Máis Doclisboa

Novembro 3rd, 2006 | by cineclubedecompostela |

En outubro, o mundo enteiro cabe en Lisboa

Entre o 20 e o 29 deste outubro, Lisboa é un dos referentes europeos para o cinema documental, a través do Festival Internacional DocLisboa. Un intenso programa de 95 filmes de todo o mundo que nos levou da guerra de Bosnia á escura realidade do desemprego na antiga RDA após a «caída» do muro de Berlín; das minas de Laciana ou de Potosí aos territorios palestinos ocupados polo exército de Israel, ao Xapón, a Miranda do Douro… Estivemos nas salas para contaloLisboa.

[Ramiro Ledo. 2/11/2006]
Durante dez días dende hai catro anos, vén pasando en Lisboa un dos referentes europeos para o cinema documental. Entre o 20 e o 29 deste outubro, 21.259 persoas pasaron polas salas de cinema da Culturgest para veren algún dos 95 filmes que formaron o programa do 4º Festival Internacional de Cinema Documental de Lisboa – Doclisboa 2006.O documental xaponés contemporáneo (Naomi Kawase, Makoto Satô), o israelí Amos Gitai, a relación do cinema co mundo laboral, xunta unha serie de sesións especiais adicadas á realizadora finlandesa Pirjo Honkasalo ou aos filmes que compuxeron a mostra paralela “Ficcións do Real” (armada polo cineasta Pedro Costa) tracexaron o decorrer desta edición do festival.

Competición internacional
A competición oficial pechábase o sábado 28 á tarde coa proxección da fita que, ao cabo, recollería o galardón á mellor curtametraxe: A ponte encol do Drina (Xavier Lukomski, 2005). O filme, gañador tamén este ano no Festival Punto de Vista de Nafarroa 2006, ancóranos na cidade Bosnia de Visegrado. A alternancia de varios planos dende o mesmo punto en distintos intres do día coas gravacións en audio dun tribunal marcial dan unha curta que se achega dalgún xeito ao espírito dos filmes de Jean-Marie Straub e Danièle Huillet (finada esta última hai unhas semanas).
A mellor longametraxe para o xurado foi Terra Negra (2005), do cineasta de Salamanca Ricardo Íscar. O filme, que se puido ver en Galiza o pasado mes de febreiro no Cineclube de Compostela, é o froito da convivencia entre os habitantes do val mineiro de Laciana (León) e o realizador durante un ano. Para nos achegar o cotiá, Íscar descende cos propios mineiros ao seu lugar de traballo. Pouco e pouco, guíanos pola man dende o íntimo da convivencia diaria até a tensión de arrepío que confunde o perigo de filmar co perigo do traballo da mina e arrinca arreguizos dun medo compartido (“lisquemos de aquí axiña, que en canto isto colle movemento non queda máis que rezar!”).

Competición portuguesa
Pintura Habitada (Joana Ascensão, 2006) acadou o premio para a mellor longa documental portuguesa. O filme, impecábel, compón con imaxes e sons un retrato da artista plástica Helena Almeida a través da súa obra. Pintura, deseño, fotografía, vídeo e construcións sonoras forman o traballo de Almeida dende o seu paso polas avangardas dos anos sesenta, disciplinas que Ascensão integra no seu filme con delicadeza e ben facer xogando coa montaxe e o distanciamento. A competición portuguesa decidíase coa que o festival xulgou a mellor curtametraxe: Onze burros caem no estômago vazio, na que Tiago Pereira (que fixo el só o filme) recolle a tradición oral de Miranda do Douro ao fío das historias e cantigas populares a pé feito destes animais.

O cinema, vehículo do pobo
Emporiso, os filmes sobranceiros do festival foron os que a directora do Festival Cinéma du Réel de París, Marie-Pierre Duhamel Müller, escolmou para a sección paralela Mostrar Trabalho. Marie-Pierre enceta así a presentación do ciclo: “O dominio da liberdade comeza onde o traballo determinado pola necesidade para” (Karl Marx). E a historia do cinema escoa xunta a historia das sociedades. Do canto aos mineiros do Dombass no Entusiasmo de Dziga Vertov na Unión Soviética de 1930 até o Potosí do traballo mineiro da Bolivia de 2005 en Nosotros los de allá (Can’t Do It in Europe), ou cando o traballo vira en espectáculo para turistas, feito polas mozas suecas Anna Weitz, Anna Klara Ahrén e Charlotta Copcutt.
O ciclo esboza unha historia do cinema de clase dende a beleza dos filmes de Flaherty (Industrial Britain) ou o lirismo de Vittorio de Seta (Sulfarara, Parabola d’Oro), nos que o traballo é o tema do canto, mais non hai outra divindade que non sexa o home a quen o poema se dirixe. Obras fermosísimas verbo do cultivo do azafrán en Irán (Zafaran) ou conmovedoras (Maria, de Sokurov), filmes “clásicos” da historia do cinema documental (Salesman, dos irmáns Maysles) e a testemuña do Godard máis activo (Seis por dous, British Sounds). Fronte a aquel ou aquela que traballa, o cineasta é outro traballador, rodeado de traballadores que fan parte do seu equipo.

