O Cineclube ante o xuízo por proxectar Terra negra

Maio 8th, 2007 | by cineclubedecompostela |

Terra Negra

O Cineclube de Compostela enfróntase este xoves 10 de maio a unha demanda interposta pola produtora Cámara Oscura Películas SL. Esta empresa privada reclama ao Cineclube o pago de 250 euros en virtude de supostos “dereitos de exhibición” pola proxección do filme Terra Negra o 21 de Febreiro de 2006. O xuízo realizarase a partir da unha da tarde no Xulgado do Mercantil nº1 da Coruña.

Desde o Cineclube de Compostela entendemos que as circunstancias nas que se realizou esta proxección están perfectamente axustadas á lexislación actualmente vixente, e considerámonos con dereito, tanto xurídico como moral, para non abonar esta cantidade. Esta postura, que cremos coherente con todo o noso traballo desde a nosa fundación no 2001, e da que se advertiu a Cámara Oscura Películas antes e despois da proxección, é a que vamos defender este xoves perante os tribunais.

O filme Terra negra ven sendo obxecto, desde a súa realización, dun boicote continuo por parte da produtora Cámara Oscura Películas, empresa administrada por Pablo Llorca, quen agora demanda ao Cineclube. Malia ao éxito que obtivo nos festivais nos que se puido ser presentada, o filme apenas puido ser visto no Estado, pola oposición da produtora, fóra de dúas salas de cinema de Madrid e Barcelona en agosto e algún pase reducido. O Cineclube de Compostela, interesado pola proxección do filme, púxose en contacto co director, Ricardo Íscar, e foi el propio, con dereitos morais sobre a fita, o que facilitou a copia que se expuxo na nosa programación, a única proxección na Galiza. Esta copia, ademais, respondía á montaxe orixinal do director, anterior á amputación obrigada por Cámara Oscura para deixar o filme en 92 minutos.

Mais, por riba de todo, desde o Cineclube queremos expresar a nosa defensa firme do acceso libre e gratuíto á cultura. Resúltanos inaceptábel ver como se traba o acceso á cultura en virtude duns supostos “dereitos” desde o mesmo sistema que permite e alenta que as empresas coarten, pervertan, manipulen e destrúan a liberdade creativa. A aposta do Cineclube é e vai ser a da liberdade total para acceder, difundir e mesmo utilizar a obra cultural, sempre que se realice fóra das lóxicas mercantís impostas polo sistema capitalista. A verdadeira censura radica en que a cultura se entenda en termos de consumo. A propiedade intelectual tamén é un roubo.

Por último, no Cineclube queremos agradecer todas as mostras de solidariedade que temos recibido desde que se coñeceu a demanda, así como as futuras que poidan chegar. O apoio da xente que estades a traballar, como nós tentamos facer, pola construcción doutro cinema, outra cultura ou outra sociedade máis xusta, é para nós a mellor proba de que imos polo bo camiño.

.

A cousa esta é mañá (xoves 10 de maio) ás 13:00 horas n’A Coruña. Cantos e cantas queirades vir, nós imos coller o tren que sae de Compostela ás 11:15 da mañá… o enderezo do xulgado é:

Xulgado do mercantil nº1
pza. Capitán Juan Varela, s/n
5º andar da Audiencia Provincial

6 Responses to “O Cineclube ante o xuízo por proxectar Terra negra”

  1. By cristobendito on Mai 8, 2007

    Camara Obscura, fillos de puta.

  2. By gzi on Mai 8, 2007

    Desde galiza independente, agência gráfica, solidarizamo-nos com o cineclube Compostela, autêntico referente na socializaçao do conhecimento e na democratizaçao do accesso às artes e à cultura.

  3. By cineclube on Mai 8, 2007

    Penduramos acó o comunicado que vimos de recibir no noso enderezo electrónico de Estaleiro Editora. Obrigad@s.

    “Caras companheiras do Cineclube de Compostela:

    Desde Estaleiro Editora queremos amosar-vos a nossa solidariedade e oferecer-vos o nosso apoio para o juízo do vindeiro 10 de maio.

    Somos conscientes do que supom um acontecimento tal para todas as pessoas que trabalhamos nessa frágil margem na que o sistema capitalista nos deita quando nom estamos dispostas a passar polo aro de copyrights, dereitos de autor e demais obstáculos para a livre circulaçom das ideias.

    Em Estaleiro Editora aplaudimos o jeito de trabalho impecável que tem levado até a data o Cineclube de Compostela e asumimos a sua política respeito das licenças como única possível para umha difusom saudável dos produtos culturais.

    Fica expressado portanto o nosso apoio e desde logo a nossa disposiçom a contribuír com os meios que estejam nas nossas mans para a vossa luta, que é tamém a nossa.

    Compartir nom é delito. Nom à SGAE.
    Saúde e abordagem

    Estaleiro Editora

  4. By zerovacas on Mai 9, 2007

    Sorte mañá. Supoño que todo irá ben

  5. By i. on Mai 9, 2007

    ha sair ben!

  6. By Irene on Mai 9, 2007

    Muitos ánimos e sorte amanhá!

Sorry, comments for this entry are closed at this time.