Novembro: Ao oeste dos camiños de ferro

Ruínas do Futuro

Mércores 22 de novembro | 22.00
Ao oeste dos camiños de ferro (Vestixios)
Tie Xi Qu, Wang Bing, China, 2003

vindeiras proxeccións:
(mércores 29: Camiños de ferro)

***
Lu Xinyu: Ruínas do Futuro. Clase e historia n’O distrito Tie Xi

Este artigo de Lu Xinyu foi publicado na New Left Review, nº32 de maio/xuño 2005. A autora é profesora e cinema na Universidade de Fudan, Xangai. No ano 2003 publicou en Pequín Documenting China: The Contemporary Documentary Movement in China.

A tradución dende o castelán é de Ramiro Ledo Cordeiro.
Descarrega o PDF pinchando aquí

***

O Cineclube de Compostela ocuparase durante todo mes de novembro da proxección dun dos filmes máis importantes do noso tempo: "Ao oeste dos camiños de Ferro", do chinés Wang Bing, dá conta da desestructuración da industria nun barrio en Shenyang. As catro partes do filme suman nove horas que se proxectarán os mércores de novembro ás 22.00 no local social O Pichel.

***

"Se hai un, e só un, filme que sintetice as formulacións e logros do novo
documentario chinés, ese é, sen dúbida "Ao oeste dos camiños de ferro"
(Tiexi Qu, Wang Bing, 2002-2003), auténtica obra mestra do movemento cuxo
visionado permitira falar a un entusiasmado Alain Bergala da "conturbadora
sensación de que este filme inaugura de xeito radical a nova era
cinematográfica". Rodado ao longo de ano e medio nun decrépito distrito
industrial de Shenyang, o filme -estruturado en tres partes relativamente
independentes e cunha duración total de nove horas- constitúe un
extraordinario fresco verbo dos efectos do desmantelamento das tradicionais
factorías da cidade e o desolado panorama social e psicolóxico dos seus
habitantes. Auténtica suma dos diferentes métodos e rexistros consagrados
para o novo documentario chinés, mais tamén da súa dimensión participativa e
do compromiso cívico, Tiexi Qu é unha obra participativa e de compromiso
cívico, Tiexi Qu é unha obra encol da cumprirá volver nos anos vindeiros".

(Alberto Elena)

***
Descarrega a programación de novembro en pdf pinchando aquí

Chuzame! chúzame -

16 Comentarios »

  1. d. Said,

    novembro 23, 2006 @ 10:47 am

    Asistencia a ‘Ao oeste dos camiños de ferro - Vestixios -parte III’: 8 persoas.

    Velaquí os seus iniciais, en homenxe aos valentes:

    E.P.
    E.M.
    I.C.
    T.M.
    R.L.
    X.C.H.
    A.C.
    D.S.

    Saúde e república (popular galega),
    socialismo ou isto.

  2. t.3 Said,

    xaneiro 11, 2007 @ 6:26 pm

    … ou como convertir a non asistencia a un filme nun acto de terrorismo cultural e intelectual.

    A prepotencia e condescendencia que destila esta mensaxe contra todo aquel que non acudiu a sesión é xusto o extremo contrario do que o cineclube debería aspirar a ser.

    ¿e para cando medallas para eses 8 valentes?

    Socialismo ou complexo de superioridade.

  3. d. Said,

    xaneiro 12, 2007 @ 12:48 pm

    Medallas é o que merecían, abofé.

    E, efectivamente, acudir en masa a ver a penúltima de Almódóvar e deixar de ir mirar este monumento do cinema contemporáneo -estritamente contemporáneo- amosa non un acto de terrorismo cultural, se non como o terrorismo cultural triunfa mesmo entre sectores a priori exentos dos seus efectos.

    Socialismo ou complexo de superioridade?
    Socialismo ou Almodóvar, socialismo
    ou televisión.

  4. t.3 Said,

    xaneiro 12, 2007 @ 8:26 pm

    Precisamente esa xente que acude en masa a ver tanto o último filme de: Almodóvar, Scorsese, Ken Loach, Clint Eastwood, González Iñárritu e a cona que o pariu (dos que tampouco compre estar demasiado afastado, sempre hai que saber o que se critica), non son os que exercen o terrorismo cultural, senón as súas víctimas.