De entre a escolla de filmes, Wittstock, Wittstock (1997), do alemán Volker Koepp. O cineasta aproveita o material que vén filmando dende 1974 verbo dunha serie de mulleres empregadas na fábrica téxtil desta vila da República Democrática Alemana. 1974-75, 1977-78, 1983-84. Edith, Elsbeth e Renate, as tres mulleres que construirán ao cabo o filme, van de xolda e bailan, contan os seus soños, casan, teñen fillos. 1990. En “caendo” o muro de Berlín e co esboroamento da Unión Soviética a fábrica, nacional, é privatizada de socato e as mulleres son o primeiro alvo. Nun ano as tres están desempregadas. O filmar de caloroso distanciamento do Koepp, facendo sempre brillar a dignidade dos seus personaxes, déixanos en 1996 cunha taxa de desemprego feminino na zona do 90%.

Ocupación
No que pretendeu ser unha achega ao traballo do cineasta de Israel Amos Gitai, xuntouse a este Doclisboa unha selección de traballos que abrochan dende unha triloxía que dará lugar a máis outras dúas encol do conflito Palestiniano con Israel. Da triloxía que forman Casa (1980), Wadi 1981 (1981) e Diario de campaña (1982) xorderán co tempo Unha casa en Xerusalén (1998) e Novas dende a casa (2005) por unha banda e Wadi 1981-1991 (1991) e Wadi Gran Canón (2001) pola outra.
A historia da que rebenta Casa: un médico palestiniano abandona en 1948 a súa morada forzado polo goberno de Israel, que llela arrenda en 1956 a uns inmigrantes xudeus. A casa mércaa un profesor universitario e o filme funciona a xeito de teatro como metáfora da ocupación israelí. Este filme, o primeiro de Gitai, foi prohibido pola televisión de Israel. Noutro rexistro, Wadi 1981 inicia unha serie que pretende facer do contrapunto de Casa, nun val ao leste de Haifa. Gitai pretende amosar unha zona de convivencia entre inmigrantes xudeus superviventes dos campos de exterminio nazis e os árabes que foron expulsados das súas casas. O realizador estivo presente durante o festival para falar dos seus filmes e impartir unha aula verbo do seu cinema.

Ollando en fite ao Xapón
O filósofo, profesor e cineasta Makoto Satô, convidado ao festival para dar, coma Gitai, unha aula verbo do cinema documental xaponés contemporáneo, aproveitou para presentar os seus filmes Vivir no río Agano (1992) e Memorias de Agano (2004). O segundo é un regreso ás xentes que vivían no decurso do río Agano cando filmou o seu primeiro traballo, Vivir no río Agano. Para este filme, Satô foi cun equipo de sete persoas vivir nunha casa alugada nas montañas xunta o río durante catro anos. Nese tempo, artella un filme fermosísimo retratando a relación de proximidade entre os diferentes veciños afectados polos vertidos de mercurio que a Showa Electric Company deitou no río Agano.
Canda Satô, veu tamén dende Xapón a cineasta Naomi Kawase. Kawase colle a cámara en Embracing (1992) para filmar a busca do seu pai, que non chegou a coñecer. Traballo fundacional do seu facer de cineasta, partiu del até ir dando engordiño á luz unha esteira de filmes sinceros que van seguindo as diferentes etapas da súa vida. Dela víronse Katatsumori (1994), Letter from a Yellow Cherry Blossom (2002), Ceo, vento, lume, auga, Terra (2001) e o seu último filme, Tarachime (2006). E, madia leva, en outubro o mundo enteiro cabe en Lisboa.

Víronse daquela unha boa presada de filmes nesta edición do Doclisboa, festival que anda á procura dun lugar entre a avangarda europea do documental contemporáneo. Pola traxectoria que leva, cun ollo sempre aberto cara ao documental chinés e xaponés, premiando en anos anteriores traballos enormes: Ao oeste dos raís (Wang Bing) ou Before the Flood (Yan Yu e Li Yi Fan). Xa consolidado, é unha cita obrigada para calquera afeccionado ao cinema e camiña con paso afouto para se converter, canda o Festival Cinéma du Réel parisino, no ecrán documental europeo que nos achega cada ano os vieiros que habita o cinema contemporáneo.

***

Publicado o 2 de novembro en http://www.culturagalega.org/temadia_arquivo.php?id=8808:

Chuzame! A Facebook A Twitter

One Response to “Máis Doclisboa”

  1. By d. on Nov 3, 2006

    Aquí, en Compostela, no canto dun festival serio e duro, temos unha macedonia do peor e máis moribundo cinema contemporáneo, sen orde nin concerto, da que resultan directamente responsábeis os covardes programadores das salas estábeis da cidade, que non son quen de proxectar, sequera, a penúltima flatulencia emitida polos cadáveres da Nouvelle Vague (we’re in it only for the money, di Chabrol fregando as mans mentres J.L.L. lle doura a píldora en rolda de prensa). Iso si, ninguén se move porque todos queren saír na foto.

    Que nos queda?

    O carallo

Sorry, comments for this entry are closed at this time.