Raymundo

 

MEMORIA DE RAYMUNDO GLEYZER 

Eu non sei Raymundo, contabilizar...
Nin os días que levou
o silencio
deixando soidade,
nin o vento agoireiro que cargou
a túa imaxe de compañeiro,
de amigo,
de latinoamericano comprometido... 
Eu só sei que faltas,
que non estás
irmán arxentino,
eu só evidencio que a túa cámara:
amiga dos probes,
instrumento dos de abaixo,
xa non rexistra
a dor dos que bradan,
dos que loitan...
Ficou silandeira
nun armario,
se cadra cunha película a medias... 

Lembro Mérida o 681
A túa sinxeleza,
o teu traballo solidario,
atento á tenrura.
E lembro Bos Aires no 71,
o café da túa casa,
o proxectos amoreándose
no ollar... 
Gardo esa memoria e dóeme
esa cámara enmudecida
cunha película a medias. 
É certo que xa ninguén
poderá acalar a luz dos teus filmes
Nin os teus asasinos,
nin o silencio,
nin a soidade dun armario.
Elas fan parte
da nosa memoria colectiva,
da Historia,
da loita,
da liberación?
Nelas está viva a inocencia,
o amor ao ser humano,
o que lle doe ao inimigo...
Está o mellor de ti
E iso non morre Raymundo,
nin a bala,
nin a coitelo morre,
nin na sala de torturas 
A luz dos teus filmes
Raymundo!
luz! 

Jorge Sanjinés, Bolivia, La Paz, abril de 1985 

[Poema publicado por Cinelibros, número 5 da Cinemateca Uruguaia, en 1985. Do cineasta boliviano Jorge Sanjinés, o Cineclube de Compostela proxectou os filmes O sangue do cóndor, Así é! e Revolución. Do arxentino Raymundo Gleyzer, A terra queima, Os traidores e Mátanme se non traballo e se traballo mátanme. Tradución de Daniel Salgado].

Chuzame! chúzame -

7 Comentarios »

  1. d. Said,

    xaneiro 12, 2007 @ 2:46 pm

    O poema de Sanjinés dificilmente podía ser máis ruín, carallo.

    Que volva a ‘O sangue do cóndor’ ou barbarie, socialismo
    ou poesía da experiencia (diría A.G.).

  2. Castrov Said,

    xaneiro 18, 2007 @ 12:35 pm

    O filme, por aí lle anda ao poema.

  3. rlc Said,

    xaneiro 18, 2007 @ 12:49 pm

    non concordo. has ter que te explicar…

  4. d. Said,

    xaneiro 18, 2007 @ 1:05 pm

    A min pareceume personalista, afectado, cinematograficamente efectista, demagóxico -ese final- e será denunciado nas asembleas.

    E non multiplica o caso Gleyzer por 30.000, que sería o honesto.

    Pero paga a pena miralo, que conste.

    Saúde ou barbarie, non é?

  5. rlc Said,

    xaneiro 18, 2007 @ 1:43 pm

    home, non sei. coido que o valor primeiro, e vai alén do filme, é que a partir do traballo de ardito e molina se recuperou o traballo de gleyzer e a visión nada cumprida que este transmite do que foi pasando na arxentina cando el viviu (xa sei que isto non é argumento, non se discute). algo de todo iso si que se entende.
    logo, o filme en si non é charramangueiro, e o feito de escoller unha estrutura narrativa convencional (arquivo-entrevistas-voz off, avanzo cronolóxico do filme), que vai empecer o distanciamento, non quita que se lle vexa unha vontade de construír un relato con dignidade. Se cadra si é un filme “grandilocuente” para lembrar un cineasta que non facía filmes dese estilo, e concordo co que falas de que se cadra pon o caso particular de raymundo gleyzer por riba do momento histórico, mais para o meu ver, “Raymundo”, sendo un “bio-pic”, foxe da estrutura de reportaxe ao uso para este tipo de filmes e fica ben á beira das patacadas haxiográficas que estamos afeitos a aturar.
    Logo, madia leva, hai outras cousas a quilómetros de “Raymundo”, por caso “A tomba de Alexandre”, do Chris Marker sobre A. Medvedkin, claro.

  6. Castrov Said,

    xaneiro 18, 2007 @ 1:50 pm

    En xeral, pareceume un barullo visual e sonoro, moi achegado á estética televisiva común.

    A rebelión latinoamericana, coma a das Encrobas, non precisa cancións dos Beatles nin todo ese balbordo perenne. Emoción de balde. Ás veces nin sequera se sentían as declaracións. E tampouco creo que houbese un pensamento demasiado forte verbo de Raymundo Gleyzer e do cinema que se facía arredor.

    Unha biografía acrítica. E daquela non abonda, para min, trate o tema que trate.

  7. d. Said,

    xaneiro 18, 2007 @ 1:53 pm

    Iso que dis da distancia entre ‘Raymundo’ e o cinema que facía o propio Gleyzer é ben interesante e o principal aspecto negativo do filme. (Para correspondencia acaída, nunha situación semellante, ‘CCCV’ e as propias filmacións de Carlos Varela).

    E charramangueiro si que me parece -esas “cortinillas”, esas músicas- e algo de patacada haxiográfica tamén ten.

    Abofé que resulta positivo que contribuíse a recuperar a obra do Gleyzer -só por iso paga a pena-.

    Ou barbarie

RSS feed for comments on this post · TrackBack URI

Leave a Comment