    Non estamos (nin estaremos nunca, por fortuna) en condicións de exercer sobre o noso público potencial a mesma manipulación coa que se ven acosados polos grandes (e non tan grandes) medios de comunicación. Simplemente podemos ofrecerlles o que coñecemos e conseguimos e no que cremos que poidan estar interesados.

    ¿Medallas? Sí, por seis anos e pico de programación envexabel e impecabel, por ser os primeiros en Galicia (e en todo o estado español) de achegar este filme o público.

    ¿Medallas para os asistentes a devandita (e polo que semella, épica) sesión? Non, nunca gustei de ombliguismos.

    E ala… socialismo ou socialismo.

  5. d. Said,

    xaneiro 15, 2007 @ 12:48 pm

    Seguro que sempre hai que saber o que se critica?

    Non o sabemos xa?

    A hexemonía, segundo A. Gramsci.

  6. Castrov Said,

    xaneiro 15, 2007 @ 1:01 pm

    Dáme que non estabas aquel día. Facía un frío de carallo e o traballo agardaba menos de oito horas logo. En calquera caso, para min a medalla foi ver o filme. Ser citado polas iniciais, máis ben unha anécdota.

    Non che amolará a ti que non aparecese J.V.?

    Por certo, toda esa leria das víctimas do terrorismo da industrial, quere decir que as persoas non teñen responsabilidade sobre o que han ver, máis aínda quen gasta a súa cinefilia na erma Cineuropa?

    Pola miña banda, voume manter afastado de Almodóvar e CIA. Esa é tarefa complicada. Non achegarse a eles, porque xa andan por todas partes.

    Kracauer, a respecto dunha obreira inglesa: “Non é que ela coñecese a canción. Era a canción a que a coñecía a ela”.

  7. i.c. Said,

    xaneiro 15, 2007 @ 2:24 pm

    Propunha o grande timoeiro Mao Zedong como método na busca de soluções marxistas, modificando a fórmula clásica, uma tripla receita: Autocrítica, Crítica, Tese final ou solução. Ao outorgar(-nos) medalhas aos escasos assistentes a um filme esquecemos apenas o primeiro dos requisitos do chinês, mas não é pouco. Polo demais, por suposto que estou orgulhoso de ter ido à sessão e suportado aquele frio. Mas também considero um fracaso próprio termos sido tão poucos.

    E ala, que o meu catarro não me dá para razonar mais.

  8. d. Said,

    xaneiro 15, 2007 @ 5:53 pm

    Daquela,
    agardamos a tese final ou solución.

    Entrementres, traducimos.

  9. d. Said,

    xaneiro 15, 2007 @ 5:57 pm

    Por certo, compriríanos a máis de un arriba firmante ler Roque Dalton -pero tamén a teoría-.

  10. t.3 Said,

    xaneiro 16, 2007 @ 12:47 pm

    Doume por aludido e apunto a proposta da lectura (teórica) de Roque Dalton, e en directa correspondencia suxiro, con novos folgos polemizantes, que a mais de un dos arriba firmantes tamén lle compriría escoitar ós socios para saber porque as sesións do cineclube están cada vez máis desertas. Pode que iso axude no campo da autocrítica do colega I.C. (co que non podería estar máis de acordo).

    En canto ó arriba firmante Castrov (o cal seméllame que corresponde co misterioso A.C. que acudiu á xa célebre sesión), dicirlle que xa non é que non me amole que as miñas iniciais (J.V., por se queda algún despistado) non aparecesen, e que estaría porfundamente disgustado se iso fose así. Nunca me gabei de ter asistido a sesións máis minoritarías aínda, como o Entusiasmo de Vertov, ou a Tierra de España de Joris Ivens, e a nivel persoal considéroas rotundos fracasos, e non orgullosas probas de resistencia.

    Por último quixera incluir aquí unha reflexión. O primeiro dos meuss comentarios foi colgado en resposta ó que me parecía unha declaración (en palabras de outra persoa) “revanchista e innecesaria. Considerto que todo o debate posterior é de todo punto positivo para o cineclube, porque pode facernos reflexionar sobre todo o que está a acontecer estes últimos meses.

    E nada, o que non quera socialismo, dous tazóns,

  11. Castrov Said,

    xaneiro 16, 2007 @ 1:11 pm

    Se os “rotundos fracasos persoais” son cousa cuantitativa -o número de xente- no canto da falla dun espazo colectivo, honesto e por que non, minoritario e pouco visíbel, que habiten unha, dúas, tres persoas (un, dous, tres Vietnams), o problema vén a ser outro.

