén lle importa

"Nunca fixen un guión [...] Cada un dos meus filmes é un salto a un cantil. Nunca sei como vou comezar ou rematar". (Alan Berliner).

Mércores 6 de xuño de 2007
A ninguén lle importa
(Nobody's Business , Alan Berliner,
EUA, 1996, VOSE, 60 min)

Chuzame! chuzame -

Comentarios