    Por certo, que quen faltou ás sesión d´O oeste dos camiños de ferro foi tamén a metade de persoas que aceptaron proxectala, en asemblea. De aí se cadra as iniciais.

    O de Mao paréceme unha parida mercadotécnica. Será o catarro.

    Bicos

  12. t.3 Said,

    xaneiro 16, 2007 @ 2:14 pm

    Señor Castrov, non me manosee os testículos, que á hora de ir a sesións de proxección dubido que haxa alguén que faltase menos os últimos catro anos que o arriba firmante (rondando o paroxismo cando nunha sesión na sala Yago á que asisitiron máis de cen espectadores)fun o único de todos os que decidiron proxectar a película en estar aquel día). Se isto vai a convertirse nunha discusión de quen ten os meirandes e máis bonitos xenitais de todos, mellor comezamos a colgar aquí fotos deles.

    Volvendo a temas de discución máis serios, en canto á creación dun espazo colectivo, xa me dirás de que sirve se é minoritario e pouco visíbel. Non sei o resto, pero eu sigo mantendo que o principal obxectivo dun cineclube debería ser o de aproximarlle ós espectadores cousas que descoñecen ou non poden ver polos seus medios.

    Para convertirnos nunha asociación invisíbel pechamos o blog, a conta de correo, deixamos de imprimir cartaces, ímonos do Pichel e comezmos a proxectar no salón de casa sen ningún horario fixo. Se isa é a idea de cineclube que queremos, paréceme lexítimo, pero ide deixando de contar coa miña presenza.

    E unha aperta.

  13. t.3 Said,

    xaneiro 16, 2007 @ 7:38 pm

    … e para pechar esta discusuión que (desgraciadamente) derivou cara o insulto persoal, arrepíntome, fago acto de contricción e aínda fustígome polas miñas verbas nos dous últimos comentarios.

    Coido que me trabuquei ó falar dos casos puntuais dos filmes de Ivens e Vertov utilizando argumentos semellantes ós que quería criticar (o que enlaza co motivo primixenio de que escribise o meu primeiro comentario)

    O traballo persoal de cada un de nós non pode convertirse en cabalo de batalla para defender as nosas opinións, e coido que non se lle pode botar en cara os demais cousas como as comentadas ó longo de toda esta (xa demasiado longa) discusión.

    Nada máis, a pegar cartaces e proxectar filmes, que é o que queda.

  14. Castrov Said,

    xaneiro 17, 2007 @ 12:20 pm

    1. Nin a túa nin ningunha outra presenza debería ser imprescindíbel no Cineclube. Que feas quedan estas chantaxes, sempre.

    2. Non escribín nin unha soa liña cunha persoa concreta nos miolos. Se te das por aludido, daste ti.

    3. Por certo, a invisibilidade coma estratexia política non a inventei eu. Agardo a saber cal propós ti, que non sexa a estratexia “prime-time”. (Amais, minoritario e pouco visíbel era, poño por caso, Nick Drake).

    4. Non me retracto de ren até o XX Congreso. (Non perdamos o humor).

    Máis bicos (para todos/as)

  15. t.3 Said,

    xaneiro 17, 2007 @ 1:35 pm

    A mero modo informativo, se les á Ruta do mes pasado, a entrevista de Joe Boyd, este sinala que un das principais razóns da depresión e suicidio de Nick Drake foi o non ser coñecido nin recoñecido polo público (triste, pero certo).

    Mais isto non vai con segundas, non vaia ser…

    (e xa que eu non penso ir ó XX congreso, haberá que buscar algún outro escenario para o combate de boxeo)

  16. Castrov Said,

    xaneiro 17, 2007 @ 1:59 pm

    A mero modo informativo: que Nick Drake non enchese daquela estadios nin sexa agora (porque non o é) un superventas, non invalida a súa trascendencia na historia na música. E alén dos seus discos, impórtame un carallo as súas depresións. Non era amigo meu. Nin teu.

    Máis que escreber, lese con segundas.

    Por certo, se non quedou claro, reafírmome outra volta en cada palabra.

RSS feed for comments on this post · TrackBack URI

Leave a Comment